25/11/2008

Contar

Storytelling, a máquina de fabricar historias e formatear mentes de Christian Salmon é un libro de lectura obrigada se moldeas ideas con palabras. Non me vou deter no libro senón dun episodio que recolle Miguel Roig, director creativo de Saatchi & Saatchi, no limiar da súa edición en español e que lle dá título a súa achega: Son cego e hoxe comeza a primavera.

Lembra Roig que nos anos oitenta traballaba nunha axencia de publicidade que no seu recibidor tiña exposta unha breve, sabida e apócrifa historia:


Un vello pide esmola en Central Park cun cartaz no que conta a súa historia: «Son cego». Un redactor publicitario, camiño do seu estudio, déixalle cada día unha moeda. Un día anúncialle que non lle vai deixar a moeda, senón que lle vai escribir algo no cartaz. Ese día o cego mendicante ve multiplicar os seus ingresos. No serán o publicista explícalle ao cego a clave do éxito recadatorio. Mudou a rotulación do cartaz trocando o «Son cego» por un «Son cego e hoxe comeza a primavera».

Esta narración resume esencialmente a esencia do storytelling: a clave é contar o mesmo pero con outras palabras.

Con esa historia Alonso Álvarez Barreda rodou unha curtametraxe –Historia dun letreiro– coa que gañou o premio Special Cannes 2008, outorgado pola Short Film Corner.



Galardón arrodeado de agre polémica xa que, con anterioridade, Francisco Cuenca Alcaraz contara cinematograficamente a mesma historia nunha curta –Unha esmola, por favor–, que se presentou na cuarta edición do NoTodoFilmFest.



A rede está rabudamente enleada nun debate sobre a existencia (ou non) de plaxio. Se atendemos ao texto de Miguel Roig, a historia orixinal ten máis dun cuarto de século. Como para poñerse a discutir quen plaxia a quen e quen plaxio o que. A cousa é máis simple. Tanto Cuenca Alcaraz como Álvarez Barreda executaron disciplinadamente á fórmula máxica do storytelling: contaron o mesmo con outras palabras/imaxes.

Guillermo Morales, para demostrarnos que sempre se pode ir máis alá, (re)contou a historia e parodiou o debate sobre a orixinalidade das historias narradas neste tempos de coñecemento global e de discusión do copyright.

2 comentários:

orsinia disse...

Hoxe precisamente asistín en Madrid a unha conferencia de Kevin Roberts, o CEO de Saatchi&Saatchi, que falou de moitas cousas pero dixo unha importante: no mundo de storytelling os españois teñen un potencial como storytellers brutal. Imposíbel non pensar no potencial que temos en GZ, o malo é que o teñamos encerrado nos libros ou nas tabernas, ou que non saibamos reter (xa non digo explotar na nova comunicación) esa inmensa tradición.
En saber dicir as cousas doutra maneira non nos gaña ninguén. :)

Bruno Scartozzoni disse...

It´s a shame this book isn´t avaible in Brazil. :(

I can´t understand all of your blog, but I liked the subjects.