La Voz de Galicia. O último cambio deste xornal foi case unha volta aos inicios do deseño do século XIX (páxinas planas, anarquía de brancos, fotos pequeneiras). Non creo que se poda caer máis baixo, pero gustaríame pensar que si se pode rebotar.O xuízo de Areso é matizábel, efectivamente se pode caer aínda máis baixo nos contidos ou na ética xornalística que no seu deseño formal. A derrama sen fin moito lle debe ao criterio supremo e indiscutíbel do seu Presidente-editor. Certifícase cada día a perda de engado, pero cada vez é máis improbábel caste ningunha de rebote por máis que proteste ou vaia de voz da rúa. A crise dos medios non axuda e os caprichos ególatras do seu dono soberano aínda menos.
Menos prensa, máis corrupción
Nun suxestivo artigo Paul Starr apuntou que a crise da prensa papel pode ter como efecto colateral a irrupción dunha nova onda de corrupción e desmandos dos poderosos. Starr atense á tradición dos xornais estadounidenses que, desde a súa orixe e aínda que «a miúdo non lograron levar a cabo estas funcións tan ben como debían», «foron os nosos ollos fronte ao Estado, o noso control sobre os abusos públicos, o noso sistema cívico de alarma». Para dar conta da súa misión democrática, Starr recupera unha longa cita que Walter Lippmann deixou en Liberty and the News:
Cando chegan ás oficinas do xornal, as noticias do día son unha incríbel mestura de feitos, propaganda, rumores, sospeitas, pistas, esperanzas e temores, e o labor de elixilas e ordenalas é un dos oficios verdadeiramente sacros e sacerdotais dunha democracia. O xornal é, literalmente, a Biblia da democracia, o libro no cal un pobo basea a súa conduta. É o único libro serio que a maioría da xente le. É o único libro que a xente le a diario.Starr sostén que un dos perigos dunha cobertura informativa reducida é que teña efectos negativos sobre a integridade do goberno xa que «a corrupción é máis susceptíbel de florecer cando aqueles que están no poder teñen menos razóns para temer un escándalo». E cifra a súa preocupación nos traballos de Alicia Adsera, Carles Boix e Mark Payne sobre a relación entre a corrupción e a «libre circulación dos diarios por persoa» que subliñan unha correlación moi estreita: canto máis baixa é a circulación de xornais nun país, máis alta é o índice de corrupción.
A conclusión de Starr é rotunda:
Se tomamos en serio a noción dos xornais como o cuarto poder, a fin da era dos xornais implica un cambio no sistema político mesmo. Os xornais axudaron a controlar as tendencias á corrupción tanto no goberno como nos negocios. Se queremos evitar unha nova era de corrupción, haberemos de reunir ese poder por outros medios. As nosas novas tecnoloxías non nos desposúen das nosas vellas responsabilidades.
Código de imposturas
Cunha lectura apresurada da triloxía de éxitos de Santiago Rey Fernández Latorre pode tirarse a conclusión de que as preocupacións do presidente-editor de La Voz de Galicia son as mesmas que as de Paul Starr e que non ten outro libro de estilo que o escrito por Walter Lippmann. O dono da Corporación Voz non se cansa de repetir que fai do seu oficio un «exercicio de cidadanía» e, na súa última entrega, reitera moi solemne que a súa obrigación «é recoller a voz da rúa, atender o seu desexo extremo de que sexamos a conciencia crítica do poder».
No seu clásico «O compromiso dun título» deixou en claro a misión e os custos derivados do seu xornalismo independente: «compromiso coa democracia e co desenvolvemento desta terra. Custoso, como todos os que esixen esforzo e fatigas», «aínda que iso o indispoña con este ou aquel Goberno ou con institucións e entidades de todo tipo que se acazapan na suposta vontade popular, pero se rebelan contra a transparencia e o control democrático». No seu conmovedor «Eu protesto», reiterou a súa sacrificial vocación «aínda a risco de gañarse a incomprensión duns e as declaradas hostilidades doutros».
O xornalismo independente e cidadán de Rey é retórico e falso como unha medalla de cortiza; por máis que predique o modelo de dirección de medios de Rey non é o norteamericano senón o latino. As diferenzas están magnificamente recollidas en Sistemas mediáticos comparados de Daniel C. Hallin e Paolo Mancini e foron resumidas con acerto por Enrique Gil Calvo:
Eses trazos son catro: a tirada da prensa (a anglosaxoa e a nórdica de gran tirada, a latina de pequena tirada) e a súa audiencia característica (elitista na área latina, de masas nas áreas nórdica e anglosaxoa); o seu grao de aliñamento político (independencia no modelo anglosaxón, aliñamento moderado no nórdico e extremado no latino); nivel de profesionalización dos xornalistas (moi baixo no caso latino, bastante elevado nos outros dous), e intervencionismo do Estado no mercado mediático (inexistente no modelo anglosaxón, moderado no nórdico e moi acusado o latino).A eufórica independencia do presidente-editor non casa moi ben cun ecosistema de medios tan latino como o noso e que asentou na era Fraga, e con Pérez Varela como capataz, os seus trazos distintivos: tiradas decrecentes, audiencias elitistas, aliñamento político extremo e reforzado intervencionismo dos poderes públicos.
Espellismo de Galiza
Para cumprirlle á verdade hai que facer unha manchea de precisións en cargo e descargo do editor coruñés. A diferenza doutros medios, LVG sobrevive como un medio de titularidade privada desde as súas orixes, privado, de capital familiar e cun nivel de endebedamento notábel coa principal caixa de aforros do país e, segundo os ruxe-ruxe, cun dos máis raposeiros ex-empresarios do ladrillo. Non é menos verdade que as subvencións ao papel e os convenios (máis ou menos transparentes) para os seus negocios audiovisuais pesan de xeito determinante na sostenibilidade precaria da Corporación Voz e son unha achega fundamental para compensar os buracos da tríade vendas-promocións-publicidade, presumida matriz do negocio.
É igualmente certo que La Voz se fixo con maior autonomía política que calquera outro dos medios galegos históricos, esa autonomía expresouse con maior vigor a medida que o devalar político de Manuel Fraga se facía cada vez máis acusado. Non é cousa falta de importancia que a primeira « grande editorial estratéxica» –«O compromiso dun título»– de Rey aparecese no outono de 2004, na fase terminal do mandato do patrón de Vilalba. O debilitamento do poder do fraguismo traduciuse nun papel máis autónomo e tamén máis abertamente político da Corporación Voz, autonomía e influencia que no tempo do bipartito non fixo máis que engrandecerse.
Terceiro, durante amplos períodos LVG foi un xornal apáñao-todo (case todo) e armouse cunha ampla pluralidade de voces e opinións e cun extraordinario equipo de profesionais que, sobre todo a partir de 1995, comezou a ver comprometido o seu traballo polas interferencias do presidente-editor, revivido como director de feito tras a marcha de Bieito Rubido en marzo de 2006. La Voz de Galicia ten neste momento posibelmente a menor cota de pluralismo informativo e de opinión de toda a súa historia (desde a reinstauración da democracia). E aínda que se faga fachenda do contrario, nunca estivo máis desmellorado o seu «galeguismo»; no último cuadrienio o xornal consume «galeguismo desgaleguizado» coa mesma naturalidade que, para quitarnos do café, tomamos café descafeinado.
Na retórica de Rey nunca falta unha apelación á necesidade de que a nosa sociedade reaccione e asuma o seu protagonismo. Interpelación de urxencia en «Eu protesto»: «Fai falla máis que nunca que regrese a desaparecida sociedade civil. Que se restableza da postración, que coñeza, que pida contas, que xulgue, que actúe». Chamamento reiterado no último parte:
Dirá algún día basta a sociedade civil e obrigará aos seus representantes a que escoiten o que dita o seu sentido común? […] Se queremos evitar unha traxedia debe reaparecer a sociedade civil...O pluralismo (co)medido de La Voz de Galicia permitiulle presentarse como espello da sociedade civil galega. Malfadamente, a día de hoxe, LVG non é espello da sociedade galega, nin mesmo un espello aceptabelmente deformado, é o soporte dun espellismo de sociedade civil. Un éxito non pequeno de Rey foi o eficaz proceso de expropiación da opinión cidadá e identificación da dita sociedade civil con La Voz. A fórmula de éxito é sabida: se non saes en LVG non existes, nada es. Con esta máxima preténdese domesticar os gabinetes de comunicación de empresas, partidos e asociacións. Maiormente funciona.
A crítica dos poderosos
Por unhas cousas e por outras, LVG sábese «cuarto poder» e como tal poder aspira a facer entrismo en todos os demais poderes sexan políticos ou mercantís, civís, agochados ou públicos. Coa lingua pequena e farfantona, o seu presidente-editor reivindicase como gañador na derrota do bipartidismo e dáse mérito por ser dono dun xornal que quita e pon presidentes. Os seus «editoriais» son (ou pretenden selo) un exercicio de poder baixo aparencia dun exercicio de cidadanía. A mensaxe de Rey é tan ameazante como rotunda: sen La Voz non hai paraíso, nin gobernación tranquila, nin «sociedade civil mansa».
Na cabeceira fundacional, La Voz de Galicia definíase como un xornal «político e comercial» e desde a aquela ofrécese como un mix de política e negocios. Negocio como empresa de comunicación e como axente de representación diante dos poderes públicos dos intereses dos seus socios estratéxicos. No mercado de favores e na representación diante das administracións públicas a Corporación Voz é un dos máis eficientes e agresivos brókers. Política como información e desinformación, como factoría de lexitimación e como principal think tank conservador de Galiza.
Santiago Rey interprétase a día de hoxe como un home providencial. Coa súa proverbial modestia deu cabo a «A voz da calle» con estas palabras:
Non podo, nin debo, nin quero, tirar a toalla. Seguirei facendo o mesmo que levo facendo toda a miña vida, tratar de elaborar hoxe o mellor xornal que xamais fixen, pero sabendo que mañá tentarei superalo.Superarase, de certo, cando entregue a toalla de La Voz de Galicia e renuncie a ser o seu director-presidente-editor e deixe facer aos profesionais de crédito que aínda sobrevivan aos seus caprichos e delirios de grandeza. Endexamais LVG atendeu mellor o seu cometido fundacional pero tampouco estivo máis arredado de ser «consciencia crítica do poder», nunca tanto foi o soporte mediático da crítica dos poderosos.
La Voz de Galicia é, efectivamente e como diría Lippmann, o único libro que, en Galiza, a xente le a diario e a teimosía de Rey non é outra que a de facer do seu xornal unha indiscutida «biblia democrática», canon do verdadeiro e do falso, do lexítimo e do espurio, do posíbel e do permitido, mandato imperativo para gobernantes e instrumento de submisión dos plebeos. De aí procede o mesianismo, a vontade redentora e a misión salvadora de don Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente-editor do xornal do Partido dos Poderosos.
5 comentários:
Como ex xornalista, confeso que o tema LVG me fascina e, desde logo, poucos resumos lin nestes días máis atinados verbo dós degoiros de don Santiago e o seu mesianismo redentor. Felicidades, de verdade, aínda conservo algún coñecido en LVG e a interpretación e historia recente do medio paréceme ben lúcida. Envío o link e algúns amigos. Chapeau, señor De Paso, ou simplemente chapó.
Ramiro Cartelle
O único que fan estes comentarios, é darlle máis publicidade e máis gañas de leela.
Moito criticala e moito boicoz, pero parece que todo o mundo leu o artigo de Rey.
Non creo que a LVG lle faga falta que ninguén lle faga publicidade, e por moito noxo que nos dea sería parvo ignorar a súa influencia ou a da un artigo do presidente da Xunta, perdón! de La Voz. Pero se alguén ten máis gañas de lela que non cifre nos demais a orixe das súas perversións.
Ramiro Cartelle
Concordo. A inmensa maioría das análisis feitas verbo do sucedido o 1M dan a La Voz un papel clave no retorno do PP ao poder, e desde logo os blogs máis serios (Lándoas, El voto con botas, croques, etc.) Criticar a súa influencia non creo que teña moito que ver co feito "real" de que a teña (a influencia), aínda que cada un é libre de negala.
Por que os editores (como SR) non len ós periodistas (como WL)?
Enviar um comentário