Esta dominación recobre toda unha gama de relacións, de hexemonía, de explotación, de opresión, de discriminación, de descualificación, de humillación, obxecto doutras tantas resistencias, aínda que sexan subalternas respecto daquilo ao que resisten. Pero é destino de calquera loita é ser asimétrica, e o desafío de calquera emancipación é converter en forza unha debilidade.Anunciase un outono quente. O inverno non será máis morno. E, como sempre, o campo do posíbel é moito máis amplo do que nos queren deixar imaxinar, mais a pouco que se impoña a desorientación estratéxica no PSdeG e no BNG a imaxinación pode tornarse nunha fábrica de pesadelos e nunha inmellorábel asistencia para a consolidación do poder conservador en Galiza. Unha situación de dominación (aínda feble) á que temos que darlle a volta canto antes.
O problema da política, concibida de forma estratéxica e non xestionaria, consiste precisamente en captar os momentos de crises en que esta asimetría pode ser volteada. Iso implica aceptar traballar nas contradicións e as relacións de forzas reais, no canto de crer poder negalas ou subtraerse ilusamente ás mesmas. Porque os subalternos (ou os dominados) non son exteriores ao ámbito político da loita, e a dominación non é nunca enteira e absoluta. A práctica é portadora de experiencias e de coñecementos propios, susceptibles de proporcionar as armas dunha hexemonía alternativa. A liberdade ábrese paso no seo mesmo dos dispositivos de poder. E as normas da dominación poden ser crebadas por unha crise e un acontecemento que non son resultado dunha necesidade da orde social, nin da predestinación dun suxeito histórico, nin dun milagre teolóxico, senón da posta na orde de batalla de prácticas políticas afianzadas no movemento que tende a abolir a orde establecida.
Persistir no erro
A nova entrega de Vazquismo 2.0 resulta desalentadora. O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, está convencido de que é mellor camiñar só que co nacionalismo e de que, dentro de tres anos e medio, a cousa no OK Corral do Noroeste se vai resolver nun duelo a dous. Respostas estratéxicas tiradas da entrevista de Pachi Vázquez en El País-Galicia:
P: E o modelo de pactos co BNG tamén se manterá?A idea de que os gobernos se conforman como queren os cidadáns, non como queren os partidos é o grande descubrimento de Manuel Vázquez. A súa materialización práctica é a aceptación de que goberne a lista máis votada. Esta estratexia ofrécelle ao PSdeG unha (aparente) vantaxe, nunha situación de feroz bipolarización axudaralle a engordar o chamado voto útil. E, a seguir, entregaralle o goberno dos principais municipios do país ao Partido Popular como un adianto de prórroga da súa permanencia na Xunta de Galicia. Sacas de cemento electoral para ampliar e fortecer a hexemonia do PPdeG.
R. O PSdeG entra nunha etapa na que imos a por todas. Somos capaces, e demostrámolo moitas veces, de gobernar con capacidade propia, con criterio propio e con autonomía.
P. E no Goberno galego, sería partidario de repetir un pacto como o do bipartito?
R. O PSdeG está a construír un modelo propio para Galicia, e iso é o único que nos guía. Non contemplamos ningunha outra alternativa. Se algunha cousa non nos funcionou ben neste modelo anterior é que non definimos un proxecto único, sólido e desde a base. Non temos nada que ver en termos ideolóxicos co nacionalismo. Logo os cidadáns votan e os gobernos confórmanse como queren os cidadáns, non como queren os partidos. Pero se somos capaces de gobernar en maioría as grandes cidades, por que non construír unha alternativa política propia. Eu teño a sensación de que o PSdeG cada vez vai estar máis forte, ímonos apontoar máis, porque fixemos un exercicio de humildade, ao asumir que moitas cousas non as fixemos ben e queremos facelas ben. Houbo un certo distanciamento cidadán, abordar os problemas con maior profundidade... Se se dan as circunstancias dentro de tres anos e medio de que temos unha maioría sólida, aínda que non absoluta, para gobernar, tomariamos a decisión de gobernar. E se non nos deixan gobernar, que o faga quen teña que facelo. Que o modelo do País Vasco está aí Que pode darse? Que aínda non tendo maioría absoluta o PP poida gobernar? Pois pode pasar. E tampouco pasa nada, se o deciden os cidadáns.
Fago referencia concreta á estratexia do PSdeG porque o BNG non é moi dado, nestes tempos, a explicitar publicamente estratexia ningunha, a táctica ocupa todo o lugar na súa comunicación e limítase a acomodarse tacticamente á marxe que deixan as manobras dos demais. O BNG, coa mesma solvencia, pódese singularizar como un aliado (case) incondicional do PSOE nas Cortes ou optar por unha olímpica indiferenza no Pazo do Hórreo, cando non pola colaboración resignada en concellos veciños doutros nos que se asume como principal oposición ao PSOE. Unha táctica líquida que se adapta ao colector político en cada ocasión e que pode rematar por converterse aos ollos de moitos cidadáns nun babel estratéxico tan incomunicábel como comprensíbel.
Obxectivo 2013
Todo é indicativo de que a dixestión do 1-M está sendo pesada de máis e de que, como dirían os clásicos, as condicións subxectivas están moito peor que as condicións obxectivas. A abatida interiorización da derrota por parte do PSdeG e do BNG é o que fai máis intimidatoria a dominación do Partido Popular. Os agoiros prognostican o goberno conservador de Galiza para unha longa tempada. Os entusiastas de Feijóo extrapolan a partir dun (aínda non confirmado) dominio electoral, unha hexemonía duradeira, consolidada, esmagadora.
A contracorrente, hai xa uns días, Fermín Bouza iniciaba unha mobilización de ideas ao redor do que deu en chamar Obxectivo 2013: a recuperación do autogoberno galego para as políticas de cambio. Un razoábel convite para pasar páxina e estrear unha nova axenda de prioridades políticas. O desafío implícito en Obxectivo 2013 é converter as debilidades en fortalezas e non aceptar o imaxinario conservador da súa hexemonía en Galiza como unha inapelábel condena perpetua. Darlle a volta a ese futuro non desexábel é o obxectivo en 2013. A non esquecer que para chegar con ben a 2013, previamente hai que resolver positivamente as citas de 2011 e 2012.
A estratexia colaborativa non é a elección primeira nin de PSdeG nin de BNG. Tamén é notorio que a simple reedición dun pacto obrigado polas circunstancias aritméticas non tirará aos abstencionistas e desencantados da súa inacción ou do seu cabreo. O apelo sentimental ou o amedrentamento ante renovados triunfos da dereita han ter menos eficacia que unha oferta útil de colaboración, cun programa claro e compromisos de rexeneración das prácticas de goberno ensaiadas con desigual fortuna no pasado.
Tamén está claro que isto non será posíbel se non se conforma un polo de opinión, transversal ao PSdeG e BNG, para poñer en primeiro plano da axenda do país a necesidade dunha nova política colaborativa dos progresistas, galeguistas e nacionalistas. Non vaia ser o demo que por causa da desconexión PSdeG-BNG comece a estenderse a idea de que para derrotar ao Partido Popular, previamente vai ser necesario derrotar a estratexia isolacionista que anima Manuel Vázquez (PSdeG) e aproveita para non definirse Guillerme Vázquez (BNG).
Hoxe mesmo Juan Varela lembrábanos os fundamentos da Educación 2.0. Son 4 C: Comunicar, Compartir, Colaborar, Confiar. Tamén valen para a Política 2.0. Engádanlle, se queren, dous máis: Construír e Confrontar (co PP). Ese é o código aberto de Obxectivo 2013, o da cidadanía comprometida co cambio en Galiza, coa recuperación do novo autogoberno para as políticas do cambio. Código aberto que debería ser, na miña idea, tamén o do BNG e do PSdeG.
Sem comentários:
Enviar um comentário