31/12/2006

Cabo

Extraviado na escrita dos últimos parágrafos de 2006, son incapaz de facer o balanzo do ano. Decídome finalmente a pechalo coa escolla dun poema de Nas páxinas da ferida de John Berger.
Contadores de historias

Escribindo
anicados a carón da morte
somos os seus secretarios

lendo á luz da vida
contemplamos o seu libro maior

onde termina ela,
colegas meus,
comezamos nós, a ambos os dous lados do cadáver,

e cando a citamos
facémolo
sabendo que a historia está a piques de acabar.

30/12/2006

Na terra

No día do malfadado anuncio da fin da tregua, deitamos o corpo do meu pai no camposanto de Pereiró. Para todos os que no seu adeus trouxeron agarimos e aos que nos acompañaron coa súa solidariedade, han saber que teñen, de todo corazón, a nosa infinda gratitude.

Fin

Falsamente nos convencemos de que é mellor unha rápida fin que non unha longa e sufrinte agonía. É un fráxil pero necesario engano para alivar as derradeiras horas. O pasamento de meu pai dános a medida exacta das primeiras palabras contadas de Camilo Franco: «A especie está afeita á morte pero os individuos non.» A tribo e o noso pequeno clan tampouco. Tan só somos un menos pero o baleiro é infinito.

24/12/2006

Noiteboa

No serán da Noiteboa, Pedro herdarnos as historias da súa vida, alegrías e fatigas. Nunha paréntese que regala a doenza repasa as infancias da ilusionante República; os primeiros salarios coas cargas dos aserradoiros de Outes; o trienio miliciano na friaxe do cuartel compostelán do Hórreo e na fronteira do Pireneo aragonés; o matrimonio tras un sexenio de noivado; as xiras polas feiras das terras de Noia e Muros transportando do pouco que había nos anos da fame; a procura dun futuro nas canteiras de Baruta na Venezuela farturenta de mediados do século pasado; e, tras o retorno da emigración, os días de oficio no traficado balbordo do progreso e medre de Vigo como metrópole atlántica. Non perdo pormenor do relato último da súa digna vida.

22/12/2006

Na calma central

Paso con meu pai os seus derradeiros días. Para afrontar a súa dor, levanto un valado con letras insomnes. Cando fina o ano que lle rendemos á Memoria, comezo a ler con inmerecido atraso Os libros arden mal. Levado pola arte da lavandeira descifradora das marcas da auga, procuro nos ollos vencidos de Pedro oitenta e tres anos de esforzada vida. Entre a xeira de padecementos unha tregua. Como unha ladaíña leo a sabedoría fonda dun arpoador:
Non hai que fiar da calma, dixo de improviso. É ao que máis medo lle teño. Á calma. Sabes o lugar onde nada pasa, o da calma absoluta, onde a mar está como un prato?
Curtis negou coa cabeza.
No centro do furacán! É o que chaman a calma central. Non esquezas isto. Na calma central, ponte en vilo, en estado de urxencia.
Deitado na calma central da súa dor, Pedro dorme. As palabras de Rivas trazan un plan de fuga perfecto e céibanme das miñas angustias e da súa agonía. Con todo, non hai lugar para o engano, ben sei que estamos en estado de urxencia. Aínda así, teño unha débeda co narrador da nosa Mohicania: toda unha noite de paz acougada. Impagábel.

05/12/2006

RG # 4: Pinochet

Pinochet na súa condición de doente imaxinario ocupa as primeiras horas da mañá. Comparte protagonismo co esmagador triunfo petroelectoral de Chavez e o quero-pero-non-podo da suba do recibo da luz.

Os terminais devalos aos que está sometida a saúde do matachín e ditador chileno causan abraio entre demócratas e galenos; cada que vez que o idoso terrorista pisa a liña da morte recibe unha mellora xudicial que lle devolve á vida. Agora coa extremaunción dáselle tamén a liberdade baixo fianza; un xeneroso beneficio do Estado de Dereito que el combatiu asañadamente.

Dicir que Pinochet é merecente de ocupar unha das páxinas máis sórdidas da historia da infamia do século XX non é dicir demasiado pero case que o di todo. Pinochet fixo realidade con toda a súa crueza aquela sentenza coa que nos amenazaba Leon Tolstoi: «Sen hipocrisía, mentiras, castigos, cárceres, fortalezas e crimes non pode xurdir ningún novo poder nin sosterse o que existe.» Agás a democracia habería que matizar.

Augusto Pinochet decidiu brutalmente sobre vidas e facendas, violou todos dereitos e corruptamente amasou unha inmensa fortuna; na súa soberbia tentou ademais que o seu mandato de terror fose dalgún modo plebiscitado favorabelmente e, para ben, foi democraticamente derrotado. Pasa os últimos anos da súa vida asediado pola memoria das súas vítimas e sería de xustiza que un tribunal penase os seus crimes, aínda que só sexa para que non se converta na icona dunha brutal impunidade.

Actualización 10/12/2006: A historia gasta en crueis ironías. Finou o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O vademecum da liberdade e a dignidade e o seu contrario absoluto na mesma folla do calendario.

02/12/2006

O día da marmota

Acudo á cita asemblearia temendo ter que vivir un novo día da marmota. Hai algunha sinal esperanzadora que indica que o día de mañá pode ser distinto ao de hoxe. O pedido xa está feito.

26/11/2006

Pesos e medidas

A novidade da XII Asemblea Nacional do BNG é o seu pluralismo. Excelente ocasión para determinar pesos e medidas. Catro listaxes pugnarán por atinxir un lugar no Consello Nacional. Entre os analistas hai unanimidade, tan só unha está en condicións de acadar a maioría absoluta, é a que encabeza Anxo Quintana; pasa por ser a lista «oficial» e é un sumatorio de UPG e diversas presenzas que dificilmente poden abeirarse baixo o carimbo único de «quintanismo». A súa xestación foi complicada, máis por atoparse a UPG enfeblecida polo cisma do Movemento pola Base, que porque as esixencias de Quintana fosen especialmente extremas.

Se nos entregásenos á paciente reconstrución do «quen é quen?» da candidatura que apadriñan Quintana e Francisco Rodríguez comprobariamos que, no tramo de elixíbeis máis probábel –digamos os 35 primeiros–, a UPG coloniza a metade (mais un / menos un) da candidatura. Canto mellor sexa o resultado obtido, maior quiñón atinxen os partidarios do Vicepresidente, pero esa melloría é, en todo caso, insuficiente para inverter a hexemonización que padece a candidatura a mans da UPG. Calquera resultado que baixe dos 70-75% dos votos na Asemblea Nacional debilita o liderado público de Quintana e reduce os seus apoios sen que cheguen a roer significativamente nos dominios da UPG.

Se hai que crer aos ruxe ruxe negociador, a listaxe compleméntase cun documento aínda non público, fica celosamente gardado, no que a UPG obtén garantías políticas para fiscalizar a acción gobernamental do BNG e no que, ao parecer, se santifica unha intensa renovación dos organos executivos sen que iso signifique a desaparición dos mesmos de Francisco Rodríguez. A alianza entre a UPG e Quintana estéase logo nun acordo de nomes, no relatorio político da XII Asemblea e nesa poliza de garantías que rexerá as relacións entre a parte nacionalista do goberno e o BNG, vale dicir mellor a UPG.

Os máis calorosos quintanistas afirman que non está pechado un acordo coa UPG para compor a executiva e que se mantén aberta a posibilidade dunha lista de Quintana arredada da UPG se esta teima en hexemonizar a dirección política da fronte. O papel e a especulación todo o atura, pero semella improbábel esta saída que abondaría na erosión do liderado público de Quintana e acentuaría a súa soidade no aparato do BNG.

Á espera da repartición de pesos e presenzas, todo indica que ningunha das familias terá capacidade para obrar con independencia plena sen o concurso de outros. As posibilidades dunha dirección política autónoma do quintanismo derrámanse nas insalvábeis dificultades que ten para acordar co Encontro Irmandiño, coa Alternativa e co Movemento pola Base. No de agora, Quintana unicamente ten un aliado e a UPG, por moi sorprendente que resulte, pode ter máis de un, moi especialmente se Quintana decide botar a andar só.

A énfase crítica das outras candidaturas ten por obxectivo máis a Quintana que á UPG e a sabedoría frontista indica aos vellos rastrexadores de pactos que a Unión do Povo Galego, aínda que debilitada, segue a manter unha posición de centralidade que lle permitirá artellar, en caso de necesidade e supervivencias, acordos de reparto de poder con sectores da Alternativa ou co Movemento pola Base. Sábese ben que nunha situación de xogo revolto case que todo vale e que calquera negociación a vida ou morte pode ter un desenlace inesperado.

Hai unha vella sentenza anónima que afirma que «se goberna con persoas, non con ideas». Esa máxima mediu a lóxica negociadora de Quintana coa UPG. Como actor unitario a UPG é, nestes momentos, pouco asequíbel a Quintana, pero non é difícil recoñecer a veta dunha UPG máis pragmática e posibilista, empatada co goberno galego, coa que Quintana pode entenderse con proveito se o centralismo da UPG entra nunha vía de distensión. Esa é a reserva de autonomía que poderá ter o voceiro nacional e Vicepresidente da Xunta. A reserva sería maior se ademais dese sintonizado minimamente co Encontro Irmandiño e a Alternativa e sería aínda máis ampla se, no proceso de renovación dos Consellos Comarcais, é quen de propoñer candidatos propios que reequilibren ao seu favor a composición política do Consello Nacional.

Toca máis agardar polo desenlace das votacións que polo resultado dos debates de ideas. Todo indica que a solución asamblearia non será cousa de dous –UPG + quintanismo– senón de cinco coa influencia, non precisamente marxinal, da Alternativa, do beirismo e do Movemento pola Base. O pluralismo será nos tempos vindeiros un sinal de identidade activa no BNG e a multiplicidade de voces para ser ricaz debería ir acompañado da vocación de diálogo, transacción e acordo. Un BNG líquido xestionado por unha xeometria variábel de acordos e diferenzas presentará desvantaxes directivas pero será inclusivo e abriralle espazos de futuro. O Bloque sólido enrocado e con posicións acantoadas adoecerá da flexibilidade necesaria. Cómpre non extraviarse e recoñecer que tanto pluralismo é dificilmente compatíbel cunha acartonada política de bloques que bipolarice a vida interna e entregue todos os recursos de poder e organizativos en réxime de exclusiva a un dos polos.

23/11/2006

El País entre nós

Na presentación en sociedade de El País de Galiza houbo achegas felices, entre elas unha cita moi esclarecedora de Arthur Miller: «Un bo xornal é unha nación falándose as si mesma». Houbo palabras que marcaron proximidade e algunhas mediron abismais distancias. Veciñanza no discurso inaugural de Félix Monteira que deixou en claro até onde estaría disposto a levar a El País galego en condicións de absoluta liberdade empresarial: usou unha lingua que non é a súa pero é a do país sobre o que quere informar e no que quere construír opinión. Un exercicio de profesionalidade, sabedoría e intelixencia.

Emendárono palabras de afastamento intergaláctico. Juan Luis Cebrián tirou da autoridade de Afonso X para ditarnos que en galego a poesía e a literatura, pero as leis en español. Un retorno ao pasado, abucharante senón traxicómico. Absoluta incomprensión sobre a lingua galega e o noso país, desgrazada manifestación da súa incapacidade para atender outra cousa que non sexan os seus propios intereses. Hai tempo que, ende ben, unha boa parte das leis que ordenan a vida dos cidadáns e cidadáns galegos están felizmente na nosa lingua.

Cebrián citou a outro Alfonso (Guerra) para subliñar que a «esta España no la recoñoce ni la madre que la parió». Errou, pola súa boca falou a España que non cambiou desde os delirios de Nebrija. Podemos alporizarnos canto queiramos pero maioría dos editores galegos de xornais opinan o mesmo que Cebrián. O recoñecemento da pluralidade é a grande asinatura pendente do Estado (oficial) español.

Se un «bo xornal é unha nación falándose a si mesma», Cebrián debería ser intelixentemente prudente e deixar facer a Monteira e aos bos xornalistas que o acompañan. Melloraría espectacularmente o seu diálogo coa nación dos galegos. Así habería de gustarnos máis, pero o bo non está reñido co mellor, senón co malo e co peor.

20/11/2006

Os homiños de Boimorto

Hoxe, ao pé da Aldea, na rotonda dos Batáns, rendeuse homenaxe á memoria. Como cabo das Xornadas da Memoria Histórica inaugurouse un monolito para honrar a Ramón Enjumio, Manuel Espiñeira, Isidro Filloy, Juan Martínez, Xose Tojo e Xosé Barreiro, membros da corporación republicana de Boimorto, torturados, asasinados e abandonados logo nun cavorco a un cento de metros do lugar dos Batáns.

O seu recordo quedou aniñado entre medos e horrores. Eran os homiños de Boimorto. Vítimas e recordatorio estarrecedor para deixar ben claro até onde estaba disposto a chegar a ditadura do terror. Setenta anos de doída e apagada lembranza.

Un sol agradecido acompañou a cerimonia. Houbo palabras do concelleiro organizador e dos alcaldes de Ames e Boimorto. Estiveron ausentes segundo o seu incriminatorio costume os concelleiros do Partido Popular. Palabras, o silencio dos amigos e parentes das vitimas, e a solidaria compaña dun centenar de persoas conxuradas para que non se volvan repetir semellantes episodios de barbarie.

A Marcha do Antigo Reino de Galiza, un monolito de pedra canteira sen traballar, sólido, firme e arestado pola dor, e un berro apagado de Viva a república, completaron a homenaxe aos asasinados e o tributo aos que gardaron a súa memoria desde aquela até o presente. Nos ollos dos fillos había tristura solemne, nos dos netos unha fachendosa fartura de liberdade.

16/11/2006

O nó gordiano

As declaracións de Xosé Manuel Beiras sobre o estado de saúde do BNG removen o estado de opinión do nacionalismo galego. A diagnose que ofreceu en Radio Obradoiro é tan contundente como preocupante: «A saúde política do BNG está moi deteriorada e con risco de morte.» Adianta que os cambios proxectados son «o certificado de defunción da organización creada en 1982» e achega consideracións políticas sobre o modelo organizativo do BNG que non deixan indiferente a ninguén.

O frontismo idealizado...

A implantación do sistema de delegados supón para Beiras un cambio da natureza frontista do BNG que identifica co asemblearismo. Entende ademais que a proposta da actual executiva representa a conversión da fronte en partido e a imposición dunha «organización piramidal e vertical». Sostén así mesmo que ningunha formulación partidaria terá en Galiza tanta capacidade social e política integradora como acadada historicamente polo BNG. Enfatiza: «aínda que convertan o BNG nun partido non conseguirán manter todo o espazo do BNG baixo o control dunha organización piramidal de tipo partidario. O BNG puido albergar a todo o movemento nacionalista do país, un partido non poderá, non funcionará.»

A versión idilica do frontismo que se ofrece bate cunha experiencia teimosa que indica que as bondades organizativas do BNG dos felices anos noventa non foron tantas. A fronte armouse sobre a base dunha estrutura de dirección xenuinamente partitocrática, non é esaxerado mesmo dicir que na mesa da súa executiva nacional se reunían oligarquicamente os representantes de partidos e colectivos.

A dirección nacional construíuse desde a súa orixe por cooptación máis que por elección dos seus membros. Na composición do órgano non pesaban tanto os apoios reais no interior da fronte como a súa participación no momento fundacional do BNG en Riazor. Organizacións como Unidade Galega, PNG ou Inzar, que se sumaron á fronte coa apertura do Proxecto Común, estiveron permanentemente minorizadas e a súa representación sempre estivo devaluada nos órganos de decisión.

Pola súa parte, o grupo parlamentario deseñouse sempre como unha proxección da dirección nacional do BNG. A permanencia e recorrencia dos mesmos representantes parlamentarios, o acriticismo na avaliación do seu labor e o continuísmo cego, baixo a infeliz fórmula de Pilar García Negro pola cal «se nos vai ben así para que imos cambiar», completan un cadro de déficits democráticos que moito contrasta coa memoria que nos reconstrúe Xosé Manuel Beiras.

O asemblearismo como espellismo democrático

O BNG afirmouse, como fronte, nunha estrutura verticalista e piramidal tan pronunciada como a de calquera partido político clásico, moderno ou posmoderno. O direccionalismo de arriba a abaixo impúxose na lóxica das decisións e as consultas. A énfase posta na importancia da participación asemblearia no momento congresual na cal «os militantes teñen todo o dereito de voz e voto directo para as tomas de decisión básicas», indica a nula importancia que teñen as outras instancias asemblearias –comarcais e locais– no debate das decisións políticas ordinarias nos períodos intercongresuais.

A participación na Asemblea Nacional administrouse así como o antídoto fronte a desvalorización de todos os demais espazos decisionais. A participación delegada na Asemblea Nacional evidencia o espida que está a democracia na organización ordinaria do BNG.

As esixencias de cambio que abanearon á X Asemblea Nacional estaban máis que xustificadas; a renovación da estratexia, liderados e modelo de organización eran unha demanda democrática necesaria e intelixente.

A elasticidade fosilizada da fronte

A elasticidade da organización frontista para seren un colector moito máis pluralista e de maior apertura á sociedade bate coa rabuda realidade dos rexistros de afiliación do BNG e coa súa comparanza cos de partidos tan paleorganizativos como o PP-G ou tan posmodernos como o PSdeG touriñista. A inmensa maioría dos cidadáns consideran ao BNG como un partido, coa mesma lóxica que teñen os partidos-que-realmente-son-partidos. Ademais o grao de interclasismo da fronte non é maior, en ningún caso, ao do Partido Popular, un auténtico partido-apañao-todo se atendemos á pluralidade e diversidade dos seus apoios cidadáns.

Por outra banda, a base electoral do BNG é moitísimo máis plural que o censo militante do nacionalismo frontista, e se hai outras dúas carencias ás que hai poñerlle urxente solución son a escasísima porosidade cidadá do Bloque e a súa minguadísima capacidade para atraer mediadores sociais fóra do seu primeiro círculo de influencia política.

O doutrinarismo e o conservadorismo organizativo non axudan a abrirse a novos apoios cidadáns; non engrandecen os partidos e non amplían as frontes. A transparencia, unha organización eficiente, o intercambio franco de ideas, a participación colaborativa e non entorpecida polos rangos (cadro político/militante/simpatizante/elector) e a vontade expresa de organizar aos cidadáns e non só a axentes sociais ideoloxizados, melloran as capacidades de influencia de calquera caste de formación política, sexa partido, sexa fronte ou sexa fronte de partidos.

No seu diálogo coa sociedade civil e na creación de audiencias para un discurso democrático radical e transformador, na construción dunha renovada trama de apoios sociais, na conformación da base territorial do nacionalismo, a organización importa menos que os procesos de implicación cidadá. No BNG abondan os ditames sobre a estrutura organizativa tanto como escasean as reflexións sobre como mellorar as capacidades inclusivas da súa acción partidaria ou gobernamental.


A liña do horizonte

A Walter Benjamin gustáballe dicir que o futuro se gañaba nadando de costas. A Manuel Rivas préstalle moito a metáfora do remador que avanza bogando de costas ao seu punto de destino. As declaracións de Beiras en Radio Obradoiro miran lamentabelmente ao pasado, o seu proxecto tensiónase máis cara á VIII Asemblea do BNG que na procura do horizonte da XX Asemblea do BNG (se damos chegado alí). Poderáse dicir que a ollada do actual grupo dirixente apenas ambiciona o futuro e tampouco lle faltará razón a este cuestionamento da limitación estratéxica dos actuais responsábeis do nacionalismo galego.

A iniciativa de Quintana para desaloxar a representación partidaria do Consello Nacional ten un valor máis simbólico que real, preséntase como a espetada final ao vello modelo partitocrático, pero o certo é que non se acompaña dun modelo de toma de decisións que garanta efectivamente que os «militantes a granel» (feliz etiquetaxe de Xosé Manuel Iglesias) teñan igual capacidade que os militantes de marca rexistrada sexa esta a UPG, o PNG ou Esquerda Nacionalista. Unha organización que non asegura a igualdade real de oportunidades de todos os seus afiliados á hora de participar nas tomas de decisión sinálase un obstáculo antidemocrático dificilmente superábel. O BNG non está tensionado politicamente para remover esa pexa.

A tan cuestionada democracia por delegación que se quere institucionalizar na vindeira Asemblea Nacional ten, para a miña idea, unha virtude principal: obriga a ordenar a súa elección atendendo ás ideas que se defendan e isto asegura pluralismo, contraste de pareceres e impón ademais unha reflexión sobre as políticas que se queren e sobre as persoas que se desexa que as lideren e materialicen. Alén diso tamén ten o seu envés escuro, pode santificar a autonomía absoluta dos dirixentes e agrandar a brecha entre decisores e militantes como ben nos indica o que acontece nos sistemas de democracia acusadamente delegacionista.

Ninguén quere enfrontar as insuficiencias máis que probadas do que, no papel estatutario, é a columna vertebral do BNG: a súa organización territorial, os consellos e asembleas comarcais. Amplamente representados no Consello Nacional están moi lonxe de ser instrumentos eficientes nas tarefas organizativas; nada teñen que ver con foros dinámicos e participativos; e, moi ao contrario, fosilízanse como instancias decisorias con nula iniciativa política. Os Consellos Comarcais entréganse soamente ao seu papel de correa transmisora das resolucións executivas e é máis que un tamiz para cribar as contadas iniciativas que dan prosperado desde as asembleas e consellos locais, é unha freixa; non é que filtren e peneiren, funcionalmente atoan, bloquexan e derraman calquera iniciativa xurdida desde abaixo e desde a contorna cidadá do BNG.

Con delegados na Asemblea Nacional e sen partidos no Consello Nacional non se resolve este problema. Os consellos comarcais son, na actualidade, un ámbito de desincentivación política e un instrumento de disuasión da participación; é neles onde a UPG estea a súa política de hexemonización da organización.

A estrutura comarcal do Bloque é unha peza morta, pasiva e inercial; non serve para organizar nin é útil para deseñar e unificar políticas, non informa a acción institucional, non impulsa a súa proxección territorial, non actúa de condutor social... A democracia interna desgónzase na organización intermedia do BNG e empobrécese ademais pola insuficiencia de comisións de traballo sectorial, outro dos sinsentidos estruturais máis claromosos da organización nacionalista.

Non basta con nadar de costas, hai que procurar ademais non facelo en círculos. Activar a estrutura territorial como espazo de decisión intermedio, como marco unificador das políticas do BNG e como canle para o transvase de experiencias e información, suporía unha auténtica revolución no nacionalismo organizado. O cambio democrático do BNG non repousa hoxe tanto na base asamblearia local como nos Consellos e Asembleas Comarcais. A organización ten pés de barro, pero ten aínda unha pexa máis decisiva: a súa máis fraxil e crebadiza cadeira. Aí o nacionalismo frontista demanda de moita ortopedia democrática e dunha intensisima rehabilitación participativa. O nó gordiano da renovación do BNG está na súa organización política comarcal, esa é a lazada coa que se afoga o seu crecemento democrático, a que lle rouba osíxeno cidadán.

14/11/2006

RG # 3: Catástrofes

A valoración do atentado suicida contra a Brilat en Afganistán, o manifesto da Alianza de Civilizacións e a resituación da política exterior dos EE.UU. roubanos o tempo radiofónico do mañanceiro martes, apenas quedan tres minutos para falar do cuarto aniversario do afundimento do Prestige.

Telegraficamente teño que apuntar: entendo que os gobernantes actuais (a oposición daquela) e oposición de agora (o goberno daquela) aprenderon unhas cantas leccións sobre a xestión política das catástrofes. Teño para min que houbo unha melloría no que toca á liberdade informativa, pero non albisco un progreso substancial no referido aos protocolos de coordinación perante as catástrofes como se puxo de evidencia na onda de lumes e nas enchentes posteriores.

Na regulamentación global do tráfico maritimo fronte ás nosas costas non se progresou ren, tampouco na imposición de maiores restricións nos buques para o seu transporte ou na penalización dos responsábeis das catástrofes como ben sinalou o economista Albino Prada nun esclarecedor artigo. Na provisión de medios preventivos ou de loita anticontaminación o Goberno Central non moveu peza e esta segue a ser unha demanda tan intelixente como necesaria.

Dáme que o déficit de seguridade que sofre Galiza é pavoroso e que sen un axustado Mapa de riscos e un mellor pensado Plan de emerxencias calquera catástrofe vai converterse nun xogo de ruleta rusa onde aos gobernantes e aos cidadáns só nos queda encomendarnos á nosa boa fortuna.

Subsanar esa carencia debera pasar a un primeiro plano da axenda gobenamental, se é que existe o máis minimo instinto de supervivencia (política e da outra). Shakespeare deixou escrito nalgures que «cando chega a desgraza, nunca ven sóa, senón a batallóns». Ollando o que nos achegou en materia de desgrazas o 2006 é sensato que o goberno atenda á súa agoireira sentenza. Investir en seguridade, ben se sabe, é unha forma agradecida de labrarse o futuro, tamén o futuro político.

07/11/2006

RG # 2: Outras voltas

Coa alborada radiofónica valoramos a constitución do goberno de Entesa que hoxe estrean ilusionados os antigos socios do pacto do Tinell. É unha sorte que a cidadanía lles outorgase unha segunda posibilidade para dirixir o autogoberno de Cataluña, unha fortuna que non deberan derramar nesta súa segunda estadía no poder. Ponse fin así ás especulacións estratéxicas do PSOE, evidenciase unha maior autonomía da esperada por parte do PSC e confírmase a agre decepción de CiU que fica fóra do goberno outra volta.

O triunfo (aparente) do zapaterismo neutralizando a Pascual Maragall vólvese teimudamente agora na súa contra. Substituíuse a Maragall para reeditar o que Maragall faría mellor e en mellores condicións. A solución Moncloa –promover a alianza socioconverxente– fracasou pola recuada electoral do PSC que se viu privado dun dos seus principais capitais: o President.

A maior sorpresa para moitos analistas foi verificar que as caixas de contabilidade electoral do PSC e do PSOE non son coincidentes. Non todo o excelente para o PSOE é bo para o PSC, nin todo o que é óptimo para o PSC é beneficioso para o PSOE. A asimetría de interese causa ronchas na Moncloa, desautoriza a Ferraz e intranquiliza aos baróns consolidados (Chaves), flotantes (Ibarra) e mergullados (Bono).

A tentativa da dirección do PSOE de impoñer un cogoberno socialista-converxente con Artur Mas como President e José Montilla en papel de socio complementario tería consecuencias desastrosas para o PSC e unicamente sería razoabelmente practicábel para os intereses dos socialistas cataláns se Montilla ficaba electoralmente por diante de Mas ou se a suma de PSC+ERC+Iniciativa non fose suficiente para garantir unha nova coalición gobernamental.

Entesa ou suicidio

O PSC foi durante lustros un partido de goberno fóra do goberno, con capacidade, lideratos, poderes locais e apoios sociais suficientes para soster unha alternativa gobernamental en Cataluña. O dominio do pujolismo bloqueou durante vintecatro anos que a súa presenza gobernamental se tornase realidade. Aceptar agora unha posicición subordinada a CiU sería tanto como aceptar a súa excepcionalidade como forza gobernante e deixar aberta a porta á inmediata hexemonización por parte de Mas de toda a acción da Generalitat. A aperta do oso baixo a forma dunha Gross Koalition suicida.

Montilla mira pola súa supervivencia e a do PSC, sabedor de que toca superar as turbulencias da etapa constituínte do primeiro tripartito e que a esa mesma estratexia está máis que disposta ERC que padeceu, coma ninguén, o seu arredamento do goberno, a soidade da defensa das posición soberanistas cando o Referendo do Estatut e que ademais estaba ameazada por una irreversíbel devaluación dos seu apoios parlamentarios en Madrid. A estratexia cooperativa beneficia a todos e moito máis beneficia cando se fai efectiva entre iguais.

Agravíos e opcións de futuro

Certo é que a decisión do PSC entala a materialización franca da nova política de alianzas moncloviana que pasaba por procurar socios menos estridentes e que tiña postos os seus ollos en Galeuscat. Agora CiU, burlada e abandonada á súa sorte, pode estar tentada a procurar acordos (de momento imposíbeis) co Partido Popular; mesmo hai quen entende que a decepción converxente é un excelente argumento para que Mariano Rajoy force, ou tente, un xiro centrista que permita antes das eleccións xerais reconstruír o imaxinario dunha plural confederación de dereitas autónomas para evitar o triunfo do PSOE.

Especulacións interesadas, ou proxectos de futuro tanto ten, os problemas electorais do PSOE non proveñen do espazo da esquerda senón da súa capacidade de cativar o voto centrista, morno, moderado que non se dá decidido a entregarse aos imprecisos proxectos de Rodríguez Zapatero.

Leccións aprendidas?


Da experiencia catalá pódense tirar algunhas leccións aplicábeis ao teatro de operacións galegas.

Primeira. Os cidadáns valoran positivamente as gobernabilidades tranquilas, refugan dos gobernos crispados e inestábeis. Estase disposto a apostar por unha coalición sempre e cando se ofrezan garantías de sostenibilidade ao longo prazo.

Segunda. A cidadanía estima máis a política como acción que como marco de acción, quérese dicir que valora máis os esforzos por trazar liñas de políticas públicas que atallen, resolvan ou palien problemas, que os esforzos por construír as arquitecturas do poder; ao claro: vale máis un ben gobernar que un excelente Estatuto.

Terceira. Quen rompe o equilibrio paga, quen renove liderados atendendo a cuestións exclusivamente domésticas (PSC) ou se instale por moito tempo nas políticas simbólicas (ERC) acaba por ver minguada a súa audiencia, quen ofrece unha política con menores derivas e estridencias ideolóxicas, quen aposta
polo proxecto conxunto de goberno resulta, en caso de crise electoral, premiado (Iniciativa per Cataluña).

Cuarta. Se se impón unha axenda política moi selectiva, sen atender a problemas emerxentes e agudos, déixase marxe suficiente para o xurdimento de alternativas como Ciutadans, aparentemente antisistémicas, que han de servir para expresar políticas e necesidades non satisfeitas. Coma botón de mostra, o lema do Partido Galeguista de Manuel Soto é tan claro como intelixente: «Nin os de antes, nin os de agora».

Quinta. Só en contadas ocasións os cidadáns defraudados polas promesas de cambio [de réxime] están dispostos a renovar a súa confianza nos partidos que non cumpriron. Non estou certo de que, como dicía
Jean-Baptiste Alphonse Karr, a felicidade se compoña de infortunios evitados; estou máis convencido, iso si, de que que os gobernos triunfantes se aleitan de expectativas non frustradas.

05/11/2006

Nicaragua nas horas incertas

Nicaragua elixe hoxe novo goberno. Segundo as sondaxes, unicamente o candidato da FSLN, Daniel Ortega, acariña a maioría absoluta; séguelle nas preferencias cidadás Eduardo Montealegre, o banqueiro líder da Alianza Liberal Nicaraguana (ALN). O candidato do Partido Liberal Constitucionalista (PLC), José Rizo, testaferro político do expresidente Arnoldo Alemán, ocupa o terceiro lugar; a seguir está Edmundo Jarquín, o accidental presidenciábel do Movemento de Renovación Sandinista (MRS) e, por cabo, o mítico comandante Cero, Edén Pastora, que lidera a moi minoritaria Alternativa polo Cambio. Algo máis de tres millóns e medio de nicaraguanos poden exercer o dereito ao voto, de todos eles 460.000 son mozos que van votar por primeira vez; voto primeirizo que carga de incerteza a consulta electoral.

Xogo limpo

1.200 observadores internacionais tutelan as eleccións e convértenas nun dos procesos electorais máis fiscalizados da historia do continente americano. Hai unhas semanas o escritor Sergio Ramírez alertaba sobre o control que as dúas forzas centrais do bipartidismo nicaraguano –FSLN e PLC– teñen no Consejo Supremo Electoral e apuntaba: «Estamos daquela fronte ao reto de ter unhas eleccións verdadeiramente libres e transparentes, a pesar de quen deben contar os votos. A vixilancia dos interventores dos partidos independentes nas mesas electorais tórnase clave, así como a presenza dos observadores nacionais e internacionais no maior número posíbel de lugares de votación.»

O expresidente norteamericano James Carter, que forma parte dunha delegación xunto cos expresidentes peruano Alejandro Toledo, o arxentino Raúl Alfonsín, e o panameño Nicolás Ardito, avalou a limpeza do proceso electoral: «Pareceme que estas elecciones están moito mellor preparadas, tívose gran coidado para evitar todo tipo de conflitos e violencia y creo que se deron as condiciónes para ter unhas eleccións honestas e xustas».

A consulta electoral avanza sen que se teñan producido incidentes maiores e desde a apertura dos colexios electorais rexístrase unha elevada participación cidadá (nas cinco primeiras horas de votación exerceran xa o seu dereito o 52% dos electores e estímase que a participación roldará o 75%) ao tempo que os observadores internacionais salientan a normalidade da xornada.

Camiño do pluralismo

Con independencia dos resultados dominicais, todos os analistas están certos de que o sistema política nicaraguano entra nunha nova fase de pluralismo partidista crebando co bipartidismo ultrapolarizado das décadas precedentes. As forzas fundamentais do vello sistema –PLC e FSLN– concorren ás eleccións competindo con outras alternativas que lle desputan espazo político, lexitimidade e mesmo a continuidade histórica das súas respectivas tradicións políticas.

A ALN e o MRS reivindícanse como alternativas democraticamente rexeneradoras do liberalismo e do sandinismo e aguilloan coas súas críticas os acordos subscritos por Daniel Ortega e Arnoldo Alemán no que se repartiron influencias nos poderes xudiciais e electorais, sentaron as bases dun xogo electoral claramente favorecedor do bipartidismo e outorgáronse inmunidades e indulxencias fronte aos escándalos de corrupción e nepotismo.

Nas vésperas electorais, a ALN parece ter asegurada o sorpasso electoral respecto do PLC. Eduardo Montealegre, noutra colaborador de Arnoldo Alemán, soubo presentarse como un candidato de renovación e, co beneplácito de Washington, malia a división do voto liberal, está en condicións de discutir a elección de Ortega. O máis novo dos cinco candidatos, con 51 anos, reitera a quen queira escoitalo que é o momento de «pechar as portas do pasado e abrirlle as portas ao futuro».

Pola súa parte, o MRS consolídase como forza electoral pese ao infortunio que representou a morte do seu candidato á presidencia, o carismático empresario sandinista Herti Lewites. Edmundo Yarquín tomou o relevo, acompañado polo afamado músico Carlos Mejía Godoy, e recibiu o apoio dun variado abano de personalidades e dirixentes saídos tanto da disidencia da FSLN –caso dos excomandantes sandinistas Mónica Baltodano ou Henri Ruíz Modesto– como do centrismo político que ensaiou con éxito a súa sogra a presidenta Violeta Barrios de Chamorro nos primeiros anos noventa.

A deriva populista, confesional e mística de Ortega e a FSLN, acabou por facer do MRS a alternativa dunha esquerda laica, democrática e moderadamente transformadora. Hoxe Nicaragua vive unha paradoxal situación é o o MRS e no a FSLN quen semella representar o legado histórico da doutrina de César Augusto Sandino; José Rizo Calderón, candidato do PLC dicía cunha retórico doutro tempo: «o MRS leva unha listaxe de deputados, onde está a ortodoxia del sandinismo, que tanto dano lle fixo a Nicaragua non anos oitenta».

Restauración sandinista?

Algúns comentaristas, como o que foi director do xornal Barricada, Carlos F. Chamorro, falan dun eventual restauración sandinista de producirse o triunfo de Daniel Ortega na primeira volta electoral, pero a ninguén escapa que a oferta da FSLN pouco, por non dicir nada, ten que ver co programa histórico do sandinismo.

Os analistas da campaña non deixan de subliñar as liñas de ruptura impostas na imaxe e discurso de Ortega, desde o abandono das cores vermello-negras por un esluído rosa, ao discurso conciliador, callado de referencias místicas e cangado por peaxes confesionais no que insistiu na campaña. Un botón de mostra, as declaracións de Rosario Murillo, esposa de Ortega e xefa da súa campaña electoral, respecto do aborto terapéutico: «Somos enfáticos: Non ao aborto, si á vida. Si ás crezas relixiosas, si á fe, si á búsca de Deus… A FSLN apoia a posición da Igrexa Católica e das igrexas en xeral contra o aborto en calquera das súas formas porque é un atentado contra a fe, contra a vida…».

Abraiante e oportunista a partes iguais, Ortega faille as beiras á ultraconservadora Igrexa católica nicaraguana e leva como segundo de filas a un somocista da antiga Contra, Jaime Morales Carazo. No debe de Ortega está ademais o pacto con Arnoldo Alemán en 2000, base dunha extendida complicidade política, empresarial e mesmo xudicial.

Arroupado pola querencia caudillista dos nicas, Ortega é o voceiro da pobrería e, ao tempo, un político empresario que xestiona un poderoso consorcio de empresas e influencias. A súa oferta populista está bendicida por Chavez e, utilitariamente, a retórica antineoliberal e antiimperialista válelle para hexemonizar o voto dos sectores cidadáns economicamente máis empobrecidos.

En calquera caso, aínda que Ortega se faga coa banda presidencial ninguén agarda un cambio político transformador, fóra das incomodidades gobernamentais da Casa Branca que verá ampliada a fronte de rexeitamento que lidera Chavez en Latinoamérica. A oferta electoral da FSLN é unha sombra da esperanza transformadora que abeirou nos anos oitenta e noventa, aínda que hai quen non quere decatarse.

A polémica Houtart

Un dos acontecementos máis controvertidos da campaña foi o apoio á candidatura de Ortega por parte do crego belga François Houtart, un histórico dos movementos de solidariedade coa Nicaragua sandinista. Nun artigo de prensa, despois de apuntar que «non existen partidos realmente de esquerda en Nicaragua (…) pero o que se achega máis a esta perspectiva é a Fronte Sandinista», Houtart estendíase para explicar que a ética dos revolucionarios ten tres niveis –a súa ética persoal, a ética interna no partido e o imperativo moral da loita contra o neoliberalismo– e que no caso do Ortega, sendo amplamente criticábel a súa ética persoal e partidaria, había qua apoialo polas súas posicións consecuentes «na loita contra o neoliberalismo, o imperativo moral máis importante».

A proclama de Houtart foi duramente replicada por Mónica Baltodano, representante noutrora da Esquerda Sandinista na FSLN e agora dirixente do MRS, por Iosu Perales, outro histórico da solidariedade internacionalista con Nicaragua, e hoxe mesmo por Sergio Ramírez en El País.

A cualificación de Ortega ofrecida por Perales serve ben para medir a distancia que para moitos afasta a Ortega do sandismo revolucionario dos anos oitenta: «Que Daniel Ortega gane ou non as elecciónes en Nicaragua non afectará ao esencial: o seu declive e final como figura da esquerda. O que queda del non é outra cousa que un caudillo oportunista, inmoral e corrupto, que se sirve do imaxinario do pobo sandinista e da súa desinformación, para rendabilizar as siglas FSLN e o seu pasado glorioso en beneficio propio e da súa familia.»


Vitoria na primeira rolda ou derrota na segunda

Todos os analistas coinciden en sinalar que se Daniel Ortega non vence no primeiro round da consulta e se precisa dunha segunda volta será finalmente derrotado. Nas elección de 1990, 1996 e 2001 cando se editaron fortísimas bipolarizacións sandinismo-antisandinismo, Ortega foi derrotado por marxes maiores ao 10%.

Tras a reforma pactada por Ortega e Alemán, un candidato pode gañar na primeira tirada co 35% dos votos se obtén unha diferenza de cinco puntos porcentuais diante do segundo candidato presidencial. Un cambio de norma que favorece abertamente ao candidato sandinista por mor da división electoral do liberalismo.


Nas concorrencias electorais anteriores, Ortega fixou o seu teito histórico no 42%, pero a FSLN embocou a recta final da campaña electoral cunhas sondaxes que lle daban somente o 33% dos sufraxios; con todo, a fragmentación e dispersión do voto liberal entre o PLC e a ALN podería facilitar a súa vitoria na primeira volta. De non ser así, o voto útil liberal ao que se agregará un voto de castigo antisandinista, xunto coa abstención de importantes segmento dos electores do sandinismo emerista, permitirán, segundo a maioría das quinielas electorais, o triunfo do candidato liberal –Eduardo Montealegre ou José Rizo– que quedase en segunda posición. Nunha segunda tirada electoral, a Ortega non lle axuda moito ser o candidato presidencial que conta cun maior rexeitamento entre os votantes de ALN, PLC e MRS.

Á espera nas horas incertas

Tradicionalmente Daniel Ortega gaña sempre nos inquéritos e perde nas urnas. En poucas horas saberemos como foi desta volta. Carlos F. Chamorro escribía onte: «Aínda que o panorama que se enxerga tras as eleccións é complexo, é máis prometedor que o presente.» Axiña sairemos de dúbidas.


Actualización # 4

Non foi en poucas horas pero xa sabemos como foi a cousa. Daniel Ortega será o novo presidente de Nicaragua. Co 91,48% do escrutinio realizado, Ortega obtivo o 38,07% por diante de Eduardo Montealegre que tan só atinxiu o 29%. Máis en detalle:

Votación presidencial

Escrutado: 91.48%
FSLN: 38.07% / 854,316 votos
ALN: 29% / 650,879 votos
PLC: 26.21% / 588,304 votos

MRS: 6.44% / 144,596 votos
AC: 0.27% / 6,120


Elección de deputados nacionais
Escrutado: 91.56%
FSLN: 37.59%
ALN: 26.72%

PLC: 26,47%
MRS: 8.69%
AC: 0.54%



Elección de deputados departamentais
Escrutado: 91.56%
FSLN: 37.9%
ALN: 26.66%

PLC: 26.46%
MRS: 8.42%
AC: 0.55%


Elección de deputados do Parlamento Centroamericano
Escrutado: 91.59%
FSLN: 37.7%
ALN: 26.87%

PLC: 26.51%
MRS: 8.35%
AC: 0.58%

Actualización # 3

Na elección presidencial, co 40% do escrutinio realizado, Daniel Ortega suma o 40,1% dos votos, seguido de Montealegre co 32,7%, José Rizo co 20,3 e Jarquín co 7,5%. Na elección de deputados nacionais o FSLN contabiliza o 38,6% dos sufraxios, fronte ao 30% da ALN, o 20,6 do PLC e o 10,1% do MRS. Canto aos deputados departamentais: a FSLN obtén o 39,1%, a ALN o 29,85%, o PLC o 20,61% e o MRS o 9,87%.

Segundo as proxeccións
a FSLN tería 36 deputados na Asemblea Nacional (até agora tiña 38%), o Partido Liberal Constitucionalista (PLC) lograría 22 (tiña 41); a Alianza Liberal Nicaraguana (ALN) 27 (sumaba tan só 9 na antiga cámara) e o Movemento de Renovación Sandinista (MRS), tería 5 escanos.

Actualización # 2

Co 14.65% escrutado, os resultados das presidenciais son FSLN: 40.04%; ALN: 33.29%; PLC: 19.51%; e MRS: 6.89%.

Actualización # 1

O
primeiro adianto de resultados (sobre o 7,2% do total) sinala que o candidato presidencial da Fronte Sandinista obtería o 40,85%, fronte ao 32,68% do seu principal rival Eduardo Montealegre da Alianza Liberal Nicaraguana (ALN). José Rizo, do Partido Liberal Constitucionalista (PLC) acadaría o 21,37%, e o aspirante do Movemento Renovador Sandinista (MRS) Edmundo Jarquín, ficaría co 4,87%. Pola súa parte a embaixada norteamericana realizou xa a denuncia de irregularidades no desenvolvemento da xornada electoral.

01/11/2006

RG # 1. Auga

Na grella matinal da RG tocounos falar, entre outras cousas, da política de penalización do sobreconsumo da auga que pretende impulsar o Ministerio de Medio Ambiente. A iniciativa preséntase de modo confuso e non parece felizmente mesurada. Cristina Narbona propuxo que os concellos graven o uso abusivo da agua co estabelecemento dunha tarificación por tramos de consumo. O dato de referencia don os 170 litros de auga por habitante e día que se consomen no Estado español. O dato de contrapunto son os 60 litros por persoa e día que fixa a ONU como necesarios para satisfacer as necesidades humanas básicas. A presión sobre o desbaldo de auga nos fogares permitiría unha redución do 20% ou 30% dos gasto hídrico.

As políticas dirixidas aos cidadáns para procurar unha utilización máis eficiente da auga son certamente necesarias, pero non deixa de sorprender o nesgo que cada vez con maior frecuencia adoptan algunhas das políticas ministeriais para aliviar as obrigas das Administracións, agochar as responsabilidades das empresas e dirixir, intensivamente, renovadas esixencias (razonables e menos razonables) cara aos cidadáns sob o pano dunha soposta sensibilización cívica (ou neste caso ambiental).


Fóra do foco da ministra, pero non do problema, quedan datos moi relevantes. Primeiro: os usos agrícolas papan aproximadamente o 65-70% da auga consumida no Estado e a industria bébese o 20%. Segundo: o consumo doméstico unicamente representa o 10%. Terceiro: nas cidades gástase menos dun terzo dos recursos hídricos. Cuarto: estímase que un 30% da auga non chega ao seu destino, pérdese pola súa deficiente canalización e entubado. Quinto: Máis da metade da auga extraída en Europa Occidental é usada para a produción de enerxía eléctrica e aínda que maioritariamente é restituída ás canles de orixe unha parte non marxinal tamén se derrama.


No mantemento dun modelo sostíbel de consumo hídrico, os poderes públicos teñen obrigas que van moito máis alá de lembralle aos cidadáns a necesidade da moderación ou penalizar en termos de mercado o usos abusivos nos fogares, tócalles tamén construír infraestruturas hidráulicas de calidade que garantan un abastecemento eficiente reducindo as súas perdas, é a súa responsabilidade tamén promover usos razonábeis da auga nas grandes explotación agrícolas ou encanar as necesidades das industrias en termos de restitución e reutilización potabilizada dos seus consumos.

A proposta de Narbona é tan vesga que derrama todo a súa utilidade cidadá por non ir acompañada doutras políticas igualmente urxentes e medioambientalmente comprometidas.
En termos ambientais as políticas que non integrais son menos eficientes, eficaces e sostíbeis; a ministra debería sabelo. Deixando fóra as responsabilidades corporativas das empresas e das Administracións e deitando toda a responsabiliade nos fogares o impacto mediático é alto, pero a pegada ambiental será con toda certeza moito menor. É un brinde ao sol. Un brinde de auga, pero todo un brinde ao sol.

30/10/2006

Desvariados

Nunha novela de Robert Sabatier, un encanecido intelectual declara: «Son un home entre dúas idades, mais sempre ignorei cales». Nun arroubo o filósofo Paul Ricoeur sincerouse: «Non sabemos en que tempos vivimos.» Esa orfandade para se situar no tempo é actualmente amplamente compartida en Galiza e péxanos definir calquera identidade colectiva (se a houber...). Pola súa banda, en Lapidarium IV, Ryszard Kapuscinski escribiu: «Nada do que xa transcorreu é un pasado definitivamente pechado. O pasado dura no presente e participa na formación do futuro.» Quizais sexa a proxección de pasados non participados o que emborrea o presente e embafa en gran parte os tempos en que vivimos neste noso país. Ao poloñés gústalle insistir en que «a historia é o proceso do esquecemento», pero entre nós, por moi paradoxal que semelle, nada se esquece e pouco se lembra. Deslembrámonos do que aínda vai vir en forma de futuro, e do que estamos a vivir como reflexión de presente nada (ou pouco) queremos saber; imponse así a memoria de tempos pasados para afirmar que, aínda que nos custe poñernos de acordo respecto do que somos, seremos calquera cousa pero, madia leva!, un pobo sen historia non somos.

22/10/2006

Que Quin sexa Quin

Achégase un tempo decisivo para o BNG e, moi singularmente, para Anxo Quintana, o seu voceiro nacional. Tócalle a el liderar o debate asembleario e propoñer un guieiro político que tire ao BNG da crise organizativa e política que pexa á fronte nacionalista desde a IX Asemblea.

Nas últimas sesións do Consello Nacional, Quintana singularizou as súas posicións. Contou con variados apoios, amais dos propios: os non-adscritos vencellados a Roberto Mera, membros da extinta Unidade Galega, e tamén do PNG. En fronte, a UPG, a Alternativa e o Encontro Irmandiño. Nalgunhas das tiradas decisivas contou co apoio da UPG pero nunca cos do Encontro Irmandiño, nin cos da Alternativa; así logrou que se aprobase o informe político da súa Executiva co 83% dos votos.

Como corolario, a prensa informounos de que Quintana estaba disposto a presentar unha candidatura propia, sen alianza coa UPG, para optar á Portavocía Nacional do BNG. Farol táctico ou decisión estratéxica, aínda teremos que agardar pasa saber o desenlace.

Na memoria de Francisco Rodríguez

En A nación galega existe, o libro-oráculo nacido das conversas do xefe de prensa do BNG, Xosé Mexuto, co seu correlixionario e Secretario Xeral da UPG, Francisco Rodríguez, esclarécense as razóns do apoio dos upegallos a Quintana na XI Asemblea Nacional.

O seu aval foi debido, en primeiro lugar, á indisposición dos candidatos propios. Rodíguez apunta dirixentes da UPG que serían «excelentes» para optar á presidencia do Goberno: Alfredo Suárez Canal, Francisco García, Francisco Jorquera, Pilar García Negro e Miguel Anxo Fernández Lores. Calquera deles sería a opción primeira da UPG.

A segunda razón deriva da falta de disposición dos potenciais candidatos e faise de carencia virtude: «nen había posibilidade dunha alternativa confesionalmente UPG nen tampouco predisposición pola nosa parte a promovela, en atención a que sempre consideramos que para este posto era mellor alguén que non estivese adscrito a nengunha opción partidaria». Ese «sempre» harmoniza mal coa tese da «indisposición», pero é mellor deixalo correr...

Candidatos confesionais e outros que pasaban por alí

O máis cualificado dirixente da UPG expresa ademais que «existía a convicción de que un candidato confesionalmente partidario podía non ser o máis conveniente desde unha perspectiva de favorecer a continuidade do modelo frentista». Outro tanto que dicir que un réxime de ultradominio da UPG na proxección pública e no aparato interno do BNG resultaría insostíbel e conduciría por abafamento das outras sensibilidades da organización ao seu cisma. O principal problema para a UPG non é autolimitarse na hexemonización absoluta da fronte senón que iso non se visualice socialmente. O voceiro nacional como persoa non confesionalmente partidaria é, para a doutrina rodriguista, a cifra máxica que explicita diante da sociedade a pluralidade democrática, organizativa e política, do nacionalismo. Iso e tan só iso.

Os méritos de Quintana eran que pasaba casualmente por alí e que, a diferenza de Nogueira, outro candidato, que tamén pasaba casualmente por alí, «o avalaba unha traxectoria de pertenza ao BNG desde había muitos anos», mentres que Camilo «tiña unha traxectoria de confronto co BNG e de opción con moito protagonismo por outras formulacións nacionalistas non frentistas». E así precinta Paco Rodríguez a cuestión: o que levou ao apoio a Quintana «non foron motivos de identificación ideolóxica-política total, senón do que era mellor e posíbel naquelas circunstancias». Unha solución, logo, meramente instrumental, conxuntural e provisoria, sen data de caducidade fixada, pero en calquera caso entendida como un mandato temporeiro.

Recomendacións rodriguistas para elixir candidato

Afeito ás funcións docentes, desde as páxinas de A nación galega existe, o voceiro da UPG tíranos das tebras: «Ás veces na política non se fai o que podería ser obxectivamente mellor, senón aquilo que no plano subxectivo conta con máis apoios e aparece menos problemático. Só me resta dicer que sería bon xulgar as persoas pola capacidade contrastada, pola súa predisposición ao traballo e á entrega, e mesmo pola valoración social, nos ámbitos onde son coñecidos directamente, e non por prexuízos ou propagandas a distancia.»

Mágoa que liñas máis arriba non se tivese aplicado a receita e fose quen de engadir algo máis que o criterio de antigüidade e coincidencia frontista para tamizar os méritos de Anxo Quintana e de Camilo Nogueira.

Chegou a hora dun candidato confesional?

Agora que se achega a Asemblea Nacional, na UPG abrollan as dúbidas sobre se debe presentar un candidato partidariamente confesional cunha identificación ideolóxica-política total. A UPG conta xa cunha xeración de reserva disposta para os relevos pero sen a experiencia de xestión ou proxección pública de García, Canal, Jorquera, Lores ou García Negro. Habería que elixir, xa que logo, entre os da pentaoferta de Paco Rodríguez.

Dous están, neste momento, bastante afastados do foco político central: Francisco García, moi afianzando no cantón municipal de Allariz; e Pilar García Negro entregada ao labor académico e cultural. Outro, Suárez Canal, non atravesa o seu mellor momento, cuestionado pola vaga de feroces incendios do verán. Quedan o alcalde de Pontevedra, Lores, que debe revalidar a súa praza dentro de medio ano, e o senador e home forte do aparato do BNG, Francisco Jorquera. Coa recuada da UPG na defensa do sistema de delegados, Jorquera ficou en terra de ninguén e aos ollos dos espertos blocólogos significativamente desautorizado / vendido. Nos cenáculos máis ortodoxos, Miguel Anxo Lores é valorado sen dúbida ningunha como o mellor candidato.

O problema de calquera dos excelentes candidatos é que, na actualidade, só sería candidato dunha única parte: a UPG, debido a súa incapacidade táctica para coalicionarse con ningún outro partido ou colectivo do BNG. E, nestas circunstancias, son moitos os prudentes que cren que é preferíbel non arriscarse a verse queimados en solitario polo sol.

A síndrome de Geppetto

A UPG, por outra banda, padece a síndrome de Geppetto, como creador e mantedor organizativo de Pinochos que rematan por adquirir personalidade de seu, rebélanse e inician unha aventura política por conta propia. Nin Beiras, nin Quintana son creacións políticas da UPG, pero iso non impediu que a dirixencia do partido-guía sempre se apropiase (cando as cousas van ben ou lles interesa) das súas figuras e do seu patrimonio político.

A nómina de pinochos non deixa de medrar, a súa última decepción: Carlos Aymerich, que aliñado con Quintana, enterrou para sempre a estratexia acariñada por algúns sectores da UPG de apoialo como candidato alternativo a Quintana. Igualmente incómodo é Henrique Tello quen, acantonado na comarca coruñesa, discute frontalmente as teses da UPG, despois de ser o seu principal valedor durante décadas.

Portavocías amábeis...

Nos tempos felices do Proxecto Común emerxente, o de Beiras nunca foi un liderado extremadamente incómodo para a UPG. Beiras xestionaba a imaxe pública do Bloque, protagonizaba a escenificación parlamentaria e deixaba facerlles en todo o demais, fóra de apadriñar e protexer eventuamente a algúns beiristas incondicionais no momento de armar listas electorais ou formar por cooptación a Comisión Executiva.

Até a X Asemblea, a alianza Beiras-UPG-Esquerda Nacionalista ordenou partitocraticamente a dinámica interna do BNG. O antagonismo EN-UPG era episódico e epidérmico, e por máis que agora se queira reescribir benevolamente a biografía política de Xosé Manuel Beiras, este nunca ameazou a hexemonía da UPG, nin fixo nada por amenazala. Beiras coidouse sempre moito de aparecer como o candidato partidariamente confesional de Esquerda Nacionalista, por máis que o partido socialista do Bloque fose feito a súa medida e forma.

... e a fin dos liderados cómodos

A UPG confiou en que Quintana adoptaría un papel semellante ao de Beiras. Aínda había de ser menos problemático: era menos coñecido, tiña menor tirón mediático e moitísima menos brillantez intelectual que Xosé Manuel Beiras. As eleccións de 2005 complicaron as cousas, o BNG entrou no goberno galego, Quintana deixou de ser unicamente o Voceiro Nacional para ser o Vicepresidente e a súa proxección pública, audiencia e influencia política deixaron de depender estruturalmente do BNG e do seu partido-administrador, a UPG. Pinocho Quintana atopábase así en excelentes condicións para liberarse dos atumes da UPGeppeto.

Se Quintana non aprofundou na procura da súa autonomía política e na construción de apoios organizativos para a súa política foi simplemente porque, tras a chegada ao goberno galego, se impuxo a doutriña losadista sobre a irrelevancia do partido como instrumento de poder; como instrumento de poder e como factor de modernización e renovación do nacionalismo.

A UPG sabe perfectamente que enfrontarse e desautorizar a Quintana é poñer en perigo a principal fonte de poder do Bloque –a presenza na Xunta de Galicia– e, ao tempo, devaluar o seu principal cartel electoral. O relevo forzado de Quintana, tras a xubilación igualmente forzada de Beiras, entregaría ao nacionalismo a unha crise electoral dramática cando se está ás portas dunhas eleccións municipais que se presentan xa manifestamente adversas para o BNG.

Nin apoiar, nin deixar de apoiar

Como xa deixou claro Francisco Rodríguez, na política, ás veces, non se fai aquilo que podería ser obxectivamente mellor para os postulados partidario confesionais, senón o que aparece como menos problemático. Entre o malo e o peor, a UPG escollerá ao malo. E isto leva á UPG a ser dalgunha maneira refén de Anxo Quintana. Os papeis invírtense. Todo o mundo é consciente disto, menos os voceiros da Alternativa aos que lle vai mellor a versión dun Quintana como home de palla e testaferro das políticas da UPG.

Incapaz de prescindir del, a UPG só ten unha estratexia para manterse como forza dominante: debilitar a Quintana, deixándoo só na defensa da oficialidade do BNG. Tocaralle á alianza entre quintanistas e meristas defender o relatorio oficial e as mudanzas na organización. Como noutras Asembleas Nacionais a UPG deixará facer nas comarcais a súa xente, promoveranse emendas para usalas despois como moedas de cambio e, máis que defender nada, atacará as posicións da Alternativa e Encontro Irmandiño nas prazas onde a UPG sexa absolutamente hexemónica e en todos os demais foros deixará que a confrontación Alternativa-Irmandiños versus quintanistas-meristas debilite a ambos polos renovadores. A UPG necesita ademais das súas emendas de control para cubrir as feblezas ideolóxico-políticas que lle achaca o Movemento pola base.

Reencontrarse co vello Proxecto Común?

Hai poucas dúbidas sobre a que será a estratexia da Alternativa: favorecer a expresión política dun sumatorio de malestares, apuntar os déficits da organización, as inconsistencia tácticas e, sobre todo, personalizar en Quintana todas as críticas, responsabilizándoo tanto do devalo electoral como do rebaixe de obxectivos soberanistas no debate sobre o Estatuto de Galiza. Na confrontación, a Alternativa non procurará o corpo ao corpo coa UPG, adoptará unicamente o papel de retador de Quintana, e deixará a porta aberta a eventuais acordos coa UPG.

A Alternativa e Encontro Irmandiño dalgunha maneira comparten a idea de que é necesario un retorno ao BNG como Proxecto Común, basicamente no que aquel tiña de converxencia de distintas organizacións e colectivos. Unidos na súa defensa do pluralismo partidario da fronte, aínda que pareza outra cousa, o seu horizonte político-organizativo é máis o da VIII que o da X Asemblea Nacional. O repregue de posicións de Nogueira e os ex-Unidade Galega instalados na Alternativa respecto a conformación do BNG como partido e como unha forza unitaria é sorprendente pero acomódase ben aos postulados frontistas de EN e permiten entenderse co Encontro Irmandiño.

Quintanismo, a oficialidade e algo máis

Os estrategas do quintanismo entenden que lles toca tomar a iniciativa da defensa do relatorio político. O seu argumentario insiste na necesidade dunha evolución intelixente para o BNG, afastada equidistantemente das propostas de refundación e do inmobilismo resistencialista; enfatiza os aspectos positivos da organización frontista para esixir «máis BNG e menos partidos», identifica a proposta do Estatuto de Nación como núcleo duro do novo posicionamento do nacionalismo gobernante e chama a atencións sobre as limitacións estruturais que ten o Goberno Galego para disculpar así as carencias e inconsistencias das políticas gobernamentais do Bloque.

A oferta do quintanismo é ben simple: apropiase da política que realmente está facendo o BNG e tratar de lograr a súa legalización ratificándoa na Asemblea. O intento é loubábel, especialmente porque desde sempre os relatorios políticos do Bloque dicían unha cousa e a práctica política era outra, sempre moito máis acomodada e convencional. Agora se trata de poñer nos relatorios o que se está facendo máis que o que se quere facer. Neste tema deberían coidarse, a capacidade propositiva é aínda pobre, pouco ambiciosa, non ofrece apenas novidades e mesmo, por momentos, destila unha autocompracencia temíbel.

Se o debate se ordena, finalmente, de acordo co estratexias inicialmente definidas, o peso fundamental da defensa da oficialidade tocaralle ao quintanismo, quedará nunha posición de centralidade do debate, pero esa posición de centralidade o someterá a un maior desgaste. Defenderá o texto congresual fronte á Alternativa e ao Encontro Irmandiño, sen poder diferenciar as súas propostas das da UPG. E logo verase obrigado a transaccionar ás emendas de control da UPG para coutar ás propostas maximalistas do Movemento pola Base. Defenderá os seus «votos particulares» (eliminación da presenza dos partidos no Consello Nacional e outros) contra todos: a UPG, a Alternativa, o Encontro Irmandiño e os basistas. Estará nunha posición central do debate, tan central como defensiva e exposta.

A oferta quintanista ha ser a da «oficialidade», a expresión do goberno político do BNG, pero tamén algo máis xa que non representa aos auténticos xestores da organización. Farían ben en defender os relatorios acordados como unha posición de mínimos, ao tempo que se promoven emendas para afinar unha alternativa singularizada, moito máis rupturista, para a renovación do discurso e a organización do BNG.

A ensoñación gobernamental

Errou Quintana crendo que o motor do cambio do nacionalismo galego ía ser básica e case exclusivamente a acción de goberno. Confiando na capacidade de transformación e de apertura de novos diálogos cos intermediarios sociais desde a Xunta, desprezouse a importancia de manter activo o proceso de renovación do Bloque. Mesmo, o contrario, entregouse a organización ao control da UPG e despolitizouse a súa dirección nacional. A renovación desde arriba e desde fóra do BNG está condenada ao fracaso se non conta cunha sólida organización de apoios entre a militancia. O camiño non é unha renovación bonapartista desde arriba e desde fóra, senón a organización dos militantes non adscritos partidariamente que queren un cambio real no BNG e a súa democracia interna.

A crenza de que só sobre a base da acción gobernamental o BNG mudaría a súa imaxe de partido, arroupándose cos atributos de forza de goberno madura, resultaron fallidos. A presenza dos nacionalistas no executivo galego tamén puxo en claro as debilidades programáticas, moitas inexperiencas na xestión, e evidenciaron, dramaticamente, a ausencia de mediadores sociais realmente comprometidos co BNG na maioría das áreas políticas da súa responsabilidade; nomeadamente no que lle toca ás políticas sociais e industriais, pero tamén ás culturais.

Política renovadora, sen rede e sen organización?

A carencia desa rede de mediadores impide ao BNG xerar consenso social entorno ás súas iniciativas gobernamentais, derramando a súa eficacia e comprometendo a súa sostenibilidade futura. As novas influenzas e relacións trenzadas desde as consellarías carecen dun colector organizativo onde reunirse. O BNG non é inclusivo, nin ten forza de atracción para ordenar os novos apoios cidadáns que se descubren ao abeiro da súa acción gobernamental. Entorno ao BNG-goberno polarízase unha galaxia de simpatías e influencias que se resiste a ser absorbida por unha fronte política que funciona coma un buraco negro.

Veríficase así, cada vez con maior relevancia, esa fenda de inaccesibilidade política do Bloque respecto dos seus simpatizantes; falta de porosidade social, carece a organización de credibilidade como espazo útil, eficaz e democrático para facer política, o que leva a moitos nacionalistas a instalarse nunha relación que se resume nunha frase «Co BNG, si, pero no BNG, non».

O nacionalismo necesita outra organización política. Actualmente o BNG está cangado de déficits democráticos, a súa organización asemblearia é altamente ineficaz, non serve para multiplicar socialmente as políticas que impulsa desde a Xunta, está tolleita para informar e enriquecer as súas accións de goberno, vive de ideoloxicismo estériles e dunha retórica de portas adentro que nin só os máis destemidos son quen de repetir na rúa ou nos seus centros de traballo... A fronte é incapaz de ser socialmente inclusiva, é terribelmente conservadora na súa ideación do país, canaliza máis as resistencias que actúa como catalizador dos cambios, mantén un diálogo sempre desconfiado cos movemento sociais emerxentes... Mais e, con todo, aínda que hai outros BNG están neste. Aí erran algúns dos dirixentes da Alternativa que, na intimidade, acariñan a idea de que hai marxe social e política para outro proxecto do nacionalismo progresista fóra do BNG.

A solución Bartlet

O capítulo 19 da primeira tempada de A ala oeste da Casa Branca é un dos máis glorioso de toda a serie ideada por Aaron Sorkin. Josiah Bartlet, o ficcionado presidente demócrata, ve caer perigosamente a súa popularidade, as súas iniciativas políticas son permanente bloqueadas polos líderes republicanos e demócratas nas Cámaras e conta cos dedos dunha man as súas vitorias. O Partido Demócrata está noutra política, virada máis cara aos seus intereses domésticos e ademais a iniciativa política da Administración Bartlet vese entalada por cautelas, prudencia en exceso debida ao terror a non repetir mandato, o que lle impón un discurso ambiguo, cangado de baleiros e indecisións.

Para desfacer o no gordiano só existe unha solución: recuperar ao Bartlet orixinal, o que ofreceu a liderar unha nova forma de gobernar e dirixir ao país, confiado en que é sempre preferíbel intentar un cambio de política e ser derrotado que atarse á incercia e ao continuismo. A fórmula dos seus asesores é relativamente simple: «Deixade que Bartlet sexa Bartlet.»

Aínda que non creo que os asesores de Quintana gusten de A ala oeste da Casa Branca, creo que a solución Bartlet é igualmente recomendábel para Quintana. Gañará credibilidade e forza na medida en que recupere o impulso inicial de renovación que representou para o BNG: na súa acción política en Allariz primeiro; abrindo despois unha estratexia para contarmos cunha maior influenza política no Estado ao seu paso polo Senado; e liderando o goberno galego nos primeiros meses da súa andaina. Xogando doutra maneira e non clonando as políticas de toda a vida. Ollando máis alá do ventre silencioso da fronte e os seus intereses domésticos.

Quintana debería ser Quintana e volver poñer na axenda a súa oferta dun novo BNG; aínda que a UPG non lle preste nada. Francisco Rodríguez deixouno claro: «Non concebimos este cambio [o da XI Asemblea] como unha ruptura ideolóxica nen muito menos con non se sabe que novo BNG». Pola contra, Quintana debería concibir a XII Asemblea como unha ruptura e como a súa primeira concreción dun novo BNG, para desgraza de Geppetto, para ben do nacionalismo.