04/12/2009

Fotoeditorial


Hai fotografías que son máis definidoras (e definitivas) que calquera editorial. A estampa de Xoán A. Soler, que presidía a portada de onte de La Voz de Galicia e coroaba a posta en escena do consenso das nosas forzas políticas ao redor da fusión das caixas galegas, sintetiza o xuízo do todopoderoso xornal sobre o papel que lle corresponde a cadaquén na repartición de poderes no noso país.

O retrato presídeo (non podía ser doutro xeito) Núñez Feijóo que busca cámara e ponlle dálle voz a solución de «galeguidade e solvencia» que o xornal que máis ordena aplaude e desexa adevecidamente. Vázquez (Manuel), á dereita do protagonista, abaixa a ollada para saber da hora. En, harmoniosa simetría, Vázquez (Guillerme), con non menor elegancia, procura con ollos deitados a mesma feliz hora que o líder do PSdeG.


Max Aub dicía que hai tres categorías de persoas: os que contan a súa historia; os que non a contan; e os que non a teñen. É doado asignar papeis. Quen conta a historia. Quen non a conta. Quen non a ten. Nin o máis entregado asesor presidencial soñaría cunha escenificación máis gloriosa para zafar dunha situación tan complicada e espiñenta. Feijóo tenlle que estar eternamente agradecido aos dous Vázquez. Santiago Rey Fernández Latorre un pouco menos porque, no derradeiro prazo da letra, Roma nunca paga nin a cándidos nin a traidores.


Que Feijóo se pregue á estratexia da Corporación non ten maior ciencia. Que o PSdeG se sume obrigado tampouco. Que o BNG se decida pola solución do lobby dos poderosos que, cando menos desde 2007, procura por todos os medios a súa aniquilación política obriga a Guillerme Vázquez e algúns outros a contar unha boa historia que xustifique unha cambiada de xogo que pasa por solidarizarse cos intereses dunha das caixas (onte non se escenificaba unha solución de integración senón un ultimato aos «irredutíbeis localistas» de Caixanova) e apostar pola fusión como única fórmula para asegurar a galeguidade das entidades financeiras.

Alén diso, o máis rechamante é a falta da máis mínima vontade de sumarse ao consenso explicitando condicións, singularizando unha esixencia, acoutando a marxe de manobra de Feijóo; moi ao contrario, graciosamente as achegas máis singulares do BNG foron para ampliar dar aire ao protagonismo e discrecionalidade do presidente do PPdeG, para liberalo de presión política e mesmo para blindalo ante un posíbel fracaso.

De prosperar a «solución Feijóo-Méndez-Fernández Latorre» que se despida Guillerme Vázquez de calquera loureiro, se tiña algunha esperanza que repare na magnifica fotografía de Xoán A. Soler.
Se fracasa a fusión por mor da negativa de Caixanova, Feijóo compartirá os custes con Vázquez e Vázquez. O noso presidente formalizou unha sociedade de intereses con eles dous co mesmo obxectivo que Méndez-Fernández Latorre impulsan unha OPA hostil (baixo a xentil denominación de fusión) contra Caixanova: a socialización das súas perdas pola derrama do seu modelo de negocio financeiro. A sabedoría popular explícao con poucas palabras: «Benditos sexan os listos que dos burros se apoderan.»

Cústame crer que todo esta cantinflada sexa consecuencia dun acordo entre o presidente, o presidente-editor e a UPG no papel de partido-guía do BNG, como expresión torcida dun pacto (secreto/discreto e inconfesábel) con contraprestacións políticas e melloramentos de trato mediático. Paréceme que obedece máis a un mal aínda maior que compromete seriamente o futuro do BNG: a cancelación da política e a imposición do imperio do clixé ideolóxico.

Mal nos vai e peor nos irá, se cremos que convertendo ao BNG nunha expendiduría de receitas ideolóxicas imos recuperar audiencia e peso político. As «solución en clave de país» ou o rol das caixas como «axentes financeiros nacionais» non resisten o primeiro round coa teimuda realidade. Méndez, Rey ou Gayoso non atenden a ningún país ideal, teñen intereses, posicións de privilexios, beneficios que protexer e débedas que escamotear, e arman estratexias e alianzas para gañar eles e non para que se beneficie ningún outro país que non sexa o do seu clan.

Está por ver a primeira participación activa de calquera das caixas nun dos tan vindicados proxectos de país, nas operacións comprometidas non nas benéficas obras sociais e culturais. As caixas non teñen unha natureza decisional diferente da dos bancos, nin a súa lóxica de negocio é máis altruísta, non se deben aos seus impositores, Galiza non é a súa empresa colectiva senón o seu principal mercado. Cantinflas sintetizou maxistralmente a relación dos xestores da nosas caixas co país onde fan lucrativos negocios: «Se se necesita un sacrificio... renuncio a miña parte e collo a súa.»


A ideoloxía ocúpanos o lugar da política, o país imaxinado impídenos ver o país real, Teresa de Cálcuta tomou o relevo do Lenin da análise concreta da situación concreta. Sobraría con ver o que fixo politicamente o Partido Popular no pasado trienio para saber o que non había que facer. Quedáronlle entaladas as mans a Touriño e a Quintana de tanto tenderllas a Feijóo para procurar consensos mínimos no novo Estatuto, nas infraestruturas, na axilización dos traspasos de competencias, na busca dunha saída para a Cidade da Cultura, na sinatura de acordos operativos para enfrontar a crise...


Sei que cómpre non mesturar allos con bugallos pero se rastrexamos cal foi o último gran acordo «en clave de país» que subscribiron PPdeG, PSdeG e BNG, consenso bendicido por organizacións sociais e cidadáns de amplo espectro, posibelmente acabásemos por dar co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2005. Ese mesmo consenso lingüístico que Núñez Feijóo enterrou para sempre como primeira decisión da súa estratexia de desnormalización cultural.


Ben abonda con reparar nos nove meses gloriosos de gobernación da novísima dereita para saber até onde chega a súa política cordial, o seu reformismo conservador, o galeguismo amigábel, a eficacia como principio reitor das súas actuacións e a prometida coalición de goberno cos cidadáns.

Por se aínda nos resistimos a aceptar como funciona a cousa, aquí temos o resumo que nos deixou un dirixente do PRI pouco escrupuloso: «A política é como unha pelexa de galos: só un gana e o outro morre. Quen lle apostou ao perdedor ten que pagar. E nós nunca perdemos e, se perdemos, non pagamos.»

Podemos estar certos que está primeira rolda das caixas imos pagalas nós. Quen teña dúbidas que mire para a foto dun presidente presta a súa voz ao poderosos e dous líderes da oposición que só miden o tempo fuxidizo que nos achega, se non o remediamos con intelixencia, a novas derrotas.

7 comentários:

Daniel disse...

Este post é froito da preguiza intelectual do autor (as citas varias só contribúen a lle dar un ar máis chocalleiro ao texto) ou da anuencia coa estratexia gayosiana, xa se sabe “LOS DEL SUR”  ???
Léase, senón, o titular de hoxe de EL PAÍS – GZ: “Caixanova acepta la nueva auditoría pero negocia con Burgos y Cantabria”.
Por último, antes de opinar alegremente sobre a posición do BNG, leu o cronista opinador a proposición de lei do Bloque verbo da reforma da Lei de Caixas? Fágao cando puider, se cadra leva unha sorpresa.

bouzafria disse...

Magnífico texto. As veces esquecemos (confundidos polo barullo sentimental-localista) que case toda a batalla radica na conservación do poder de Méndez & family e da condonación de débedas do Rey de Galicia.
Boísima foto: mágoa que a situación de absoluta provisionalidade dos dous Vázquez impida a existencia, hoxe, dunha oposición real a este goberniño.

Ian disse...

Tes razón Daniel, o autor é preguizoso, o texto é chocalleiro e as citas están de máis. Realmente vasta coa foto, con saír na foto.

O Fuco disse...

Gran post, patética foto.

Cartier-Bresson disse...

Na ANT Gullerme sae coa saharaui. A carreira fotográfica deste home á busca dun titular non ten parangón.

xoan hermida disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Xoan Hermida disse...

Pois creo que se trata dun artigo moi interesante ( na liña dos últimos que puiden ler do autor ).
Asistimos ao suicidio do BNG como forza de esquerdas.Estan engordando a un monstruo ( feijoo ), encunbrando ao fronte da futura caixa ao representante do funcionariado liberal financeiro ( Mendez )seguindo o modelo de Caja Madrid e Caja Valenciana (entidade financeira ao servizo dos intereses clientelares e políticos) e pactando co editor que se jactou de derrubar ao bipartito.
Despois disto eu xa dubido de que teñamos marxe para a esperanza sexa socialdemocrata ( + BNG ) ou altermundista ( EI ), pero o que non teño dubidas é que non queda a esquerda nas institucións.