Hoxe lendo o café de redacción de Xornal de Galicia con Gloria Lago convencinme de que o seu director decidira, tamén, sacrificar tres planas co único obxectivo de darnos a saber as ignorancias destemidas da presidenta da Galicia Bilingüe.
Cribadas as ignorancias de Lago, hai varias afirmación doutrinarias que fican subliñadas nas súas palabras e que marcan a estratexia de guerra lingüística de Galicia Bilingüe na que queren contar como forza principal ao goberno de Núñez Feijóo:
- Galiza bilingüe non aposta polo bilingüismo, senón pola libre elección dos galegos entre monolingüismo e bilingüismo (asimétrico, habería que precisar); sen reviravoltas, a súa opción preferente é o monolingüismo en castelán.
- A pesar de que Galicia é un territorio con dúas linguas» non cren que haxa que necesidade de establecer a equiparación xurídica entre galego e castelán xa que «non debería existir a obriga de coñecer ningunha lingua».
- Con todo, «o importante é que se recolla que hai dúas linguas oficiais», entendendo que a oficialidade do galego e o mandato normalizador pasa por unha promoción light da lingua galega, á imaxe e semellanza do decreto do galego no ensino de 2004 xa que, segundo afirma a presidenta de GB, « todos sabiamos o que pasaba nos centros de ensino, que non se cumpría o decreto».
- O que activou Galicia Bilingüe é a pretensión do goberno bipartito de facer efectivo un decreto normalizador no ensino.
- A derrogación do decreto do galego no ensino non universitario do Bipartito é o programa mínimo, a modificación da Lei de Normalización Lingüística é o seu obxectivo estratéxico, Gloria Lago di que estaría «encantada de que se cambiase».
- En termos de repostería política o Bipartito «quería todo o pastel» e «quedaron sen nada». A mesma mensaxe vai dirixida a quen quere educación en galego para o seus fillos: «Non vai haber unha milagre, non vai haber cen por cen galego, é mellor que baixen o discurso e se sumen, porque se non van quedar sen nada». Rematamos como comezamos: o modelo é dunha lingua en posición dominante (castelán) e outra subordinada (galego) ou como as pretensións normalizadoras aspiren a moito máis, imporase simplemente o monolingüismo en castelán.
Para compensar tanto maltrato da intelixencia, hoxe Prolingua divulgou entre nós Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa, o informe que Amin Maalouf redactou para a Comisión Europea despois de reflexionar cun grupo de intelectuais sobre o diálogo intercultural e a comprensión mutua entre os cidadáns da Unión Europea. É unha peza de moi recomendábel lectura, reproduzo unicamente tres retallos que valen como vacina fronte ao virus exterminista que propaga o discurso de Gloria Lago e Galicia Bilingüe.
A lingua fundamento lexítimo de identidade cultural:
Todas as linguas son o produto dunha experiencia histórica única, cada unha é a expresión dunha memoria, un patrimonio literario ou unha habilidade específica e constitúe un fundamento lexítimo de identidade cultural. As linguas non son intercambiábeis, ningunha é imprescindíbel pero ningunha é superflua. Preservar todas as linguas do noso patrimonio, incluídas as linguas ancestrais como o latín e o grego antigo, e favorecer a súa expansión no resto do continente, mesmo no caso das linguas máis minoritarias, son aspectos intrínsecos da propia idea dunha Europa de paz, cultura, universalidade e prosperidade.O plurilingüismo e a multiculturalidade elementos constitutivos da identidade europea:
Perante tal diversidade, é grande a tentación de aceptar unha situación de feito na que unha soa lingua, o inglés, ocuparía un lugar preponderante no traballo das institucións europeas e outras dúas ou tres linguas poderían manter durante algún tempo unha presenza que se iría reducindo cada vez máis, mentres que a grande maioría das nosas linguas só terían un estatuto simbólico [...] Cremos que unha evolución deste tipo non é desexábel [...] Respectar a nosa diversidade lingüística non significa unicamente ter en conta unha realidade cultural produto da historia, senón que constitúe o fundamento mesmo da idea europea.A aposta pola institucionalización da «lingua persoal adoptiva»:
Animaríase a todos e cada un dos cidadáns europeos a elixiren libremente unha lingua distintiva, diferente tanto da súa lingua identitaria como da lingua internacional de comunicación. [...] A lingua persoal adoptiva non sería unha segunda lingua estranxeira, senón máis ben unha segunda lingua materna.Coda
Aprendida en profundidade, falada e escrita con frecuencia, integraríase no traxecto escolar e universitario de todo cidadán europeo, así como no currículo profesional de cada un.
A súa aprendizaxe iría acompañada dunha familiarización cos países nos que e fale esta lingua, coa literatura, a cultura, a sociedade e a historia vencelladas a esta lingua e os seu falantes.
Mal que lle pese a Gloria Lago, vale dicir que somos moitos os galegos que temos no castelán a nosa lingua persoal adoptiva e que queremos, sen contradición ningunha, a máis plena normalización para o galego como a nosa lingua materna. Esta é tamén a razón democrática que nos convoca na defensa do galego.
O informe Maalouf é un gorentoso convite para abordar unha «xestión prudente e imaxinativa da diversidade lingüística» co que pular pola construción dunha nova cidadanía europea e contribuír ao diálogo entre culturas. Unha reflexión do noso tempo que aspira a crear novas oportunidades para unha Europa pluricultural e plurilingüe. Galicia Bilingüe e o goberno do PPdeG inauguraron un camiño en sentido contrario que conduce á deleiba da lingua de Galiza; sumar unha maioría social para impedila, ese é o noso reto máis proveitoso.
2 comentários:
Ten tanto poder Gloria Lago como aparentemente parece nos medios de comunicación? Quizais esa apariencia veña dada porque os máximos responsables de certos diarios galegos proveñen de fóra da comunidade e polo tanto son alleos ao galego ou ben porque son galegos cun sentimento de autonoxo elevado con respecto á lingua galega. Como é posible que coas subvencións que reciben por publicar en galego, haxa tan poucas novas nesta lingua? Polo tanto, hai moitas glorias lagos en diversos corpos masculinos e femininos. Como sempre quen máis berra parece que ten a razón. Fagamos oír a nosa voz! Berremos a prol do galego!
Fora da Galiza creouse unha sensación artificial e interesada (p.ex. non hai máis que repasar o ruxe-ruxe nas terturlias radiofónmicas made in Madrid e no telediario de Antena3 ante as provocacións de San Gil na USC ou de GB) de batasunización e imposición administrativa do galego que absolutamente nada tiña a ver coa realidade mas, efectivamente, quen maís berra e quen máis provoca é quen leva o gato á auga.
Enviar um comentário