02/10/2009

A cañeira de Caneiro

Galaxia habilitou no seu blog un recanto aberto á opinión de autores e colaboradores da editorial; aberto e libre para o exercicio de crítica e reflexión coa cultura e as letras de Galiza como preocupación troncal, un indiscutíbel valor engadido aos contidos informativos da editorial. Hai días que non os visitaba; descubro serodiamente que sumaron novas autorías, a de Xosé Carlos Caneiro, entre outras. A súa estrea é unha peza sobre o compromiso político dos intelectuais e as súas relacións co poder, un tema clásico que nunca deixa de ser de actualidade e ao que na súa edición de hoxe El País dedica unha ampla reportaxe asinada por José Andrés Rojo.

A liquidación moral da banda dos catro

Hai que ler a libérrima opinión de Caneiro aínda que aos mansos nos pareza que ten as feituras dun axuste de contas co estilo de Antonio Burgos, mestre de camorristas mediáticos. «¿Onde estaban?» é un texto de xuízo sobre o comportamento dalgúns dos intelectuais galegos máis relevantes no tempo de (des)goberno do Bipartito. Sen chamalos polo nome, Caneiro desestímalle compromisos, silencios, revindicacións e aplausos a Manuel Rivas (suponse), Suso de Toro (presumibelmente), Jaureguizar (aparentemente) e Antón Reixa (presuntamente). Todos eles maiores de idade con lombo ancho para cargar coas críticas e sobradas artes para contestalas, todos tamén con dereito a ser criticados sen omitirlles o nome.


Interésame menos a opinión que Caneiro ten do maltratado cuarteto que a que ten de si mesmo como intelectual que se retrata irado («Detesto ao intelectual orgánico») e arreponse porque os intelectuais orgánicos cando «gobernan os seus, calan», son «fieis ao partido e non á propia conciencia», facendo «do silencio o seu aliado», ao tempo que «castigaban aos discrepantes», se entregaban á haxiografía e á apoloxía dos poderosos, e «condenaban [aos disidentes] en nome da doutrina».

Onde estaban? Onde foi dar o compromiso de Rivas-de Toro-Jaureguizar-Reixa-et alii coas liberdades nos malfadados tempos que o opinador ourensán etiqueta como «neofraguismo», canda campaba «neste recanto do Noroeste» un goberno bipartito que «nos partía a alma». A banda dos catro é a responsábel principal da creación dun clima intelectual intolerante e inquisitorial e pregúntase Caneiro que credibilidade poden ter os intelectuais que tanto calaron e «que agora saíron do seu agocho e falan de novo en nome das liberdades».

Antes e despois de Caneiro

Na reportaxe de El País, Santiago Roncagliolo confésalle a Rojo que prefiere contar historias a establecer xuízos, ese non é exactamente o caso de Caneiro que compatibiliza a construción de densas historias ficcionadas e o oficio da opinión en La Voz de Galicia e que gasta tanto no xuízo da realidade como na fabulación.
Interésame sobre todo o Caneiro-opinante, moito máis a partir da publicación de «¿Onde estaban?».

Sería doado cribar a hemeroteca e tirar da desmemoria unha restra de artigos nos que el mesmo loou os méritos dos mandatarios do Bipartito, críticas datadas, iso si, todas antes de que o capricho de don Santiago Rey mudase o humor da ecuánime La Voz de Galicia. Pero atrás queda tamén a lembranza das malas artes do Bipartito que quixo domalo sumándoo forzadamente a unha deostada listaxe de intelectuais orgánicos e escritores menores como Rosalía de Castro, Cunqueiro, Castelao, Fernández Paz, Ferrín, Fina Casalderrey, Casares, Conde, Rivas, de Toro, Blanco Amor, Miguel-Anxo Prado, Teresa Moure ou Neira Vilas. El rexeitou as glorias e preferiu o abeiro humildoso do señor de Sabón, mecenas e profeta desarmado das letras libres de Galiza e da voz da rúa.


O novo intelectual inorgánico

Todo iso carece agora de interese, o historicamente significativo é a (auto)vindicación de Xosé Carlos Caneiro como novo intelectual inorgánico de Galiza. A seguir o catálogo vivo das súas virtudes: A opinión sen as ataduras dos poderosos, a liberdade incondicional no uso da crítica, a exquisita independencia das forzas do mercado, a actitude desafiante ante todo abuso, a defensa intransixente da tolerancia, a súa fortuna vencellada aos padecementos dos discrepantes, voz e ánimo dos disidentes, mantedor incorruptíbel da orde xusta e o xuízo fundado na obxectividade, a intelixencia desposuída de toda caste de poder terrenal, a modestia como código de vida, a xenerosa entrega ao ben dos demais; unha emenda á totalidade do «mundo falsario e hipócrita» dos intelectuais orgánicos.

En El País José Andrés Rojo titula interrogándose: «Intelectuais domados?». O malpocado descoñece o advenimento providencial do noso intelectual inorgánico. Pola súa indocilidade e libertaria independencia Xosé Carlos Caneiro sábese condenado. E síntese «máis só, máis raro...» pero tamén «máis libre». Todo indica que se achega malfadadamente o tempo do seu martirio. Mentres non chega, eu (aínda que mergullado nas miñas necidades) acudirei puntualmente á lectura das súas columnas de liberdade e verdade en La Voz de Galicia para que, polo menos, o noso salvífico intelectual inorgánico non se sinta só na súa cañeira.

8 comentários:

R.R. disse...

¡A enlamarse!

Supoño intencionadamente hiperbólica a comparación con Antonio Burgos. E sen ser Caneiro un meu heroe, algo de razón leva: moito foi o que moitos calamos e mesmo o que moitos falamos/-ron a favor do bipartito por aquilo de que supuñamos que eran dos nosos. Eses catro "presuntamente" aludidos, aínda sendo quen son, son moitos.
Outra cousa é falar da súa actitude -de Caneiro -con respecto ás actuacións "desinteresadas" do xornal no que escribe e o seu presidente-editor-comosechame, claro. Porque eu -que non o leo moito -non lembro a primeira crítica.

Ian disse...

Prezado r-r:

A crítica cómplice (que diría o finado de Benedetti) é un xénero difícil: compartir os enunciados pero non as solucións do Bipartido creou non poucas incomodidas entre intelectuais, peritos da política e profesións afíns. Sobraron complicidades e faltaron críticas, si; posíbelmente tiñamos máis necesidade do segundo que do primeiro. Mesmo houbo sobrados maltratos debidos ao Bipartito que non foron nin tan sequera de propósito de emenda. Até lle digo que me parece ben que Caneiro escarabelle nesa ferida. Sospeito que con pouca credibilidade debido ao seu xiro copernicano respecto do propio bipartito, viraxe que segue a órbitra trazada polo capricho do seu editor; non digo eu que o cambio de Caneiro respecto do pretendido goberno do cambio estea forzado por relación profesional ningunha senón polo seu propio desengano político. Entendo ben que Caneiro queira marcar un antes e un despois. Dereito que lle asiste a todo o mundo, tamén aos intelectuais orgánicos que ferozmente critica. O preocupante é que nas súas colaboración xornalísticas desde o 1-M non atopamos traza do seu manual de estilo como intelectual inorgánico. Caneiro practica unha vella fórmula periodistica: é forte cos débiles e débil cos fortes. Rivas, de Toro, Reixa, Jaureguizar son débiles, non lle sei, sei que aínda agardamos pola primeira crítica rotunda de Caneiro a calquera do novos ou vellos poderes deste país. Predica pero non dá trigo, centeo, millo ou o que lle preste mellor. Leva razón o de Antonio Burgos é unha esaxeración enorme, hai sensibles diferenzas con Caneiro, aínda que a min me baste con unha, creo que a Caneiro hai que lelo e creo que ler a Burgos é prexudicial para a saúde. Apertas desde a barreira.

R.R. disse...

Si señor, Ian, así mesmo. "¿Por que ese mesmo texto de Caneiro non foi escrito antes?" é pregunta para un debate feraz.

folerpa disse...

Parbéns,Ian!
Mais concordo con r.r en todo ese fato, non son só catro, de mudiños, eu incluido, que calamos, eu ao ao comezo, ilusiondos porque pesabamos que había outro xeito de faceren as cousas.Malia todo Caneiro non é o máis indicado para dicir ren dende esa atalia de facer país dende a que escribe.
Por certo, eu creo que a Caneiro hai que lelo en galego, cando escribe en castelán, sintoo pero a min enférmame.

Anónimo disse...

Dicir que Suso de Toro non foi crítico co bipartito é, polo menos, inxusto.

un de verín disse...

Vai falar o Caneiro, ese amigo íntimo de Manuel Cabezas (ex-alcalde de ourense, PP), chorón de subvencións públicas, aspirante a publicar en Alfaguara (en español), organizador de eventos VIL-lingues onde el mesmo recita en castelán, pregoeiro da Festa do Viño en Verín con Feijoo e Jiménez Morán (onde falou de que non se pode "impor" o galego entre outras cousas), o único tipo que convoca un premio literario co seu propio nome...

E todo isto un fulano que hai 10 anos foi nas listas do BNG en Verín. Un auténtico farsante. Un lacaio de Santiago Rey. Un intelectual cercano ao PP.

Anónimo disse...

¿Jaureguizar, un dos "intelectuais" máis importantes do tempo do bipartito? Ja Ja Ja Ja Ja Ja Ja

Anónimo disse...

Se non lembro mal nin R.R. nin Folerpa trataron suavemente ao bipartito. Eu acórdoos a protestar -é probable que con razón, non sei- contra a Consellería de Cultura (a un protestando por non sei que premio e a outro polo de Cuba). Así que xa poden estar tranquilos, señores.