31/05/2005

Medo á primavera

Na parada do bus dou cun veciño que, en confianza, me comunica os seus temores de que o Partido Popular perda a maioría absoluta. El non é de dereitas nin de esquerdas, é funcionario de vello na Xunta, e ten medo porque os outros aínda non están preparados. Vivimos nun concello pacificamente gobernado desde hai dous anos polo PSOE e o BNG. Con todo, lémbrame cando un pavoroso incendio case que nos leva as casas e quéixase de que o Concello non fixo nada. Infórmolle de que a loita contra os incendios é cousa da Xunta e non do goberno municipal. «Xa, xa –asinte, e retrúcame–, pero é que os outros aínda non están preparados. É que aínda non saben como hai que facer as cousas.» Repara no pin de HQB que levo na chaqueta e pasamos a falar amigabelmente do tempo. Despedímonos. El, cos seus temores. Eu, cunha pregunta impertinente que me roe. Imos ter primavera galega ou a este home lle falta unha primavera?

28/05/2005

Elas

Son a visualización da renovación do BNG. Malia ter un curriculo vedraño na acción política, social e cultural, ambas as dúas achegan unha forma nova de estar e facer política: directa, amábel, ilusionante. Imaxinación igualitaria. Intelixencia mesturada con solidaria humanidade. Saben ben que a felicidade é tan indispensábel para a cidadanía como a liberdade. Son a forza emerxente do País Novo. Se queremos un futuro mellor, cabaleiros, fáganse a un lado!

27/05/2005

Racionalismo

O Popular Party ten unha idea clarísima do que lle interesa a cadaquén. Aos nosos paisanos rurais, empanada; aos medios de comunicación, subvencións; aos funcionarios, cartiños frescos no peto. A eles o Poder Absoluto. Ninguén mellor que os xerarcas populares para saber que administración galega e os seus recursos son un botín que hai que repartir entre os propios e os próximos. Cadaquén ten que recibir o seu quiñón para afianzar as lealdades caninas e garantir a continuidade do PP no (des)Goberno galego. A nova política é o racionalismo, a repartición dos bens públicos so a forma de racións, e a conversión das contratacións nunha arrepañota que sempre lle cae aos mesmos. Os capos conservadores fixeron da corrupción e a repartición clientelar dos recursos autonómicos a versión galega do Welfare State: a Administración Ración. Para os propios, o lote maior dos bens, contratos e empregos públicos (ben se sabe que quen parte e reparte leva a mellor parte) e para os próximos racións de empanada (ou pizzas para os máis novos), axudas discrecionais e oportunistas subas salariais. Gimme tha power que algo che tocará.

26/05/2005

El Titi e a pirámide invertida

El País publicou onte, na páxina 8, un anuncio de algo autodenominado «Padres y madres de España» no que nos alertaban sobre as dramáticas consecuencias que tería a eventual aprobación da por eles chamada Lei de matrimonios homosexuais. Publicidade infame tirada do máis fondo do pozo do pensamento reaccionario e inquisitorial. Hoxe o xornal madrileño, na páxina 38, dá conta das reaccións provocadas polo anuncio e usando a sonada pirámide invertida, pola cal se debe «colocar o núcleo da información no primeiro parágrafo e os pormenores que complementan a noticia se redactan a seguir en orde de maior a menor importancia», di no derradeiro bloque de texto: «O anuncio, que viola abertamente as normas establecidas polo xornal, foi publicado por un fallo nos sistemas de control. Este anuncio non volverá aparecer nas páxinas de El País». Periodismo Digital, que se fai eco do asunto, titula: «El País pide perdón por "una publicidad homófoba"». Non só non pide perdón, senón que agocha a súa responsabilidade ofrecendo unha aclaración técnica no derradeiro parágrafo. Novo xornalismo este que lembra un dito castizo: «El titi no se cae, se tira.»

22/05/2005

Comezo

A fin de semana aniñou ducias de iniciativas cívicas: convencións electorais, entrega de Pedróns, estreas reivindicativas e lúdicas. Loitar polo evidente é case que sempre desanimante. Na mañá do domingo, na Coruña, tratábase de pedir o apoio para que o Senado lle dea o visto bo a reforma do Código Civil que recoñece os mesmos dereitos aos heteros que aos homosexuais. A voda congregou pouco máis dun centenar de invitados. «Que fráxil parece todo cando algo nace...» escribiu o poeta George Trakl. Canta razón levaba. Menos mal que hai algúns que non son moi fáciles de desanimar. Por iso algún día serán tantos coma na fotografía.

Baladafanada

Cabrafanada ten libro novo e presentouno o venres competindo con Q. e outros interesantes actos culturais. O artefacto é lindo, moi lindo, con letras breves acompañadas polas fotografías arquitectónico-desérticas de Renato Roque. A Balada é unha peciña de papel queríbel. Un libro engado. Neste poemario non aparece o brando pedramol, nin a dureza vitrocerámica coa que Fran escribiu a súa anterior poesía, pero si se asoman o silencio e as persianas. Das súas moitas letras quedo con estas: «o tempo é un asasino estático, un mentirán, un finxidor que engana». Unha colega roubame Balada solitaria e dálle lectura á carreira. Cando ma devolve, dime: «Un chisco heavy, un pouco duro». As letras, non o autor que che é brandiño e mol, penso pero non acerto a retrucarlle.

HQB

Un dos teóricos do absolutismo, Jacques Benigne Bossuet, defendía que «a política é un acto de equilibrio entre a xente que quere entrar e aqueles que non queren saír». Non teño claro cunha perspectiva democrática a cousa sexa explicábel neses mesmos termos. Outro, o meu, quere que a entrada cambie realmente o estado de cousas e inaugurar un País Novo. E, por cabo, hai unha presada intelixente da sociedade galega que non quere entrar pero si botar de vez aos que desde hai décadas non queren saír. No máis vivo de Galiza hai, quizais por primeira vez, un consenso básico que nos unifica: xa vai, desta vai, hai que botalos. Hoxe comenza a súa ilusionante campaña.

15/05/2005

Chuvia

No cumio da Babel de papeis que é a miña mesa de traballo, alguén deixou un exemplar de Sede en Ourense de Uxia Casal. Abandonan o libro o mesmo día en que a autora fai 48 anos e isto non deixa de ser unha feliz coincidencia. Na honra do seu cumpreanos, e roído pola curiosidade, inicio a súa lectura. Desde as primeiras liñas unha pertinaz seca desertiza Ourense, eiva mananciais e aborta nacentes. Se en Macondo principiou a chover e nunca máis parou, na Cidade das Burgas a seca é severa e seica eterna. As letras de Uxía son un reclamo adevecido de auga. Sexa porque as súas palabras son máxicas ou porque a natureza quere darlle un xeneroso galano, o ceo rómpese en incesantes mares e cantaradas de pingas acompañan as súas letras. Desde aquela a Amaía e a Terra de Compostela son varridas teimosamente por sobradas chuvias. A seca só fica nas páxinas de Sede en Ourense onde bebo rapidamente. Cousas veredes. Chove e non escampa.

13/05/2005

Chove e escampa

Ende ben deuse presentado o manifesto «En nome da esperanza: xa vai». Tras un desconcertante episodio con amagos de abandono e acusacións de manipulación, finalmente houbo acordo e concluíu con ben este novo lance da traxicomedia «Somos galegos e non nos entendemos», onde descubrimos que as palabras teñen dono e que ademais hai que ter moito coidado con compartilas con alleos. Pero a paisanaxe é así e nese carácter rabudamente microfundista radica parte do noso encanto antropolóxico. «Xa vai». Que alguén escolla as derradeiras palabras de Ramón Sampedro como leit motiv dun manifesto a prol do cambio político «galego» (non se me vaia esquecer!) pode parecer paradoxal, pero a súa defensa da eutanasia e a nosa da necesidade de promover un novo goberno teñen a mesma materia prima: a dignidade. Antes de iniciar (ou alimentar) tan penosa e esteril polémica algúns debían ter reparado niso. Deberían telo pensado sobre todo os entusiasmados etiquetadores que se dedicaron a repartir acreditacións de nacionalismo e pureza de sangue ideolóxico. Vai resultar agora que de Toro, Agustín Fernández Paz, Bragado, Xurxo Souto ou Tosar nada fixeron por Galiza. Vai ser que, como no caso de Enric Marcos, eles nunca estiveron alí, perdón quero dicir aquí. Cousas veredes. Chove e escampa.

09/05/2005

Outra idea de Galiza

A tregua dominical permíteme avanzar na lectura do último libro de Suso. Non adianto moito debido a que cada páxina invita a pensar. A súa apariencia fragmentaria agocha unha proposta reflexiva que é todo un careo con tres enunciados: un urxente –a necesidade de atopar unha nova formulación do nacionalismo galego–, un incomodo –a pertinencia de contribuír á construción dun novo «nacionalismo español» integrador–, e un anticipador –a futura pero obrigada ideación dun nacionalismo europeo que lle dea sostenibilidade identitaria á UE–. Polo que levo lido, Outra idea de España é moito máis que outra idea de España, tamén supón outra idea de Europa e de Galiza. Unha fértil achega aos problemas da identidade nacional, da libre asociación en novos e vellos espazos políticos, e da imaxinación dunha cidadanía inclusiva, participativa e plural. Non sei que efectos lle estará a producir ao todopoderoso lector da Moncloa pero a min, felizmente, está dandome moito que remoer. A vindicación dun «galeguismo republicano» é suxestiva e permite un diálogo non esencialista co mellor do nacionalismo de preguerra, con Antón Villar Ponte e co pouco reivindicado Lois Peña Novo, a quen moito me reina ler. Nas páxinas de El Pueblo Gallego en 1926 escribía: «Galiza é unha riqueza sen explotar, un dereito sen articular...». Eis un orixinal enunciado dos problemas dunha vella nación que aínda hoxe sinalan a cerna da súa axenda política e teimudamente agardan solución.

08/05/2005

Próxima estación: esperanza

Alguén definiu a Galiza como o país onde todo vai vir e nada dá chegado. Para cancelar de vez ese imaxinario imposibilista, unha presada plural e lúcida de intelectuais galegos acaban de dar a luz un manifesto que reproduce Brétemas, un dos seus promotores. Sae no día en que El País e El Correo Gallego publican senllas sondaxes electorais; ambas as dúas dan conta do desgaste do Partido Popular e da vantaxe dos votos progresistas sobre os sufraxios conservadores. O PP lambe con moitas dificultades a maioría absoluta mesmo no seu voceiro oficioso. Na sondaxe madrileña, o BNG acada uns apoios preocupantemente baixos (11 escanos) que son mellorados no inquerito compostelán (14), pero que aínda quedan lonxe dos 17 deputados actuais. O PSdeG evidencia un crecemento espectacular gañando entre oito e dez novos escanos e mantense por riba do 30% dos votos. Para mellorar os resultados do nacionalismo haberá de ampliar a súa audiencia entre os votantes máis novos, as mulleres e nos núcleos urbanos, segundo os perfís críticos que achega El Correo Gallego. Aínda que os analistas composteláns entenden que só cun alto nivel de participación Manuel Fraga poderá revalidar a súa maioría absoluta, todo semella indicar que unicamente asegurando a maior mobilización electoral o BNG poderá mellorar os seus resultados e contribuír máis solidamente á vitoria da alternativa galeguista e progresista. Os 18 esperanzados asinantes do manifesto escriben: «No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas. Un novo tempo que nos convoca a todos os cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.» Convócanos á esperanza, que oxalá sexa á que se referiu Castelao, «a espranza celta, que nunca se cansa». Chaman á participación e ao cambio político e anuncian que «xa vai». Que así sexa, que vaia xa!

02/05/2005

As listas grises da UPG

A executiva do BNG adiantou as súas candidaturas electorais. Tras un ilusionante inicio, ven a esmagadora evidencia de que as listas serán renovadas pero non renovadoras. O cupo da UPG cúbrese ao seu gosto e medida e vai resultar moi difícil borrar a imaxe de Quin como un lider entregado aos caprichos, poderes e controis da todopoderosa U. As listas resultan grotescas polo que teñen de repartición de poderes domésticos e o seu debil atume coa sociedade máis dinámica e as súas forzas máis comprometidas. Enfeblecido polas críticas de Beiras, Quintana inclínase ante a Realpolitk de sempre e a renovación efectiva e prometida das listas e os seus procedementos de confección é un espellismo baleiro de concreción. Quintana non é o único responsábel de semellante desencanto, pero a el vai tocarlle ser o seu xestor. As listaxes son dunha pobreza insólita, un pozo do que non pouca ilusión se vai poder tirar. Cada vez atopo máis desengañados (e eu estou máis desganado). Houbo un tempo no que lle tiña máis confianza á organización que aos inquéritos; agora é todo o contrario, o único que levanta o ánimo é constatar como, a pesar de que se están facendo as cousas maiormente mal, se mantén a fidelidade electoral do persoal. A desconfianza do PSOE e o rexeitamento do PP aínda poden máis. O grande inimigo é o desencanto e o seu correlato electoral: a derrotada abstención. Por min non ha de quedar.

As listas negras da GPU

Dedicacións sanitarias mantivéronme afastado da prensa galega case que todo o día. Até o venres á noitiña non descubrín a crónica de Luís Villamor en La Voz de Galicia na que dá conta da paciente e pormerizada identificación dos «inimigos do pobo» á que dedicou unhas boas xornadas algún aplicado aparateiro do BNG. A mágoa é non poder dispor do texto orixinal da listaxe coas glosas, subliñados e cualificativos delicadamente anotados por un burócrata ao que se lle paga, parcialmente, coas cotas do afiliados policialmente investigados. O inquisidor tivo que reunir fontes ben diversas, moitas delas reservadas e oficiais, listaxe de militantes e simpatizantes, relación dos avalistas da XI Asemblea, xunto con nada desprezábeis coñecementos personais... e non poucas chamadas telefónicas a responsábeis locais e comarcais para atopar as pegadas político-dixitais dos abaixo-asinantes. O resultado é un noxento, estaliniano e cainita «quen é quen?» sobre a disidencia beirista. Unha organización política que se di democrática non debera aniñar semellantes prácticas fascistoides e alguén debería ser cesado, demitido ou despedido... pero non o será, a este exemplar funcionario partidario non lle chegará o seu San Martiño e, moi ao contrario, será merecedor dunha renovada medalla chequista. É tal o noxo que, para evitar escribir unha carta dándome de baixa no BNG, escribo este post para me desafogar... Con todo, a listaxe infame pide teimudamente unha declaración de abandono ou, cando menos, de peche temporeiro de actividade.