Tras o naufraxio é habitual escoitar como corolario da valoración do noso revés electoral algunha amargada queixa sobre o país que temos. Non é un trazo do mal perder dos nacionalistas, malfadamente está moito máis estendido, un recoñecido blogger do PSdeG-PSOE, José Luís Prieto, anotaba no seu twitter: «Los pueblos siempre tienen los Gobiernos que se merecen. Y el pueblo gallego ha cambiado poco desde que lo caricaturizó Castelao».
O reconto de papeletas reflicte a faciana política da Galiza que temos: conservadora e maiormente pouco galeguista. Adoitamos esquecernos desa natureza e reemprazámola por unha versión ideal seguindo o procedemento do señor Keuner que describiu Bertold Brecht:
—Que fai vostede –preguntaron un día ao señor K.– cando ama a alguén?Co país facemos, en primeira instancia, algo semellante, temos feito un debuxo e procuramos que se lle pareza; para de seguido substituír o país pola imaxe que pintamos del. Descoñecemos (en gran medida) ou ignoramos (maiormente) as estruturas e dinámicas políticas e sociais da Galiza que queremos representar e transformar e operamos politicamente sobre un imaxinario e non sobre a súa base material e mesmo, ás veces, tomamos por material o que é puramente ideal.
—Fago un bosquexo desa persoa –respondeu o señor K.– e procuro que se lle asemelle o máis posible.
—O bosquexo?
—Non -contestou o señor K.–. A persoa.
Identidades practicábeis e identificación imposíbeis
Valga como exemplo. As sondaxes deixan claro que Galiza non é país para nacionalistas e que queda moito por facer até lograr que sexa un país dos nacionalistas. A última entrega do CIS (xaneiro-febreiro de 2009) ofrece a mesma imaxe que todas as súas precedentes. Un 28,2% dos galegos entrevistados declara ser nacionalista, o 67.8% maniféstase como non-nacionalista. Os que se senten unicamente galegos suman un 4,9% fronte a un 5.1% que se consideran só españois. Máis galego que español: 19,4%. Máis español que galego: 3,6%. Tan español como galego: 65%. Máis ou menos, tan só 1 de cada catro galegos di ser nacionalistas ou di sentirse máis galego ou tan só galego.
Os entrevistados valoran o seu nacionalismo –1: mínimo, 10: máximo– nun 4,56%; e estiman coa mesma escala o nacionalismo do Partido Popular (3.07), do PSdeG-PSOE (4,73) e do BNG (7,99). O elector medio considerase tan nacionalista galego como o PSdeG e case que a metade de nacionalista que o BNG. Traducindo: o elector ao que nos diriximos ten que duplicar a súa identificación nacionalista para votar BNG pero sen apenas modulala pode votar PSdeG.
O imaxinario dos nosos destinatarios: unha maioría social galeguista. A idea que eles –a inmensa maioría dos electores– teñen do BNG é como unha alternativa de nacionalismo forte. A nosa oferta identitaria está na extrema pero o elector promedial a que nos diriximos está no centro do arco identitario, moito máis próximo en calquera caso ás propostas de galeguismo máis ou menos rebaixado do PSdeG ou do Partido Popular. A cousa complícase porque mesmo os nosos votantes se autoidentifican ideoloxicamente cun grao de nacionalismo máis rebaixado que o que lle atribúen ao BNG.
O paso polo goberno non mellorou a nosa comprensión do país material, nin serviu como observatorio privilexiado para enxergar as súas tendencias de futuro. Manda o impresionismo estratéxico e descubrimos novas realidades unicamente grazas a unha dolorosa espiral de ensaio-erro. Os nacionalistas non destacamos como habelenciosos coolhunters, pódennos as lecturas retrospectivas do país, obviamos as realidades presentes que non encaixan na nosa ollada, resolvemos os desenfoques botando man dos nosos imaxinarios e prestámolles pouca atención ás realidades emerxentes e ás tendencias de desenvolvementos futuros.
Agárdase de nós que ofrezamos identidades practicábeis e identificacións políticas verosímiles; e dificilmente se pode practicar un nacionalismo de proximidade sen salvar esa fenda entre o noso país imaxinario e o país material, entre como nos vemos, como nos ven e como se ven os electores galegos. Con esta pedra batemos unha e outra vez. E sempre nos abraiamos.
13 comentários:
Moi certo Ian, senón fora pola sensación de desacougo que nos deixa.
Aínda así, eu coidei que o BNG-Q entendía isto mesmo e esforzábase por porlle solucións con doses de pragmatismo.
As cousas pintan mal agora. Hai quen vende refundación volvendo ás esencias, iso si, imos ser o partido do colectivos sociais...(nós sempre na vanguarda,... o "pais material" non se entera...). Hai outros que están a procura dunha cara nova para que nada mude.... E hai outros máis que estamos nun mar de dúbidas e incertidume.
En fin, veñen duras, a ver que pasa. A ver que nos ocorre...
Eu som um chisco mais pesimista. Somos nacionalistas num país de nom nacionalistas, e no que o projecto de homogeneizaçom cultural espanhol progride com ímpeto e sem pausa. O resto podem deduzi-lo sem fazer muitos esforços de imaginaçom.
Imos ter que estarlle agradecidos a Feijoo por agasallarnos con estes artigos.
Dios, acabo de ver o vídeo de Beiras... Que peniña!
Chamoume a atención este post. Debes ser dun think-tank deses. Parece un tratado de entomoloxía: xente (no governo) mirando a través dun microscopio o errático comportamento duns bichiños (a sociedade) que non paran quietos.
Debe ser un traballo duro. Eu tampouco entendo tanta bichallada, haiche de todo. Pero só para axudar á catarse, non se che ocorreu que se cadra os bichiños, alleos eles a calquera taxonomía, ergueron os ollos cara ao seu observador e tampouco entenderon nada? Igual esperaban ver un observador 'ideal', que se deixara de microscopios, que deixara de clasificar bichos e baixara á pista de baile.
Se cadra é hora de que os científicos separen o ollo do visor e reparen en que se "obviamos as realidades presentes que non encaixan na nosa ollada", o experimento non vai a ningún lado, pois o problema está na ollada, non na realidade.
Creo que o enigma que intentas desentrañar está máis no observador que no observado.
Buf, desculpa este burdo símil e sorte coas especulacións.
Un bichiño
Cando se publicou esa enquisa da que falas, saíu unha tamén para Euskadi.
Recoméndoche que leas os datos da "escala de nacionalismo" en Euskadi e os compares con Galiza.
Vanche sorprender
Sobre a da apreciación que os galegos temos do nacionalismo, gustaríame sinalar que non podemos saber ata qué punto os enquisados non estarán identificando nacionalismo e BNG á hora de posicionarse.
Sinceramente: o problema do nacionalismo galego é que acabasse tomado por gente como vostede e o seu já ex-jefe Quintana, que de esquerda nem de nacionalismo nom tenhem nada.
E mentres nos os de dereitas tomábamos o BNG, anónimo vostede que tomaba? Se os certificados de esquerdas os da vostede quédome máis traquilo de non telo...
Caro anónimo, se o problema do nacionalismo galego é que acabou sendo tomado por gente de direitas, entom o lógico seria que a gente, em vez de votar BNG, votasse FPG ou Eles-UP. Mas nom, votou PP.
A.C.
No inquérito do CIS mencionado ao BNG situanno nas respostas moi á esquerda do PSOE o que contrasta tamén coa nosa viraxe realizada no que atinxe ás mensaxes. Así que máis complicado aínda: unha mensaxe nacionalista para un páis de non nacionalistas e unha mensaxe diluida para os que nos ven como unha organización claramente esquerda. Moitas complicacións non sí?
Sr Ian, a ver se falamos un día. Ou facemos algo ou isto váisenos polo retrete abaixo...
Coraggio amici!
Entendo que haxa tanto pesimismo pero pensade que o noso país sempre foi así: lento nas dixestións.Xa quedou patente tralo Prestige.
Non estou tan seguro de que os anos de bigoberno non traian boas consecuencias ao fin. De feito todo o mundo comprobou que o BNG pode entrar e saír do poder sen as consecuencias funestas que moitos profetizaban. Eso tamén ten que calar na xente.
O noso país non é nacionalista hoxe pero si o é potencialmente. Hai vinte anos ninguén soñaría conque un de cada catro galegos se declarara nacionalista.
A súa evolución depende máis que nunca de nós, pero tamén pode que haxa coxunturas favorables no estado (Catalunya, etc.)
Haberá que deseñar unha política intelixente e saber cais son as prioridades.Ás veces nonas temos claras!
Entre esas prioridades, a maís perentoria é dotarnos de medios de comunicación de masas e dar plataformas a moitos intelectuais, escritores e artistas que camiñan maioritariamente do noso lado.
Ata agora o conseguido fíxose nas peores condicións, nun terreo mediático totalmente hostil.
Enviar um comentário