17/12/2009

Baltar & Baltar

Game over. Xosé Luís Baltar Pumar, Baltar o Maior, non será o xefe orgánico do Partido Popular de Ourense. O home que gobernou, durante case dúas décadas na provincia, a estrutura de poder do partido conservador, rexeitou a prórroga e decidiuse pola renuncia, a opción que paradoxalmente máis prexudica aos intereses de Alberte Núñez Feixóo.

Haberá remuda baixo a fórmula dunha sucesión dinástica, o xefe de filas será (con minúscula marxe para a sorpresa) Xosé Manuel Baltar Blanco, Baltar Pequeno. A el débense estas palabras nas que fai balance histórico do labor de seu pai e fai amago artificial de non xogar ao continuísmo:

Non sei o que é o baltarismo. Sei o que significou Xosé Luís Baltar á fronte do PP: 36 campañas, 36 eleccións gañadas por maioría absoluta. Non existe outro político con esa bagaxe. É unha mostra dunha capacidade brutal de conexión coa cidadanía que se debería estudar nos manuais de política.

O fillo verbaliza a fachenda dunha caste gañadora que reivindica para si. Pero tamén sabe con precisión o que é o baltarismo: un sumatorio de poder territorial efectivo, un galeguismo populista como reserva ideolóxica e o exercicio de poder ao xeito de Los Soprano.

En nome do pai

Baltar Pequeno xestionará os intereses que antes representou o seu pai, os dos herdeiros de Centristas de Galicia, a cerna hexemónica do PPdeOu. A Deputación aseguroulles a mantenza clientelar dos poderes locais, nos concellos e nas agrupacións do partido. Durante décadas todo o ben que fixo a Xunta conservadora na provincia anotouse no haber de Baltar. Mesmo todo o feito polo Bipartito nos concellos gobernados por alcaldes conservadores valeu máis para reforzar o presidente da Deputación que para tirarlle apoios. Todo sumaba no marcador de Baltar Pumar.

A día de hoxe o baltarismo aínda conserva como ideoloxía dormente un galeguismo popular que pode activarse como identidade de guerra fronte a Feixóo e o seu cordial galeguismo desgaleguizado. Asimilábel, se cómpre, ao "galeguismo na fronteira da autodeterminación" de Xosé Cuíña pero a diferenza do cuiñismo actual cun poder territorial efectivo e pouco discutido.

Ademais, como recurso disuasorio indiscutíbel, os baltares suman un grupo de deputados que é imprescindíbel para asegurar un goberno do PPdeG en maioría. Ese quiñón parlamentario que lidera Baltar Pequeno, sábese ben, non debe ser incomodado; agravio bastante foi non buscarlle un oco no novo goberno e arrombalo como compensación na Mesa do Parlamento.

Gañará Baltar, si ou tamén

O coidador dos intereses feixonianos na provincia, o superdelegado Roxelio Martínez, fracasou na súa tentativa cordial para animar a continuidade de Baltar o Maior. Aos feixonianos non lles interesaba tacticamente a saída de Baltar pai, facendo votos de lealdade continuísta estaban a gañar tempo para seguir acumulando forzas e prepararse para futuras batallas sucesorias en moito mellores condicións.

Fronte ao poderío da rede de clientes de Baltar, os feixonianos teñen que opoñerlle unha nova rede de clientes tecida desde o poder da Xunta e a superdelegación. Precisan tempo. A prórroga era preferíbel a unha toma de decisión neste momento. A renuncia de Baltar Pumar e a candidatura de Baltar Pequeno obrígaos agora a expresarse como voz crítica e a medir en desvantaxe os seus apoios.

Núñez Feixóo non ten motivos para estar contento. O proxecto de afirmación esmagadora da súa autoridade será imperfecto mentres non se impoña no feudo ourensán. Aos feixonianos quédalles unha tirada menos mala: conseguir que, nun acto de bondade, Baltar fillo ofreza unha candidatura de integración que permita a acomodación silenciosa dos críticos. Non é probábel que lles faga ese galano.

Na teoría de xogos hai tres disposicións básicas: a lealdade, a crítica e a saída. O sucesor gaña pouco con habilitar unha opción de lealdade falseada, réndelle maiores beneficios obrigar á crítica e escenificar un congreso con vencedores e vencidos. Veremos até onde chega a sedución de Alberto Núñez Feixóo, pero se non lle torce o criterio de Baltar Pequeno, xa pode despedir os seus co desolador parrafeo que en Alien, o oitavo pasaxeiro fai Iam Holm:

Aínda non comprendestes a que vos enfrontades. Un perfecto organismo. A súa perfección estrutural só está igualada pola súa hostilidade. Eu admiro a súa pureza, é un sobrevivente ao que non afecta a conciencia, os remorsos nin as fantasías de moralidade... Non tedes ningunha posibilidade, pero... contades coa miña simpatía.

Non hai que enganarse, a Feixóo gustaríalle ser como Baltar pai e fillo, personificar o exercicio dun poder absoluto, non afectado pola conciencia, nin polos remorsos, nin polas fantasaías de moralidade. De momento o baltarismo impídello, é o talón de aquiles da súa autoridade absoluta no partido e na Galiza conservadora.

Caderno de paso # 7

2 comentários:

Anónimo disse...

Excepcional post.

Voz en off disse...

O Baltar senior e o Junior son como unha droga: destructivos, pero tal e como está o país cómpre seguir drogándose ata morrer ou desintoxicarse de vez.
Un drama de carallo.