Cando as cousas van mal sempre pode xurdir unha incómoda especulación que complica aínda máis a situación. Rodríguez Zapatero sabe ben o que é iso; na pasada semana tivo que xestionar un insolente ruxerruxe que nos anticipou que está valorando seriamente se será candidato á presidencia do goberno en 2012 (ou cando toque segundo o almanaque electoral que sexa máis propicio).
A día de hoxe, o «efecto ZP» é un retallo de gloria que unicamente reina nas hemerotecas, o líder do PSOE rexistra as súas menores cotas de popularidade e asina poucos éxitos que compensen o devalar da credibilidade da súa acción de goberno. Se a especulación ten unha mínima base real, á súa declinante saúde política hai que engadir un novo síntoma desesperanzador: o esgotamento do seu optimismo antropolóxico. Anuncio pésimo de maiores desfeitas.
Cando a negrura da crise económica semella que aínda se vai espesar máis, cos biorritmos electorais do PSOE procurando os seus mínimos vitais e co inimigo encoraxado ás portas da Moncloa, que Zapatero, a súa contorna política e familiar ou os seus detractores no PSOE comecen a remoer sobre a idoneidade dunha prudente retirada é o sinal que a algúns lle faltaba para certificar a inevitabilidade de vindeiros triunfos do Partido Popular.
A Rajoy a retirada especulativa sábelle a vitoria, non sen razón dixo Henrik Ibsen que «se dubidas de ti mesmo estás vencido de antemán». A imaxe dun presidente semicesante, en fase terminal de goberno, un «pato coxo» na nomenclatura política norteamericana, é o mellor agasallo de Nadal que podía esperar a dirección catastrofista do PP que con el recibe novos azos para seguir na teima de culpar a Zapatero de todos os males da humanidade, sabedores de que noquear a Zapatero é o mesmo que finiquitar ao PSOE.
O anuncio sabatino e solemne de que José Luis Rodríguez Zapatero non tomará unha decisión sobre o seu futuro até 2011 non impide que a imaxe de provisionalidade o acompañe en momentos políticos que lle esixen firmeza e non reflexivas dúbidas. Antes ou máis tarde debate sucesorio estará na axenda do PSOE, algo impensábel hai un ano. Nada impedirá que 2010 inaugure un interregno.
A coxeira do presidente vale para confirmar a súa soidade, o alcance dos abandonos dalgún fieis ministros, as incomodidades debidas ás presións dos filipistas, os desamores doutrora poderosos amigos mediáticos e, sobre todo, que nos próximos tempos unha boa parte dos esforzos do PSOE se destinarán á procura dun eventual substituto. Enerxías e vigores distraídos que mellor estarían empregados na procura de políticas factíbeis para recuperar crédito entre a crecente masa da esquerda abstencionista.
O debate sucesorio, sexa de baixa ou de alta intensidade pouco importará, vaise ordenar atendendo a un sabido comportamento pendular. O candidato ideal será quen máis se afaste e diferencie politicamente de Rodríguez Zapatero. O péndulo anuncia así a cancelación do largocaballerismo, da vocación federalista forte e da avogosa política de valores que, ollando á esquerda, que o PSOE propagandeou (con máis palabras que feitos) nos últimos anos.
Volverá á circulación, como programa de salvación electoral, o conformismo socialiberal, o entendemento cordial cos grandes poderes económicos (de onte, de hoxe e de mañá), o afastamento preventivo das organización sindicais, a volta ao rego da moderación discursiva, e a re-españolización e re-centralización como salvagarda do Estado. Bono pode comezar a soñar novamente con glorias maiores.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário