29/03/2005
Taxonomía
A taxonomía é unha disciplina excesivamente absolutista pero, acolléndome a ela, estou a pensar que na dirección do BNG hai dous tipos de persoas: os que seguen a directriz orteguiana e pensan que «eles son eles e as súas circunstancias»; e os comparten a formulación do dramaturgo Heiner Müller e cren que «eles son eles e as súas consecuencias». Os circunstanciais teñen actualmente en Xosé Manuel Beiras o seu máis destacábel voceiro. Beiras mídese coas súas circunstancias personais e rebélase contra o propio proceso de cambio que el propiciou. As circunstancias mudaron, el sábese politicamente secundarizado na estratexia renovadora e non acepta un papel complementario e moito menos subsidiario. O substancial da proposta de Beiras non radica no grao da súa presenza na listaxes electorais, o que discute é o novo liderado de Quintana, os novos poderes que agroman na dirección política do BNG e a mesma necesidade de renovación –da renovación xeracional e da renovación política–. Hai un dito fang que asegura que «non pode ensinar o camiño ao gorila vello». A renovación non é o camiño actual de Beiras. Houbo un tempo en que o que era bo para Beiras era bo para o BNG e viceversa. Esa relación actualmente está crebada. Tamén houbo un tempo moito máis pretérito no que o que era bo para a UPG era bo para o BNG. Esta relación caducou moito antes. Don Manuel, que ás veces mesmo atina, dixo que non había un BNG senón tres: o do señor Beiras, o da UPG e o do señor Quintana. Esqueceuse do cuarto BNG: o dos non adscritos. Dous ollan cara ao pasado e as súas circunstancias, e dous esfórzanse por xestionar as consecuencias do cambio político e a renovación do BNG que queren impulsar.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Acredito na valía de Beiras pero vexo que o que máis o devalúa é a súa propia incapacidade para traballar a prol dun proxecto que lidere calquera outro (Quintana na actualidade). A insistencia no capital político de Beiras empardece dous aspectos que, para a miña idea, son moi importantes: a) que ese «capital político Beiras» tamén ao investimento de milleiros de persoas que curran no BNG, e non só as súas cualidades persoais; e b) que no BNG hai outros moitos capitais que non van pasar de ser calderilla se se segue a pensar que os réditos electorais fundamentais proceden do «capital Beiras». En economía, actualmente, o que xera posibilidades de crecemento é a innovación, máis que a tradición e, ademais, (e isto é a dúbida que me angustía) non teño moi claro que Beiras queira por o seu capital nunha empresa (política) na que el non sexa o principal accionista.
Enviar um comentário