01/05/2007

Municipais07: Coa boa estrela

Remata o mes que estivemos en ningures e o BNG tíralle o po ao Dicionario de símbolos para debuxar, cos seus candidatos e candidatas ás alcaldías, unha estrela de cinco puntas. A vindicación da estrela como representación da liberdade e a razón e, segundo nós din na tradición da antiga Grecia, como icona da intelixencia, complétase fachendosamente coa presentación de candidaturas nos 315 concellos galegos. Un éxito, sen dúbida, da extensión territorial e social da organización frontista e a garantía dunha competición democrática plural.

A partir de agora será cuestión de calidade (das candidaturas e programas) e de cantidade (de votos). Teremos que agardar até o 27-M para comprobar a solidez municipal da oferta dun nacionalismo que, tendencialmente, presenta unha fasquía socioelectoral máis vilega e que aspira agora a recuperar o seu peso nos gobernos das grandes cidades e a ampliar tamén a súa audiencia nos menos accesíbeis microconcellos do país. Polo de agora zafouse con ben do seu primeiro grande obstáculo: aparecer minorizado na súa presenza territorial fronte ao PPdeG e ao PSOE, formacións de asentadísimas tradicións municipalistas.


Os agoiros continuístas sobre os comicios locais están moito máis cuestionados que hai uns meses. As últimas sondaxes da máis influente voz mediática poñen en claro que o Partido Popular xogará á defensiva e que ten limitadas opcións para mellorar os seus resultados na Galiza das 7 cidades.

Na Gz-7 a alternativa conservadora medirá o seu éxito tentando manter as alcaldías de Vigo, Ferrol e Ourense e non parece ter maiores posibilidades para facerse co bastón de mando en ningún dos grandes concellos que gobernan PSdeG e/ou BNG.
O Partido Popular non ampliará a súa hexemonía municipal na Gz-7 nin na Gz-12 onde as súas aspiracións ás alcaldías de Vilagarcía, Narón, Oleiros, Carballo e Redondela son moi remotas. Terá, pola contra, que defender ás prazas de Vigo, complicada polo descenso do Partido Galeguista Sotista, de Ferrol, entoldada polas fantásticas decisións urbanomobiliarias de última hora, e de Ourense, onde o plus de credibilidade de Manuel Cabezas está parcialmente desbaldado polas comenencias empresariais de Novoa.

O PPdeG non gañará as elección na Gz-10 de aí que confie a súa sorte nos resultados das microautarquías rurais. Algunhas comarcas serán decisivas para abanear os equilibrios nas Deputacións: a Mariña Lucense, O Salnés, O Morrazo, o Golfo Ártabro, Ferrolterra, entre outras, e será na Galiza cartografiada cos trazos máis miúdos onde se verifique a solvencia electoral do PPdeG renovado por Alberto Núñez Feixoo.


Ao BNG e ao PSdeG tócalle medir a consolidación do cambio político, o impacto da súa acción de goberno na Xunta e, sobre todo, o alcance da transferencia de lealdades dos votantes conservadores cara aos novos xestores do poder autonómico.


Poidera aparentar que neste mes que estivemos en ningures nada cambiou, pero o espellismo do continuísmo comeza a esvaerse e a grande incógnita permanece aberta: recibirá o cambio político o aval e un novo pulo cidadán que permita superar o entalamento compracente no que amenaza instalarse?


Contemos os días e confiemos na nosa boa estrela.

3 comentários:

Artritris disse...

A El Pais corríalle presa destacar o mérito do PSOE respecto do BNG e adiantou un día a verdadeira nova para poder dicir que "el BNG se esforzaba ayer en cerrar las candidaturas que aún tenía pendientes para conseguir ese mismo objetivo".

O titular quedáballes que nin pintado/sesgado: "PSdeG y PP completan candidaturas en todos los ayuntamientos de Galicia"

Eis a facilidade dalgúns para crear opinión.

Ian disse...

Unha das cousas boas que ten o «novo» xornalismo que, ás veces, practica El País é que evita que leamos o xornal distraidamente... En cada parágrafo un abraio e en cada titular unha fiestra aberta ao insólito.

Marcos Valcárcel López disse...

Ogallá teñas razón e os resultados vaian por onde apuntas, pero as enquisas son moi ambigüas e deixan moitas cousas no aire. O PP non o ten doado, pero PSdG-PSOE e BNG teñen tamén complicado subir nas súas expectativas: terían que conquistar unha desas cidades en maior competencia, Ourense, Vigo ou Ferrol, e non será tan doado como algúns pensan. Se non lograsen ese obxectivo, as dúas forzas en coalición, na práctica quedaría todo como estaba (agás cambios de matiz no rural) e iso tampouco sería un resultado moi gorentoso despois de dous anos no poder autonómico.