25/09/2005

Xogando coa diferenza

Vagarosamente no BNG vaise definindo a doutrina losada-aymerich, deliñando o que van ser os criterios de relación co PSdeG-PSOE e a compostura dos nacionalistas no goberno e na oposición parlamentaria. Ben como se presenta na súa primeira andaina, trátase de aleitar unha estratexia de «toma e daca» co PSOE, non de transaccións senón de partidas e contrapartidas, de repartición e quiñón. Como na Guerra Fría a lóxica da relación baséase no medo e na negociación ao bordo do precipicio. Hai que levar as cousas ao límite e despois negociar solucións ante o terror creado por unha probábel creba do pacto de goberno que significaría o retorno do Partido Popular á Xunta de Galiza. A maiores no BNG afínase unha compostura dual como organización no poder na Xunta e como organización na oposición no Hórreo e nas Cortes. A bancada nacionalista está máis preparada para fiscalizar a acción de goberno do PSdeG que para defender e impulsar a acción de goberno da Nova Xunta e, singularmente, a do propio BNG. Esta tensión agrándase cun propagandismo facilón que se estea no labor opositor que se exerce fronte ao PSOE no Parlamento do Estado. Por outra banda, a pantasma da experiencia municipal lucense carga de razóns ao estrategas da colaboración de baixa calidade e da competencia de grande intensidade. A crenza de que non se pode «traballar para o inglés» dá forma á materia nutricia da estratexia losada-aymerich. Dos resultados lucenses, como dos demais resultados electorais, o BNG non aprendeu moito. Orozco gañou a súa maioría absoluta por facer cousas que o BNG non facía, por procurar unha relación política (e non unicamente de xestión) cos cidadáns, por visualizarse e achegarse sen medos á xente, por ofrecerse como símbolo dunha organización aberta e accesíbel... Para combater á pantasma lucense a receita é tan previsíbel como inútil: hai que diferenciar a marca, hai que singularizar a xestión do BNG. Compracentemente dísenos que diferenciando a marca é suficiente para ampliar a influencia e audiencia política do BNG, para blindar os caladoiros electorais nacionalistas, e para para garantir o sorpasso na vindeiras autonómicas. A vía losada-aymerich non é outra cousa que o exercicio do vello resistencialismo, pero agora desde o Poder. Se hai algún futuro para o Novo BNG, non será diferenciando a marca, senón marcando a diferenza. E marcar a diferenza é impulsar políticas públicas que nin o PSOE nin o PP son quen de definir (e moito menos quen de practicar), procurando unha relación diferente cos cidadáns, cos poderes económicos e mediáticos, e sobre todo evidenciando ante a aínda engrosada base social do Partido Popular que hai vontade de diálogo e que hai capacidade e intelixencia sobradas para defender os intereses de Galiza e dos seus cidadáns para crear novas oportunidades de progreso e benestar para todos. No primeiro mes da Nova Xunta, o BNG marcou a diferencia, no segundo dedicouse fundamentalmente a diferenciar a marca. A primeira idea era mellor.

Sem comentários: