
Dedicacións sanitarias mantivéronme afastado da prensa galega case que todo o día. Até o venres á noitiña non descubrín a crónica de Luís Villamor en
La Voz de Galicia na que dá conta da paciente e pormerizada identificación dos
«inimigos do pobo» á que dedicou unhas boas xornadas algún aplicado
aparateiro do BNG. A mágoa é non poder dispor do texto orixinal da listaxe coas glosas, subliñados e cualificativos delicadamente anotados por un burócrata ao que se lle paga, parcialmente, coas cotas do afiliados policialmente investigados. O inquisidor tivo que reunir fontes ben diversas, moitas delas reservadas e oficiais, listaxe de militantes e simpatizantes, relación dos avalistas da XI Asemblea, xunto con nada desprezábeis coñecementos personais... e non poucas chamadas telefónicas a responsábeis locais e comarcais para atopar as pegadas político-dixitais dos abaixo-asinantes. O resultado é un noxento, estaliniano e cainita «quen é quen?» sobre a disidencia beirista. Unha organización política que se di democrática non debera aniñar semellantes prácticas fascistoides e alguén debería ser cesado, demitido ou despedido... pero non o será, a este exemplar funcionario partidario non lle chegará o seu
San Martiño e, moi ao contrario, será merecedor dunha renovada medalla chequista. É tal o noxo que, para evitar escribir unha carta dándome de baixa no BNG, escribo este post para me desafogar... Con todo, a listaxe infame pide teimudamente unha declaración de abandono ou, cando menos, de peche temporeiro de actividade.
Sem comentários:
Enviar um comentário