12/04/2005

Beiras no mes máis cruel

Durante a guerra de Vietnam un xeneral norteamericano declarou, cheo de razón, que tiveran que destruír unha aldea para poder salvala. Abril ganouse a merecida fama de ser o mes máis cruel por mesturar memoria e desexo. As últimas decisións de Xosé Manuel Beiras entréganos a un turbillón confuso de memoria e desexo e, sobre todo, enfróntannos cruelmente a un paradoxo estrátexico semellante ao do militar estadounidense: «para salvar ao BNG hai que destruilo (ou case)».
Non se discute a memoria. Hai unha esmagadora unanimidade á hora de salientar a achega decisiva de Xosé Manuel Beiras ao nacionalismo e á cultura galega, ao avance electoral e social do BNG e á súa renovación ideolóxica, política e organizativa. O que si se discutiron foron os seus desexos de encabezar a candidatura de Coruña ou Pontevedra e mesmo se esa era a mellor fórmula para aprofundar no proceso de renovación aberto na dirección política da organización nacionalista. Non se cuestionou o seu papel como presidente do Consello Nacional, si se rebateu a idoneidade do seu papel como cartel electoral.
Poucos políticos saben tan ben como Beiras do custe persoal que ten liderar un proceso de renovación nunha organización partidaria, das moitas dificultades de xestionar as inercias e das moitas pexas para avanzar na renovación de ideas, formas e persoas. O propio Beiras promoveu as reformas actuais tras a consideración na X e XI Asemblea da fonda crise de liderado, estratexia e organizativa que entalaba ao BNG e limitaba a súa audiencia electoral. Foi Beiras quen bautizou á «xeración CAF» e a sinalou como motor dos cambios necesarios. Foi el quen subliñou a urxencia de cambiar o BNG para poder cambiar Galiza.
Con todo, o BNG como o «proxecto común» que Beiras capitaneou esforzouse máis en garantir os equilibrios entre as organización da fronte que a súa renovación: a cooptación primou sobre a elección das direccións, a orde partitocrática impúxose á participación, o pluralismo dos partidos esteouse a costa do pluralismo da militancia, a dirección das partes impediu a existencia dunha dirección de todos. Beiras contribuíu máis ao remozamento da imaxe da fronte na sociedade e non tanto ás mudanzas ideolóxicas ou á democratización da organización. O liderado de Beiras non foi un eterno tirapuxa coa UPG senón a procura dunha alianza asimétrica e de intensidade variábel onde Beiras se aseguraba a súa autonomía política na relación coa sociedade e no labor institucional, e a UPG señoreaba o aparato e xestión doméstica da organización. Quizais, por todo isto, as súas críticas á actual renovación quintanista resulten moito máis crueis que permite o xa de por si cruel mes de abril. Malia ás adversas condicións políticas do nacionalismo galego, nos últimos tempos materializáronse máis avances na renovación da organización e da súa oferta electoral que en toda a «década prodixiosa» na que o BNG estivo xefeado por Xosé Manuel Beiras.
Mágoa é que, por cousa das últimas decisións de Beiras, os seus desexos traballan contra a súa memoria e, endemal, contra o mandato de renovación que saiu das pasadas asembleas do BNG. Beiras ten todo o dereito do mundo a cambiar de parecer e crer que o proceso de renovación esta derramado, pero xa metidos de cheo en paradoxos políticos, a día de hoxe quen mellor pode facer realidade o programa renovador que noutrora Beiras liderou non é Beiras, senón Anxo Quintana. Demitindo como presidente do Consello Nacional, a Beiras só lle queda un papel que cumprir: ser o xefe da oposición á renovación que Quintana quere impulsar. Era outra a achega que esperabamos de Beiras.

1 comentário:

Ian disse...

Concordo. Decepcionante e desmobilizador. Dificilmente resolvible con ben.