30/09/2009

Colesterol

Se non fose pola metaforación o noso entendemento do mundo avanzaría morosamente. Metáforas, alusións, alegorías, analoxías, tropos e símbolos compoñen unha fermosa caixa de ferramentas para a comprensión das realidades que nos cercan. Aristóteles, que xa lle deu unha pensada ao tema, concluíu que a capacidade de xerar metáforas nos descubría o poder da mente sobre a posibilidade das cousas.

Confeso que sobre metaforación eu apenas lles sabía nada, débolle a José Blanco o estímulo do meu interese e a un traballo de Jenny Moix Queraltó os saberes que aquí transcribo. Descoñecía, por exemplo, que actualmente en Grecia lle chaman metáfora ao autobús que transporta os viaxeiros do avión á terminal do aeroporto. O ministro de Fomento, como é competencia do seu ramo, de certo que si o sabía e por iso no seu artigo paisano agasallounos cunha cegadora metáfora: «Hai que renovar os alicerces sobre os que se sustenta o noso crecemento. Herdamos unha economía con aparencia saudábel, pero que tiña un colesterol moi alto».


Os meus altísimos (e case suicidas) rexistros de colesterol fanme máis (irresponsabelmente) sabido nesta materia. A estratexia de contención do colesterol está delimitada pola dieta mediterránea, Zarator 40, beber abondosa auga, e Danacol. A primeira para atacar de raíz o problema; o segundo para reducilo a unhas dimensións manexábeis; o terceiro para adelgazar os apetitos; e o último, fundamentalmente, para distraerse até que estudos clínicos independentes (e non comerciais) demostren a súa salvífica eficacia.

Segundo Blanco, o colesterol da nosa economía é «o excesivo peso da construción residencial». Para combater os seus efectos danosos, a botica económica ofrece I+D+i, mellora nas formacións profesionais e universitaria e TIC para atacar o problema de fondo; obra pública para reducir a zona cero do crash do ladrillo a unhas dimensións razoábeis; estímulo do emprendemento en sectores alternativos (servizos ás persoas, melloras da habitabilidade e medio ambiente, enerxías renovábeis...) para atraer apetitos investidores; e a lectura dos artigos de José Blanco e dos propagandistas da Vicepresidencia Segunda para distraer os nosos leceres.

Tras a marrada reforma fiscal de Robín Hood, tócalle a quenda este novo salto ao baleiro. Persístese no erro: para facer as políticas dos outros (liberais ou tecnoconservadores) os electores prefiren aos outros. Se teñen dúbidas en Ferraz que reparen no infortunio dos curmáns alemáns e nos apuros dos veciños peninsulares. O adianto dos orzamentos do Estado consagra unha chapoda suicida do gasto en I+D+i, non introduce cambios substanciais na ordenación de prioridades con apostas innovadoras e alternativas para dar conta da estratexia de economía sustentábel da que se fai apostolado retórico e, baixo corda, segue confiando máis no cemento que no coñecemento.

Menos mal que nos quedan as metáforas de Blanco; son o noso Danacol diario, non fan ben pero distraen, até que contabilidades electorais independentes demostren o contrario.

1 comentário:

indómita disse...

Ai, ese amigo colesterol que non nos abandona... eu o de adelgazar mellor non o fago, pero ao Danacol tamén me abonei até que demostren os estudos que é malo para algo (todo chegará...).
E se a isto lle sumamos a miña reciente hernia inguinal temos un cuadro precioso para unha trinteañeira.
Coideseme moito! unha aperta graaaaande