15/05/2005

Chuvia

No cumio da Babel de papeis que é a miña mesa de traballo, alguén deixou un exemplar de Sede en Ourense de Uxia Casal. Abandonan o libro o mesmo día en que a autora fai 48 anos e isto non deixa de ser unha feliz coincidencia. Na honra do seu cumpreanos, e roído pola curiosidade, inicio a súa lectura. Desde as primeiras liñas unha pertinaz seca desertiza Ourense, eiva mananciais e aborta nacentes. Se en Macondo principiou a chover e nunca máis parou, na Cidade das Burgas a seca é severa e seica eterna. As letras de Uxía son un reclamo adevecido de auga. Sexa porque as súas palabras son máxicas ou porque a natureza quere darlle un xeneroso galano, o ceo rómpese en incesantes mares e cantaradas de pingas acompañan as súas letras. Desde aquela a Amaía e a Terra de Compostela son varridas teimosamente por sobradas chuvias. A seca só fica nas páxinas de Sede en Ourense onde bebo rapidamente. Cousas veredes. Chove e non escampa.

8 comentários:

Peke disse...

E logo, ¿gustouche?

Ian disse...

Gusta, gusta que aínda sigo lendo nel. Estou pasando francamente ben. Vou saboreando despacio coma un pedriña de sucre que se desfai na boca. Gorentosamente.

Cesare disse...

Jajajajaj
E logo, señora Peke, que interese ten vostede nos gustos de Ian?

Peke disse...

Non me sexas puñeteiro, Cesare.
Desculpe vostede, Ian, esta miña liberdade. :)

Ian disse...

Desculpada Peke, sei ben o puñeteiramente agarimoso que pode chegar a ser Cesare...

acedre disse...

Terei que ler algo de Uxia Casal xa que me gusta o seu blog.
O teu tamen me gusta muito.
Saudos.

Ian disse...

Acedre, sexa benvida. Moitas grazas. Lea a Sede de Uxía e pasará un bo rato.

Ian disse...

Quero dicir que sexa benvido e se non ten quen lle mande tan lonxe como está a Sede, deixe os seus sinais postais que eu lla mando encantado. Saúde.