Tamparrantán. É unha palabra do dicionario materno que non aparece no da RAG. Define unha sacudida brutal, unha descarga eléctrica forte, un golpe sorpresivo e contundente, tamén o infarto. O día 1-M sofrimos un tamparrantán electoral maiúsculo. Máis que unha causa hai unha multitude de razóns para compoñer a explicación do fracaso electoral do BNG e do PSdeG. Comezo a debullar algunhas que a min me parecen relevantes e que quizais para moitos non expliquen nada.
Duplo poder
A comparanza do acontecido en 2005 e 2009 permite chegar (agora) a unha primeira conclusión: hai tres anos e pico o Partido Popular perdeu as eleccións por non ter feito unha oferta renovada do seu liderado, daquela máis que gañar o BNG e o PSdeG perdeu Manuel Fraga e a súa oferta continuísta. Con Feijóo, ou mesmo con X.M. Barreiro, é ben posíbel que conservaran a presidencia da Xunta de Galicia, bastáballes cun pouco de frescura e redeseñar máis audazmente o seu cartel electoral para volver sumar unha maioría parlamentaria. Non o fixeron e perderon. En todo caso, nós non lle concedimos demasiada importancia ao resultado (paradoxal) daquelas eleccións: o BNG e PSdeG faciámonos co goberno e o Partido Popular quedábase co (resto do) país.
A repartición, ratificada despois nas eleccións municipais, supoñía que mentres as forzas da coalición ocupaban os principais centros de decisión da sociedade política, o Partido Popular se acantoaba no centros de poder da sociedade civil e en poderes políticos de segundo nivel. A ilusión e a confianza ilustrada no goberno como forza transformadora agochou aos nosos ollos, ou nos fixo desprezar, esa situación efectiva de poder dual. Gramsci Consultores teríanos dito que poder sen coacción e con baixa capacidade de convicción non caducan hexemonías, aínda así a potencia dos novos recursos de poder parecían suficientes para modificar co tempo a correlación das súas forzas e as nosas debilidades. Galiza tiña de partida dous gobernos: o do PSdeG-BNG e o do Partido Popular.
Nestas condicións, non inéditas xa que o mesmo sucedera nos tempos do goberno tripartito de González Laxe, ao Partido Popular bastáballe con resistir pero ao PSdeG e ao BNG non lle era suficiente con dirixir as institucións do autogoberno galego. Gramsci Consultores podería ternos advertido tamén que o Partido Popular perdera o consenso pero conservaba a autoridade, e que a coalición BNG-PSdeG gobernaba pero non era dominante. Jimmy o Santo [Andy García], o protagonista da magnífica Cousas que facer en Denver cando estás morto, formulouno dun xeito máis gráfico: «Podes ser un home cun garfo nunha terra de sopas.» E aí estabamos nós cun garfo intentando gobernar a terra de sopas do Partido Popular.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
5 comentários:
Paréceme unha análise moi lúcida. Agardo con ansia as seguintes entregas.
Non sei por que insistimos en predicir. Se nos conformásemos con querer ver... Moi ben, Ian, moi ben.
Os números do Partido Popular nas dúas eleccións son esencialmente os mesmos. O que trocou nesta vez foi o descenso nos dous partidos que gobernaron. Sendo o seu análise, Ian, moi razoábel, de seres así temo que a conclusión sexa que o que tiñan os partidos do goberno eran demasiados votos prestados ou votos conxunturais. Cara onde foron agora?
Por qué non se fidelizaron? En que se lles decepcionou? Houbo algún trasvase do PP ao goberno agora?
Moitas preguntas que supoño serán contestadas nas seguintes entregas, pero que fan que leve dende o domingo ben triste.
Os números do PP han aumentar cando se lles engadan os do CERA. Imaxino que a suba da participación iría en boa medida a eses 70.000 votos que conseguiron o voto en branco, UPyD e Tega. Pero está claro que houbo trasvase de votos do bipartito ó PP, sobre todo nas cidades.
(E "touporroutou" é o que dicía o cego de "Divinas palabras")
Mea culpa, mea culpa, sr. sHs: Esquézome sempre do CERA, será que considero que son votos que non deberían ter dereito a ser emitidos.
Dito o cal, que mágoa da perda do parlamentario do BNG pola Coruña, que espectáculo estamos a perder antes do reconto dos votos do CERA da provincia de Ourense, qué emoción perdimos. Imaxino á rapazada do PP con jeans de marca e suéteres Lacoste aos ombros facendo unha cadea humana ata San Caetano para protestar polos texemanexes do voto da emigración. Qué xustiza poética perdimos, mecachis.
Enviar um comentário