Comezou a campaña electoral (é unha forma de falar). Fóra da competencia «polas máis de 300 alcaldías que están en xogo na comunidade» (que precisa resulta ás veces a documentación da Gran Voz!), as elección son unhas primarias no Estado e unha reválida en Galiza. Os partidos do goberno de coalición piden un aval de continuidade para o cambio e o PP pide chance para unha «segunda modernización».
No revoltallo das palabras ben podemos extraviarnos. En realidade, no canto de modernización, o renovado Partido Popular de Alberto Núñez Feixoo ofrece o máis fiero continuísmo gobernativo. A súa hexemonía é local e deputacional e o seu futuro político depende agora dos micropoderes municipais e do poder discrecional das Deputacións Provinciais. No mercado de futuros Núñez Feixoo depende das súas cotizacións electorais en Vigo, Ourense e Ferrol. Que nada cambie é a substancia da súa proposta de renovación.
BNG e PSOE, pola súa parte, percorrerán o país para despexar o desencanto que por momentos se impón entre os seus electores máis esixentes: o padecemento dun cambio sen (grandes) melloras. Aventar os logros da Xunta non lles bastará e se realmente queren engaiolar aos cidadáns haberán de ofrecer con convicción un novo e gran salto adiante. Ser un pouco mellores que o PPdeG non será suficiente incentivo. Coidarse da autocompracencia é o primeira condición de sobrevivencia de calquera política de cambio en Galiza... e no resto do mundo.
No abano progresista haberá que elixir entre dous modelos: o do Grande Alcalde ou o da Coalición Sostíbel. O PSdeG privado do exemplo glorioso de Francisco Vázquez,converteu a López Orozco na icona do seu modelo de goberno absoluto e na súa vacina contra as dependencia coalicionais que magoan ao Presidente Touriño. No cabo oposto, o BNG acode para exorcistar os perigos canibalizadores do efecto Orozco e para ofrecerse non tanto como «goberno en solitario» senón como peza fundamental das coalicións de goberno. Ofrecer maiorías de gobernos plurais e estábeis, sustentábeis sobre acordos programáticos sólidos é a principal panca de apoio que ten o nacionalismo para facerse con novos poderes locais.
O alcance das mudanzas do mapa político local en Galiza vai depender decisivamente do grao de apropiación cidadá das tres grandes leccións que nos herdaron dezaseis anos de Fraguismo: unha, que a permanencia delongada no poder ten efectos perxudiciais para a saúde democrática das institucións; dúas, que toda acción de goberno non imaxinativa está suxeita á lei de rendemento decrecente tanto nos seus afectos cidadáns como nas súas capacidades de xestión; e tres, que as maiorías absolutísimas son o opio dos gobernantes. É bo repasar ben estas leccións se se quere pasar sen maiores agonías a vindeira reválida.
Teño para min que aos concellos de Galiza lles cómpre un tempo de coalicións e de solucións de goberno que obriguen a coidar dos consensos, a pensar en termos de transacción e a privilexiar a accesibilidade e proximidade coa sociedade civil que fermenta na innovación, na súa capacidade para xestionar as mudanzas, e na ideación de novas solucións para o noso vello e maldito problema de sempre: ser un carolliano país lento no que «fai falla correr todo o que se poida para permanecer no mesmo sitio» e no que «se quere chegar a outra parte hai que correr cando menos dúas veces máis rápido».
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
A sério crê que umhas municipais som umhas primárias ou as reválidas dum governo nom municipal? Tenho muita dificuldade para crê-lo. Está demasiado presente a condiçom municipal: resoluçom dos problemas do município, interesses e consideraços particulares dos eleitores (posso aparcar onde o meu trabalho, sair da cidade leva-me 45 minutos, etc), simpatia ou antipatia dos candidatos mais fortes do que os afastados presidentes de gov. autónomo ou gov. do Estado... Passa-me ainda a mim que voto sempre ideologicamente!
Parabéns polas citas de Carroll. Som sempre umha boa escolha.
Ser son eleccións municipais, pero a interpretación que se faga dos resultados será doutra escala. Serán lidas como primarias para medir a correlación PP-PSOE. É serán puntuadas como unha relavida para medir a solidez do cogoberno e mesmo da capacidade do liderato de Núñez Feixoo no PP. Votaremos para elixir alcaldes e mellores concellos pero por un sutil efecto bolboreta produciranse efectos nos demais espazos políticos. Somos incorrexíbeis na especulación e na extrapolación...
Sim, sim, sei que se vai ler nos resultados municipais um apoio ou falta dele às políticas do bipartito. Mas eu mantenho-me em que temos direito a respostar "Trata-se do pavimento e os passeios da minha rua, estúpid@!", se for necessário.
Pois xa podemos ir imprentando unhas camisola coas palabras de orde: "Trata-se do pavimento e os passeios da minha rua, estúpid@!"
Enviar um comentário