11/11/2005

Verne

Cen anos despois do seu pasamento, Xulio Verne chega a Vigo. Coa súa visita recollo frangullas das miñas memorias infantís. Da súa memorábel obra gosto especialmente, e sen moitas razóns que me asistan, dunha obra menor; as miñas querencias fican ancoradas en Aventuras de tres rusos e tres ingleses en África Austral. Non gardo recordo do libro senón dos tebeos que publicaba a editorial Bruguera xunto con outros clásicos como O Corsario Negro. A xente de Bruguera eran, para a miña idea, uns auténticos mestres da síntese e da didáctica redución e nunhas poucas páxinas e viñetas apertadas eran quen de adelgazar calquera obra sen lle facer perder un gramo de emoción e paixón. Gardo como daguerrotipos familiares as imaxes da expedición anglo-rusa remontando o río Orange e as súas fascinantes fazañas nun curruncho do mundo tan fermoso como fero. Para celebrar a visita de Verne vou ás librarías de vello na procura dun exemplar de Aventuras de tres rusos e tres ingleses en África Austral que atopo sen problema ningún na rede. No mundo non-virtual fracaso na miña tentativa por conseguir o tebeo ou o libro de Bruguera, pero doume por contento ao facerme cunha edición do Clube Internacional do Libro que arrastra as súas páxinas desde 1987. Hoxe, nun día de tregua laboral, embarco no Raiña e tzar con William Emery, o coronel Everest, Murray, Strux, Palander e Mijail Zorn para dar inicio a nosa expedición pola rilada da África Austral. Confío en estar de volta e con ben dentro de 225 páxinas. Partimos.

1 comentário:

Ian disse...

Jan, lamento terlle desatado as súas señerdades. Prometo rebuscar en librerias de vello até dar con algúns deses clásicos de Bruguera e despois farei por saber onde deixarllo, para compensar, para agarimar as súas lembranzas.