Quería axuntar palabras nunha composición de bos desexos para o ano que imos estrear pero por cousa da amizade quixo que mas puxera nas mans Antón Baamonde. Nunha peza da súa A rosa sen por qué, que titulou «O difícil», pódese ler o que ben desexo para 2010:
Hai un poder que ten sempre que ser vencido, e aínda que non poidamos ser enteiramente satisfactorios, e aínda que, como o escribiu Eliot, «ninguén é tan perfecto para pretender cambiar a outras persoas», temos que supoñer que os demais agardan unha resposta, e admitir que todas as existencias están interconectadas, e que non sería honroso recear de que non está aí o alivio, nin a voluble bondade.Que en 2010 sexan abrazados, bicados e queridos.
E aínda que fagamos o terríbel descubrimento de que a «a xustiza non é suprema, e a inocencia non constitúe ningunha protección», como o fixo nunha apracible tarde da súa infancia Robert Fry, tamén debemos saber que existen a compañía, a modestia e a cortesía do corazón, e que o menos que podemos facer con algunhas persoas é rodealas, abrazalas e bicalas: dicirlles que as queremos.
Sem comentários:
Enviar um comentário