Foi unha fin de semana rica en movementos estratéxicos ou en tropezóns tácticos. Abandonos, pseudorretiradas e avances en falso. Erros de apreciación, exceso de confianza, raposeiras manobras orquestrais e caneos en curto. A estratexia non é unha ciencia exacta e amais escríbese con liñas retortas.
«Se podes gañar a batalla, loita; se non, retírate».
En Bolivia, Carlos Mesa decidiu exercitar a bela arte da retirada. Coa súa demisión gaña tempo e evita enfrontarse a un conflito que de rematar con derramamento de sangue sería a causa da súa derrota definitiva. Aprendeu dos erros de Sánchez Lozada no febreiro negro e no outubro roxo. O seu abandono deixa a Evo Morales nunha insólita orfandade estratéxica. Sen o seu antagonista principal e antes de tempo, o MAS ten que exercer como partido de goberno sen estar no goberno. Mesa, mentres tanto, poderá recompoñer un bloque de orde mobilizando o medo que o MAS provoca nas clases urbanas, nos investidores estranxeiros, nas todopoderosas petroleiras e nas oligarquías bolivianas de sempre.
«Matar cun coitelo prestado».
Beiras decidiu asaltar os ceos e desencadear a máis grande de todas as batallas contra Francisco Rodríguez e a todo poderosa UPG. En realidade, o pulso beirista discutía o liderado de Anxo Quintana e procuraba o seu posto na candidatura do BNG por Coruña. Quintana opúxose cun recurso prestado: anunciou o desexo de Paco Rodríguez de non repetir como cabeza electoral en futuras eleccións xerais e pediu a Beiras a mesma xenerosidade para propiciar a renovación. Beiras marrou o golpe porque Quintana lle cambiou o albo. Un caneo raposeiro que permite tacticamente a Quin desfacerse do pressing de Beiras. Mal lles vai ir co de Allariz ata que se decanten que «non tendo nada que perder, ten todo que gañar.»
«Agochar a daga tras un sorriso».
Rodríguez, pola súa parte, está disposto a deixar o seu escano parlamentario e favorecer así a renovación? Maquiavelo en O príncipe escribiu que «a pouca prudencia dos homes ve a bondade inmediata dunha cousa, sen reparar no veleno que agacha». Rodríguez ensaia unha UPG de rostro humano e concede unha humanísima entrevista na que desvela o seu aprezo musical por Luis Mariano. A UPG, a historia así o demostra, sempre está disposta a «dar un paso despois de ceder un centímetro».
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Alguén apuntou que a crise é cando o vello non morre e o novo non nace. Niso estamos. Nas coiteladas andan os vellos poderes do bng –da U ao Sísifo– que non queren ceder o seu quiñón. O novo sempre é feble... tanto que aínda non é quen de dar unha coitelada... ao cordón umbilical e cortar cos poderes do pasado. A cousa é crúa: hai oito anos ganou Fraga debido a que o PSOE o fixo mal; agora gañará Fraga se nós o facemos mal.
Enviar um comentário