08/05/2005
Próxima estación: esperanza
Alguén definiu a Galiza como o país onde todo vai vir e nada dá chegado. Para cancelar de vez ese imaxinario imposibilista, unha presada plural e lúcida de intelectuais galegos acaban de dar a luz un manifesto que reproduce Brétemas, un dos seus promotores. Sae no día en que El País e El Correo Gallego publican senllas sondaxes electorais; ambas as dúas dan conta do desgaste do Partido Popular e da vantaxe dos votos progresistas sobre os sufraxios conservadores. O PP lambe con moitas dificultades a maioría absoluta mesmo no seu voceiro oficioso. Na sondaxe madrileña, o BNG acada uns apoios preocupantemente baixos (11 escanos) que son mellorados no inquerito compostelán (14), pero que aínda quedan lonxe dos 17 deputados actuais. O PSdeG evidencia un crecemento espectacular gañando entre oito e dez novos escanos e mantense por riba do 30% dos votos. Para mellorar os resultados do nacionalismo haberá de ampliar a súa audiencia entre os votantes máis novos, as mulleres e nos núcleos urbanos, segundo os perfís críticos que achega El Correo Gallego. Aínda que os analistas composteláns entenden que só cun alto nivel de participación Manuel Fraga poderá revalidar a súa maioría absoluta, todo semella indicar que unicamente asegurando a maior mobilización electoral o BNG poderá mellorar os seus resultados e contribuír máis solidamente á vitoria da alternativa galeguista e progresista. Os 18 esperanzados asinantes do manifesto escriben: «No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas. Un novo tempo que nos convoca a todos os cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.» Convócanos á esperanza, que oxalá sexa á que se referiu Castelao, «a espranza celta, que nunca se cansa». Chaman á participación e ao cambio político e anuncian que «xa vai». Que así sexa, que vaia xa!
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Seguro que están inzadas de particularísimos amores partidarios, ningún dos dous son medios que se caractericen polo seu ideario aconfesional. O máis esperanzador é que cruzadas as dúas sondaxes: o PP perde ou malamente gaña. A pouco que mellore o BNG perde o PP e mellora a substancia do cambio.
Enviar um comentário