30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.

26/06/2008

Simplicissimus


Wu Ming preséntanos as catro regras basicas do País Simple (e simplificado). Primeira Regra: Eliminar a dúbida. O País Simple é un país a priori. Segunda Regra: Reducir o mundo á verdade necesaria. X é sempre igual a X. O País Simple admite unha única identidade. Terceira Regra: Eliminar as minorías. No País Simple a democracia vai da man da maioría. Cuarta Regra: Eliminar a información. O País Simple só admite a tautoloxía.

Unha das consecuencias do proxecto ZP 2.0 quere ser a simplificación de España, o tránsito da España Plural á España Simple e a mudanza da esquerda plural na esquerda simple; ambas as súas simplificación son requerimentos necesarios para resolver a máis complexa alquimia política: pasar de ser maioría minoritaria a ser maioría absoluta.

Corremos o perigo de simplificar, pero as catro regras semella que están a tornarse nos piares comunicacionais do goberno do PSOE. [1] Non dubidaban cando afirmaban (hai tres meses) que non había crise nin agora cando se sostén que a cousa pinta fea e ben fea ou simplemente e cinicamente que é opinábel. [2] Teiman en reducir todas as alternativas á verdade necesaria: Eles gañaron as eleccións e o premio é gobernar, os demais non as gañaron (ou as perderon) e non poden condicionar a gobernalidade de ningunha maneira. Toda crítica é enterrada na lodeira da demagoxía. [3] O gasto en tensión bipartidista realizado na campaña electoral prosegue á procura da máxima simplificación e do descarte de forzas participantes nas decisións: hai unha maioría [minoritaria] e sobra cunha única minoría [a poder ser moi minorizada], as outras minorías [nacionalistas] non poden ser tomadas en conta. [4] Hai que adelgazar a información até deixala liofilizada cunha machacona repetición da mesma idea expresada en formas diferentes; eis é o cuarto esforzo supremo destes primeiros meses da nova andaina gobernamental. A idea é simple: eles son a forza do cambio, todo o demais é involución.

En medio de tanta simplicidade comeza abrirse paso unha evidencia: só cambiarán de estratexia se son forzados ao cambio. Sobra unilateralismo e falta concertación de políticas. A catálise innovadora do goberno de ZP e do PSOE está esgotada e as eleccións do 9-M non abriron un novo ciclo de reformismo forte, ao contrario, cancelaron o talante, o diálogo e a construción dunha maioría plural para a trasformación democrática do Estado e o avance político e social dos dereitos dos cidadáns. Camiño dos cen días non é que o programa sexa pobre, simplemente non hai balance. O único cambio é o triunfo dun transformismo baldeiro que conduce a ningures.

25/06/2008

O emperador

O emperador do mestre K. cumpre tres décadas. Escribiuno, catro anos despois do derrocamento do Rei de Reis, debullando testemuños para reconstruír un ecosistema político aleitado coas materias primas de toda autocracia: a discrecionalidade máis absoluta e a submisión máis extrema. «Engaiolábame a estrutura do poder autoritario e o seu funcionamento, e atopei no réxime de Haile Selassie e na forma en que funcionaba o seu pazo e a súa corte un exemplo fascinante de poder autoritario –confesoulle a Ricardo Cayuela Gally– fascinábame tanto ese tema porque en Polonia viviamos baixo un réxime autoritario e esas analogías de funcionamento parecíanme chocantes e clarificadoras a un tempo».

Biografía do poder absoluto


Guiado por Teferra Gebrewold, un antigo responsábel do Ministerio de Comunicacións durante o reinado do Negus, Kapuscinsky procedeu como un coleccionista desexoso de recuperar «cadros condenados á aniquilación para facer con eles a exposición da antiga arte de reinar»; nun «país en que se coñecían só os métodos máis crueis da loita polo poder».

Esa vontade restauradora da memoria deseña a trama fundamental da súa narración. Na súa cerna, o retrato de Haile Selassie reflectido nas voces dalgúns dos seus colaboradores máis directos: «Un personaxe simpático, un político perspicaz, un pai tráxico, un avaro patolóxico; condenaba á morte a inocentes e indultaba a culpábeis por simples caprichos do poder, sen máis: labirintos da política de pazo, ambigüidades, escuridade que ninguén é capaz de esculcar.»

Kapuscinski ofreceunos unha biografía do poder que desvelaba a natureza dual do Elixido de Deus: «Naqueles anos existían dúas imaxes de Haile Selassie. A primeira –coñecida pola opinión pública internacional– presentaba ao Emperador como un monarca talvez un tanto exótico pero valente, ao que caracterizaban unha enerxía inesgotábel, unha mente esperta e unha profunda sensibilidade; como o home que plantara cara a Mussolini, recuperando o imperio e o trono, e que se fixou o ambicioso obxectivo de sacar ao seu país do subdesenvolvemento e xogar un papel importante no mundo. A segunda imaxe –que ía formando gradualmente a parte crítica e, ao principio, pouco numerosa da opinión pública etíope– presentaba ao Monarca como un soberano capaz de facer calquera cousa con tal de manter o seu poder e, ante todo, como un gran demagogo e un paternalista teatral, que cos seus xestos e palabras enmascaraba a venalidade, a cerrazón e o servilismo da elite gobernante, por el creada e mimada.» Para recoñecer finalmente que «como adoita ocorrer na vida, ambas dúas as imaxes eran auténticas».

Contra a cancelación da conciencia histórica


Trinta anos despois, «Etiopía, o país da miseria máis espantosa e da ignorancia máis atroz» presenta unha fasquía callada de continuidades e rupturas: os derrocadores do León Triunfante de Xudá foron a súa vez derrocados, pero non houbo Restauración do pasado pero tampouco avances fundamentais que mellorasen un escasísimos logros da experiencia do socialismo (ir)real no Corno de África. Os «discursos cesáreos sobre o desenvolvemento» soan tan ocos como hai tres décadas; a miseria máis espantosa segue a gobernar a vida de millóns de persoas e a señardade polo Emperador non pasa do estampado das camisolas nas que compite con Bob Marley.

Resisten moitísimo mellor o paso do tempo as páxinas de Kapuscinski e axúdannos a emendar a súa diagnose sobre a obsolescencia prematura da prosa xornalística e a necesidade «ensaificación» para superar o seu esgotamento inmediato: «A capacidade de retentiva do home é cada vez máis escasa. Hoxe asistimos á desaparición da conciencia histórica. A historia substitúese polo collage. As xeracións en proceso de maduración a penas saben o que ocorreu hai vinte anos. Este é un fenómeno enteiramente novo. Esa ruptura co pasado suxire a pregunta de como escribir con este transfondo para que ao día seguinte non se converta en papel de refugallo. [...]. Como evitar que a propia escritura se volva obsoleta tan rapidamente?» En O emperador atopamos un excelente manual de estilo para superar a desmemoria e a escrita con data de caducidade inmediata.

19/06/2008

Decisións infames

Malos tempos para a lírica comunitaria europea. Pouco crédito fica das promesas maximalistas para a construción da Europa Social. Encánanse iniciativas que nos abanean entre o abraio e o noxo. Ampliación das xornadas laborais ás 65 horas; fiscalización rexistral dos blogs e a xa bautizada como a Directiva da Vergoña que vén consagrar unha infame vulneración dos dereitos dos inmigrantes.

Europa enrócase cunha norma que permite aos Estados membros reter aos inmigrantes á espera de expulsión, incluídos os menores, en centros de internamento até un máximo de 18 meses e que, tamén, prohibe volver á UE durante cinco anos a calquera inmigrante que sexa expulsado dun Estado membro. Como ben evidenciaron Delors e Rocard non deixa de resultar preocupante que «o primeiro proceso de codecisión sobre inmigración sexa un proxecto ligado á represión, antes de que as condicións de acollemento e de integración dos estranxeiros non comunitarios». A proposta chega cando aínda está quente o estrepitoso fracaso do Cumio da FAO sobre a fame no mundo, un dos catalizadores fundamentais das ondas migratorias desde o Sur Global.

Os eurodeputados do Partido Socialista (agás excepcións: Borrel, Obiols e Grau) aplaudiron da Directiva, bendicida tamén polo Goberno de España, aínda que esta é unha emenda á totalidade dos valores e dos novos dereitos cos que se adornan electoralmente. Triste de asombrar que se entenda que hai que apoiar a Directiva por ser «un avance na creación dunha política de inmigración común». É unha mala política común e tamén unha brutal recuada no respecto aos dereitos fundamentais das persoas inmigrantes ademais de ser unha vítoria dos peores postulados da máis resesa dereita. Semellante xiro copernicano respecto das políticas inmigratorias rebaixa a credibilidade do proxecto Zapatero 2.0 e a confiabilidade na súa política de valores.

Avaliando as enquisas sobre a mantenza de valores racistas e sexistas realizadas por WorldPublicOpinion.org, Peter Singer deixou unha achega sobre a asunción falsaria de certos novos valores: «Isto pode significar que as enquisas [...] indican non unha igualdade xeneralizada senón unha hipocrisía xeneralizada. No entanto, a hipocrisía é o tributo que rende o vicio á virtude, e o feito de que os racistas e os sexistas deban pagar este tributo é sinal de que algo se avanzou moralmente. As palabras teñen consecuencias, e é probable que o que unha xeración diga pero non crea verdadeiramente, a próxima si o crea e mesmo actúe en consecuencia. A aceptación pública das ideas é en si mesma un tipo de progreso, pero o que realmente importa é que xera presión que se pode utilizar para obter avances concretos.»

A Directiva da Vergoña evidencia, malfadadamente, un cambio de rumbo: nesta Europa sen proxecto social xa non hai lugar nin para a igualdade xeneralizada nin para a hipocrisía xeneralizada. Acabaremos tendo señardade daquela Europa de dobre rexistro moral xa que a que agora se nos anuncia é simplemente infame.

18/06/2008

De redes e nacións


A oito mans, David de Ugarte, Pere Quintana, Enrique Gómez e Arnau Fuentes, traballan na redacción de De las naciones a las redes, un ensaio sobre o declive das nacións como formato de construción identitaria e a emerxencia de novas identidades nacidas da redes virtuais. Tendencia que se expresa con crecente forza sendo cada vez máis as persoas que desenvolven a súa vida económica e social sobre a base de novas comunidades on line.

A tese nuclear da obra é que a globalización e o desenvolvemento das TIC favorecen a o tránsito «dunha sociedade de economía e comunicación descentralizada –o mundo das nacións– a un mundo de redes distribuídas», fenómeno que ten como consecuencia que cada vez sexa menos doado para as persoas identificarse en termos de nación. Auguran os autores que «por iso aparecen novas identidades e novos valores que a longo prazo acabarán superando e subsumindo á visión nacional e estatalista do mundo».


A lectura que nos propoñen desta megatendencia é tan brillante e suxestiva que ben pode agochar outra tendencia non menos relevante: as nacións que non se arquitrabaron na existencia dun Estado, as nacións dos pobos sen historia (que diría Hegel) atoparon na rede un recurso para a expresión, normalización e constución do seu autogoberno (virtual) e identidade.

O imaxinario actual de moitas nacións, no dealbar do século XXI, estase a construír na Rede e tamén en rede. O espazo político-cartográfico de Galiza é un, pero existe unha Galiza extensa da que xa nos falou Castelao que sobarda as fronteiras autonómicas do noso autogoberno actual e que amplía horizontes nos territorios da Gallaecia e dos galegos na diaspora e a emigración. Así calla vagorosamente unha Galiza Global que ten por referencia un espazo social, económico, cidadán, territorial e cultural que sobarda os lindes do mapa de Fontán.

Esa Galiza, tan planetaria como difusa, anoda ligazóns a través da Rede e faino, en moitos casos, con claves identitarias e de normalización lingüística e cultural máis sólidas, sustentábeis e solventes que a Galiza off line. Tan reais como os neonomades dos que nos falan Ugarte et alii son os neocidadáns dixitais que se identifican e se autodeterminan como nación na Rede. Os librepensantes de Luzes de Galicia deixaron escrito que Galiza ben pode desaparecer. Na Galaxia Gutenberg e na Galaxia McLuhan esa ameza era / é moito máis preocupante que no mundo global da Rede. Ou cando menos así aparenta.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

05/06/2008

O no do aforcado


En A gaiola aberta, Roger Bartra identifica os tres lastres que pexan as tentativas modernizadoras da dereita en México: o integrismo católico; o enxalzamento dunha identidade nacional deformada; e os vencellos cos sectores máis tradicionais da economía. Diagnose tamén aplicábel a outras dereitas máis próximas xa que como subliña Bartra «hai moitos que cren que a definición mesma de dereita baséase neste nó de tradicións, e que se se desata estragarase a posibilidade de definir este espazo político na idea de que «unha “dereita moderna”, libre destas ataduras, sería un absurdo».

Integrismo católico, uniformismo españolizante e inmobilismo especulativo nos mercados son os tres cabos que forman tamén o nó de aforcado que encora ao Partido Popular. O seguidismo do programa COPE, a sacralización do unitarismo estatal e Pizarro como homo oeconomicus son a fórmula fracasada o 9-M. Mariano pode gañar o Congreso pero resulta moito máis dubidoso que a dereita sociolóxica se alivie significativamente deses tres compoñentes ultraconservadores nos que macera desde o 2000. O cisma entre o PP-liña Rajoy e unha parte do seu zócolo socioelectoral é o prezo por purgarse do «faescismo». Economía de risco: perder agora para gañar máis tarde. Aí mídese a viabilidade política do marianismo.

04/06/2008

Soidades zapatistas


Laura Castellanos, xornalista, e Ricardo Trabulsi, fotógrafo, armaron Corte de caja con dúas macroentrevistas ao subcomandante Marcos e con retratos en Cidade de México e Chiapas. Unha síntese adiantouse en Gatopardo, agora sae a segunda edición do libro tras esgotar os primeiros 2.000 exemplares. Sublíñase a perda de vigor dos vencellos do zapatismo cos intelectuais e coa esquerda en México e no mundo. O seu isolacionismo mediático faise sentir de xeito ancorante. Unha intervención contrainsurxente gaña credibilidade e entolda o futuro. Marcos exprésao claramente: «Estamos como en 1993, pero ao revés. Daquela estabamos preparando o alzamento, sen medios, sen xente, sen atención, non existiamos logo, pero agora é ao revés. É o goberno o que está preparando o ataque.» Illado, á defensiva, xa hai quen cualifica a Marcos como un «mito en crise».Tanta soidade constrasta coa simpatía política e a solidariedade doutrora. Entre tanto abandono o éxito editorial é o único que bota pouco de luz sobre a situación desesperanzada do EZLN e non estraña que o Subcomandante faga un eloxio da indefinición estratéxica: «O EZLN está nunha indefinición, estamos afeitos a iso e é así como nos saen mellor as cousas». Agardar e ver, zafar como se poida.

03/06/2008

Taxonomías

Diferenza entre un político e un líder? A resposta é de López Burniol: «Sinxelamente, que un líder percibe con claridade a situación en que se atopa o seu país, conforma un proxecto de futuro, expono sen rodeos e a xente séguelle porque ten credibilidade e, en consecuencia, identifícase con el. En cambio, un político esgota o seu quefacer na conquista e a preservación do poder, utilizando métodos de mercadotecnia.» O proxecto Globe investigou os atributos dun liderato eficaz nas diferentes culturas e atoparon patróns de conduta que definen o líder en todos os países: 1) liderado carismático ou baseado en valores (inclúe condutas relacionadas coa inspiración, a visión e o autosacrificio); 2) liderado orientado ao equipo (inclúe condutas como colaboración, integración e diplomacia); 3) liderado auto-protector (define ao líder centrado en si e consciente do status); 4) liderado participativo (define a un líder democrático con tendencia a delegar); 5) liderado humano (define ao líder modesto e orientado cara aos demais) e 6) liderado autónomo (define ao líder individualista e independente). Que elemento impide que o líder torne en caudillo? A madureza da cultura organizativa que o arrodea. Que fai que se converta nun «político»? A natureza desa mesma cultura organizativa.