
O editor
Giulio Einaudi conta nas súas
memorias o curioso proceder crítico do economista
Piero Sraffa. Cando Einaudi quería saber da valía dun ensaio preguntaba a Sraffa. Se o economista gustara da obra, falaba longamente dela e con grande profundidade analítica, detíñase polo miúdo nas gabanzas e achegas orixinais do autor e o libro. Cando era preguntado por unha obra que evidentemente lera e da que tiña unha mala opinión, contestaba parcamente: «Non a coñezo.» Diante das primeiras decisións do Goberno Novo, comprobo que hai
decisións das que podería falar longamente e
outras que simplemente debería decidir que non coñezo. As despropositadas reaccións xurdidas diante das críticas a algunhas decisións primeirizas da Nova Xunta case que me convencen de que de a estratexia sraffiana quizais sexa a máis aconsellábel nestes cen primeiros días de goberno de graza, confianza cega e autocompracencia inaugural. Pero vai ser que non. Hoxe leo unhas declaracións de Viktor Yushchenko na que nos lembra que «hai moitas caras novas no poder, pero que o poder pode seguer a ter a mesma cara de sempre». Non me gustaría escoitar, dentro duns meses, unha sentenza semellante respecto do goberno da primavera galega.
Sem comentários:
Enviar um comentário