04/11/2008

Derrotas disciplinarias

«Os efectos directos [da crise] sobre a xente aínda non chegaron. Creo que veremos á xente saíndo á rúa cando os empregos e os servizos comecen a colapsar, cando se deixe de falar da banca. Serán as consecuencias dese colapso e non o colapso en si, o que saque á xente á rúa». A previsión é do cineasta Ken Loach. As crise alimenta a necesidade dun cambio de raíz. Con todo, ese cambio é tan só unha posibilidade e Loach é pouco optimista na súa diagnose sobre o estado actual das forzas que aspiran a gran transformación do mundo: «A esquerda tivo un longo período de derrotas [...] Hai unha sensación de que non se pode gañar e ese é un problema.»

Xa, en 1938, no seu clásico Programa de Transición, León Trotski reparaba como o sol podía pasar pola porta dos cavilosos revolucionarios sen deterse: «As condicións obxectivas da revolución proletaria non só están maduras senón que empezaron a descomporse. [...] Todo depende do proletariado, é dicir, da súa vangarda revolucionaria A crise histórica da humanidade redúcese á dirección revolucionaria».

A súa linguaxe pode semellar hoxe en día un tanto ruda e trastempada pero o dilema de don León é o mesmo que subliña Mr. Ken setenta anos despois: As condicións obxectivas están maduradas, as que non están ben logradas son as condicións subxectivas; hai condicións para o proceso pero non actores preparados; non hai falla de necesidade, hai falla de ideas, convicción e confianza nas propias forzas. O corpo [social] pídeo pero a cabeciña [política] está en condicións de dar conta do pedimento. Esa é a vella espiral que segue a desenrolar moitas das impotencias e imposibilidades do noso mundo e do noso tempo.

3 comentários:

Nygard disse...

Condicións obxectivas???
Non sei, non sei... pode estar en crise o modelo de crecemento e de redistribución da riqueza pero considera vostede que hai algo máis???

Dende logo que fallan as condicións subxectivas; teño para min que a sociedade actual -a nosa, a galega- e agora máis "liberal" que fai un anos, dalgún xeito ten máis apegados valores do capitalismo. Certo individualismo permeou removendo
certos lazos sociais, non socialistas, senón propios das sociedades agrarias-tradicionais.

Pero, volvendo ao principio, o que me prantexo é se en realidade a cousa dá para tanto como para falar dun cambio de raiz... Pensemos que nunca o Capitalismo estivo tan estendido a nivel mundial: China, India, Vietnam... a aposta é clara e os avances do sistema, démonos conta, evidentes.

Penso que teremos que contentarnos con reformar o sistema en dúas direccións: desenvolvemento sustentábel e redistribución da riqueza.

En fin, só algunhas reflexións desencadeadas; a ver se un día temos posibilidade de seguir.

Ian disse...

O post está escrito con palabras quizais demasiado fortes produto do influxo dunha xornada histórica (4-N) na abundaran os excesos e hiperboles. Cambio de raíz sería a recuperación dos poderes públicos como actores activos na regulación económico-financeira e na extensión do benestar, un maior control cidadá e parlamentario nas grandes decisións e un participación máis responsabilizada das organizacións da sociedade civil. Cambio de raíz pequeno, unha versión 2.0 do Estado de Benestar da posguerra mundial... por entendernos, nas súas palabras: desenvolvemento sustentábel e redistribución da riqueza.

As condicións obxectivas (os números crus indican que toca darlle unha volta ao modelo do neoliberalismo versión 1.0), a saída pode ser un neo 2.0 ou outra cousa. Sobre a importancia das condicións subxectivas aí está o triunfo de Obama, auténtica política de emocións.

En calquera caso, o post quería transmitir a necesidade de superar os efectos depresivos das derrotas que a esquerda leva acumuladas desde o inicio da revolución conservadora e o fracaso da terceira vía.

Anónimo disse...

Pero penso que esquece América Latina: os procesos progresistas, en ocasións con arestas revolucionarias, que se están a ensaiar en Venezuela, Bolivia, Ecuador, se cadra en Paraguai, asentan na crítica frontal ao ultraliberalismo, ao modelo que, arestora, se vén abaixo. Nesa xeografía sitúase a vangarda. É dicir, dalgún xeito, as condicións obxectivas tamén operan sobre as subxectivas: unha relación dialéctica.

Que ben escribía Trotsky, por certo.

Saúde