Algún espelido redactor cualificouna como a política de Robín Hood. José Blanco argumentou, na mellor tradición da socialdemocracia reformista, a necesidade dunha maior equidade e xustiza fiscal. Elena Salgado sumoulle razóns de índole contábel: a presión fiscal sobre as maiores rendas está tamén esixida polo enfraquecemento da caixa de caudais do Estado e polo compromiso reiterado de soster, sen mingua, as políticas sociais como paliativo da crise económica.
A oposición do Partido Popular á máis cativa presión fiscal forma parte do seu ADN; CiU, que nesta materia comparte código, adiantou que as mudanzas prexudicarían as clases medias. Eleváronse voces críticas a favor do alivio fiscal que nin tan sequera remitiron cando o presidente Zapatero balizou o alcance da reforma. Será un axuste temporeiro e limitado dos impostos, non se lle tocará ás rendas salariais, non se modificará nin o IRPF nin o imposto de sociedades, gravaranse tan só as grandes rendas de capital.
Onte en Público, Vicenç Navarro ilustrou as políticas de regresividade fiscal achegando algúns datos contundentes que xustifican unha reforma impositiva máis ambiciosa e equitativa:
Durante a década 1996-2006, os beneficios empresariais aumentaron un 33% na media da Unión Europea dos Quince (UE-15) e un 36% na zona euro. [...] As empresas españolas viron aumentar os seus beneficios netos un 73% (máis do dobre da media da UE-15). Este aumento das rendas de capital tivo lugar á conta das rendas do traballo. A masa salarial (que mide tales rendas) descendeu moi marcadamente, pasando de representar o 70% da renda nacional na zona euro, no ano 1992, ao 62% no ano 2005, descenso que foi, mesmo, máis acentuado en España, onde pasou de representar o 72% da renda nacional ao 61%.Os maiores patrimonios, acubillados nas Sociedades de Investimentos de Capital Variábel, seguirán evadindo as súas contribucións a todo gasto público e tributarán un ridículo 1%. O ridículo muda en escándalo se se compara co 30% que pesa sobre as achegas das empresas, por nada dicir dese 43% que coroa aos máis gorentosos ingresos salariais ou o máis común 16-20% dos soldos acomodados.
A Vicepresidenta económica cortoulle o paso a calquera tentación de crear unha Taxa Robín que acrecente a presión fiscal sobre as tapadeiras fiscais ao estilo das SICAV. Salgado santificou que non se lles vai tocar nin un decimal xa que «o diñeiro viaxa á velocidade da luz» e non é cousa de provocar a súa fuxida masiva.
Para que non se piren aos paraísos fiscais o goberno seguirá dándoselles o abeiro das SICAV, a versión local dos paraísos fiscais que ideou o Partido Popular en 2003. Mentres o Partido Socialista non renuncie ao seu conformismo e se tome máis en serio o seu reformismo, Robín Hood terá que seguir recluído nas fonduras do bosque de Sherwood.
Sem comentários:
Enviar um comentário