
Así, para o mestre da UOC, quen «gaña a batalla da mente, gana a batalla do poder», sabendo que «o poder é algo máis que comunicación e comunicación é algo máis que poder. Pero o poder depende do control da comunicación, do mesmo xeito que o contrapoder depende de romper o devandito control».
680 páxinas ateigadas de suxestivas achegas e matinacións que agardan próximas lecturas. Como adianto rescatar tan só unha. Castells indaga sobre as estruturas fondas do que chama a «política do escándalo» que, no sufrinte Estado español, adoita vir encapsulada coa sonada «estratexia da crispación» e co uso electoral do medo. O sumatorio de escándalo, crispación e medo ten sempre por obxectivo a destrución (da imaxe, valores, propostas...) do antagonista máis que a afirmación do liderado, programa ou identidade política propia.
En Galiza sabemos ben como se conducen as estratexias de escándalo como primeira onda do desarme (in)moral do opoñente. Escándalo, deslexitimación, perda de crédito entre os propios, envalentonamento dos alleos, derrota. Ciclo que o Partido Popular xestionou con mestría fronte ao goberno bipartito coa axuda inestimábel da maioría dos grandes grupos de comunicación de Galiza ou daqueles cun peso determinante na audiencia galega.

6 a 1. Traducido (sen maiores refinamentos): cada acción política negativa (xa sexa de pensamento, palabra, obra ou omisión) require para ser compensada de 7 accións políticas positivas. A inflación de erros, ou reiteración dos mesmos erros, fai aínda fai máis gravosa a relación de custes. Unha auténtica realpolitik da esquerda e o nacionalismo pasa por enfrontarse intelixentemente a esta desvantaxosa relación.

Dirase, con razón, que os gobernos de dereita enfrontan tamén o 6 a 1, certo; hai, non obstante, tres elementos que axudan a rebaixar os custes dos seu erro dos gobernos conservadores.
Primeiro, segundo salienta unha morea de estudos de psicoloxía cognitiva ou política, a nosa primeira lectura dos medios máis que procurar nova información o que persegue é ratificar as nosas crenzas, hábitos ou puntos de vista. Imos chamarlle o principio de «Así digo eu tamén».
A lectura ou visionado dos medios non é tanto comprensivo como afirmativo, procuramos a validación do nosos «así digo eu tamén». Emparentada co anterior, as persoas somos máis reticentes fronte aos cambios que perante a conservación do existente, as mudanzas multiplican os riscos e as incertezas. Hai áreas especialmente sensíbeis e refractarias ao cambio: a política, a relixión e a ética do cotiá que lle dá fundamento ás nosas condutas de convivencia.
Moitas das lóxicas profundas da mantenza dos comportamentos inmobilistas poden (re)lerse en «O conservador país onde non existen os conservadores», a famosa serie de Manuel Rivas coa que obtivo o Premio Fernández Latorre de Xornalismo en 1991 (coas xenreiras actuais do señor de Sabón o tería moito máis difícil / imposíbel).

A mediaesfera galega, en xeral, e o seu grupo de comunicación líder, especialmente, está altamente especializada na prestidixitación informativa: facendo aparecer ou desaparecer temas da axenda que resultan máis desvantaxosos ou máis benévolos para que goberna.
A nove meses do 1-M, nada do dito serve para exculpar os erros cometidos no trienio do bipartito, nin o desnorte no que compracidamente vivimos na actualidade. Sabendo que as cousas son (máis ou menos) así (éxitos deprezados, custes polos erros magnificados, resistencia ao cambio), teñámolo en conta cando tomemos as nosas decisións e non só cando tratemos de explicar as nosas derrotas. Mellor nos irá.
Sem comentários:
Enviar um comentário