04/01/2005

Enrugas da conciencia

Otero Pedrayo anota no seu Ensaio histórico sobre a cultura galega: «Poida que neste momento, nalgún recanto de Galicia estea morrendo un vello que leva consigo para a tumba o eco lonxincuo dunha lenda, ou un caudal de palabras sonoras e expresivas, que xa ninguén fará coñecer entre os vivos. [...] Mais a nosa angustia ten, de pensarmos un pouco, inmediato alivio: a lenda ou a palabra aparentemente desaparecida deixará unha enruga na conciencia da Terra Galega [...]. Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas, e o non as determina a idade senón o sopro interior que as anima.» Abraiaríase o afidalgado don Ramón de como se lle pasa o ferro á conciencia nestes feros tempos e do mal que resisten as súas enrugas o esmagador paso da desmemoria. Hai dous dos riscos da enfermidade de Alzheimer –a perda das habilidades sociais e a perda da identidade– que caracterizan igualmente estes tempos nosos. Vivimos nun mundo alzheimerizado: a orde actual das cousas apenas nos deixa relacionarnos con ben e contundentemente non nos deixa ser quen somos. Nun cartaz libertario de hai algúns anos alguén á desesperada imprimiu: «Somos e seremos quen queiramos e non quen queiran que sexamos.» Esperanzada resistencia.

2 comentários:

Cesare disse...

mira que escribe vostede ben

Ian disse...

Vindo de quen goberna un dos mellores blog do país, causa rubor e, ao tempo, fachenda infinita.