12/12/2009

De zombis e outras agonías

Despois de todo o que lle caeu enriba ao PP, calquera outro partido estaría politicamente morto. No Comité Executivo do 3 de novembro, Rajoy tirou das sondaxes e das boas perspectivas electorais para dar vida a un partido suicidado polas retesías internas e rotundamente desacreditado pola couza da corrupción.

Rajoy recorreu ás artes do vudú demoscópico para termar do Partido Popular como un auténtico morto vivente. No seu responso, o presidente do Partido Popular afirmou que «a pesar dos moitos pesares, estamos claramente por enriba do PSOE [...] Somos o partido con máis intención de voto de toda España...»

A pesar dos seus moitos pesares, o PP comportábase como un partido zombi capaz de manter a súa escalada electoral sen encaixar custes polas trangalladas de Gürtel, as desobediencias dos seus baróns ou a guerra intestina polo control de Caja Madrid. Mesmo reducido ás súas funcións básicas ­–erosionar ao goberno do PSOE e liderar todos os malestares, imaxinarios e reais–, o PP mantiña o seu avance triunfal cara á Moncloa.

Daquela os expertos fixeron saber que os efectos da corrupción política sobre os apoios electorais dos partidos afectados adoitan ser retardados e indirectos, os descontos son ao medio prazo e confírmanse como fugas á abstención e non como transferencia de lealdade cara outras opcións. Con todo, algunhas sondaxes evidencian xa a perda de folgos do PP, a última de Público rexistra o desbaldo da avantaxe (que foi de cinco puntos) que o Partido Popular lle ganaba ao PSOE en outubro.

De confirmase esta tendencia, o balance de forzas retornará á situación de empate técnico do verán. En Ferraz estarán máis tranquilos pero non hai motivos para alegrías: o voto declarado ao PSOE está entalado e non hai garantías de que a xestión gobernamental se traduza en medras electorais inmediatas.

O paquete de medidas anticrise de Zapatero-Salgado non é quen de reverter a recuada económica; amais o goberno encara os asuntos críticos con graves erros de coordinación e falta de resolución (Alakrana, caso Haidar...), a súa iniciativa cedeu ao esperar e ver (Estatut...), cada nova medida estrela (Reforma fiscal, Lei de Economía Sustentábel...) tórnase nun «quero e non podo»; e a política de valores e novos dereitos (Lei do aborto...) distrae e só vale para evidenciar o oportunismo fundamentalista do PP.

A ala optimista do PSOE confía no «semestre europeo» e engordar o currículo de Zapatero como estadista internacional. É improbábel que a «presidencia española» poida exercerse de xeito caseiro; isto é, priorizando políticas que reporten beneficios domésticos sensíbeis no Reino de España; Francia, Italia e Alemaña non están por consentir políticas de favor, as súas prioridades son outras. A agonía do PSOE avivécese pero non só por perder posicións diante do Partido Popular, senón por fracasar respecto do segundo partido máis importante na esquerda: o Partido da Abstención. O continxente progresista que recunca no abandono electoral non mingua.

É por iso que a ala pesimista remoe teimosamente en que a única estratexia para gañar pasa por poñer aos abstencionistas de esquerda ao bordo do abismo: facer coincidir eleccións xerais, municipais e autonómicas en 2011, unha aposta de todo ou nada.
Será máis que unha confrontación electoral, elixirase entre cambio ou continuidade no réxime de gobernabilidade do Estado: na mesma tirada decidiríase o poder local, autonómico e estatal.

Unha aposta forte que os estrategos do bordo do abismo consideran imprescindíbel para sacar aos abstencionistas de casa e explotar o voto útil tirando do medo como seu principal catalizador. No laboratorio de estratexias lémbranlles que os experimentos é mellor
facelos con gasosas. Eles retrucan, non sen razón, que levan noves meses experimentando con gasosas e que non queda outra: gañalo ou perdelo todo. Os abstencionistas que elixan e, despois, rían ou choren.


Sem comentários: