
Na parada do bus dou cun veciño que, en confianza, me comunica os seus temores de que o Partido Popular perda a maioría absoluta. El non é de dereitas nin de esquerdas, é funcionario de vello na Xunta, e ten medo porque os
outros aínda non están preparados. Vivimos nun concello pacificamente gobernado desde hai dous anos polo PSOE e o BNG. Con todo, lémbrame cando un
pavoroso incendio case que nos leva as casas e quéixase de que o Concello non fixo nada. Infórmolle de que a loita contra os incendios é cousa da Xunta e non do goberno municipal. «Xa, xa –asinte, e retrúcame–, pero é que os
outros aínda non están preparados. É que aínda non saben como hai que facer as cousas.» Repara no pin de
HQB que levo na chaqueta e pasamos a falar amigabelmente do tempo. Despedímonos. El, cos seus temores. Eu, cunha pregunta impertinente que me roe. Imos ter
primavera galega ou a este home lle falta unha primavera?
Sem comentários:
Enviar um comentário