31/10/2008

O mundo de Sofía

As declaracións «confidenciais» coas que Pilar Urbano compaxinou La reina muy de cerca son o biocombustíbel dun incendio mediático finisemanal que contribuirá, de certo, a engordar os beneficios do editor e a facer, de paso, máis redondos os dereitos de autora da (in)oportuna e (in)exacta xornalista. Tócalle agora ao Samain ocuparse de arrefriar as convulsións mediáticas para restablecer o sentido de Estado na súa clásica manifestación como silencio de Estado.

Os retallos das opinións reais descúbrennos a Sofía de Grecia como unha avantaxada alumna da Escola de Partido da rúa Xénova e evidencian que á monarquía española hai tempo que se lle parou o reloxo da historia. Con todo, González Pons, deixando as cousas branco sobre negro, á parte de considerar a Raíña unha muller-bandeira, quixo subliñar que esas opinións son as dunha «muller de setenta anos católica». Efectivamente, son opinións retrogradas que a Raíña transmite en confianza a unha supernumeraria do Opus Dei de 68 anos. Opinións que se comparten por proximidade ideolóxica e xeracional.

O inmobilismo dinámico é a esencia da Casa Real e, en materia de avances sociais, Sofía de Borbón segue a doutrina da Raíña Vermella que atopou Alicia tras o espello: «Fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio.» O noso caos constitucional outorga a Monarquía un papel moderador e desa nobre misión equilibradora arredáronse en Santa Compaña Pilar e Sofía para espanto das nomemklaturas do bipartidismo benpensante.


O papel reservado é dar unha aparencia de modernidade coidando dunha cerna de pousado tradicionalismo segundo os canóns dunha monarquía parlamentaria de baixo perfil. O papel publicado por Pilar Urbano indica que no Pazo da Zarzuela reina soberana a monarquía católica, fórmula máxica de todo o pensamento reaccionario español.

As manifestacións son todas elas desgrazadas pero de escasos efectos prácticos por non ser (afortunadamente) case que ningún dos asuntos materia da súa competencia; agás, claro está, esa forma mol de eutanasia política que se chama abdicación. Sofia teno claro e Filipe de Borbón (por se non o tiña) xa o pode ter tamén: «A El-Rei só pode xubilalo a morte.»

Son as leis da bioloxía e non as da oportunidade política as que xestionan os relevos monárquicos dos Borbóns; as forzas da natureza gobernan o destino do reino. A mesma Sofía de Grecia é unha forza da natureza, da natureza máis reaccionaria da monarquía española.

Steiner e Polo

Hai uns días Manuel Bragado anunciounos que Xerais vai traducir ao galego dous libros de George Steiner, unha peza inédita (George Steiner at the New Yorker) e unha obra clásica (After Babel: Aspect of Language and Translation). Unha forma intelixente e ben brillante de cancelar a agre polémica á que deron pé unhas desafortunadas declaracións de Steiner.

Semellante proceder lembroume unha vella serie de televisión sobre as viaxes de Marco Polo á corte de Kublai Kan. Nun dos capítulos nunha sublevación pacega, os conspiradores asasinan a varios dos amigos e acompañantes de Polo. Fracasada a intentona, o Gran Khan entrega os líderes dos sublevados ao veneciano para que os axustice e salde con sangue a perda dos seus. Marco Polo perdóalles a vida ante o abraio do emperador e explícase: «A nosa vinganza é ser diferentes

A sentenza, que non saíu do Libro do Millón das Marabillas senón da inventiva de dous espertos guionistas —David Butler e Vicenzo Labella
—, define toda unha filosofía da vida para enfrontar aos conflitos, os prexuízos e os agravios que, teño para min, sería do agrado do finado Suso Jares.

Non menos felices son as palabras que Italo Calvino pon en boca do mercador veneciano en diálogo co emperador mongol en As cidades invisíbeis:
Marco Polo describe unha ponte, pedra por pedra.
—Pero cal é a pedra que sostén a ponte? –pregunta Kublai Kan.
—A ponte non está sostida por esta pedra ou por aquela –responde Marco–, senón pola curva do arco que elas forman.
Kublai permanece silencioso, reflexionando. Despois engade:
—Por que me falas das pedras? Só é o arco o que me interesa. Polo responde:
—Sen pedras non hai arco.
Para salvar incomprensións, descoñecementos e desconsideracións da cultura e lingua de Galiza necesitamos efectivamente unha ponte para a lograr a súa proxección internacional de xeito cativador e inclusivo, e o arco desa ponte chama por pedras concretas como as que editorialmente se propón labrar Xerais coas obras de Steiner. Que non sexan as únicas.

30/10/2008

Xornalismo orwelliano

Orwell, nun limiar (fallido) de Rebelión na granxa, escribiu: «Se a liberdade significa algo, é o dereito a dicirlle aos demais o que non queren oír». Unha boa parte da súa produción literaria está dedicada a dar conta desa misión: dicir o que os demais non queren oír e, habería que engadir, dedicada a escribir o que a inmensa maioría non estaba disposto a escribir naqueles tempos. A esa liberdade debemos textos tan gozosos como incomodantes tanto na súa fauna literaria maior como nas súas letras miúdas en xornais e revistas; e mesmo nos seus diarios de paz e de guerra non é difícil atopar esa mesma materia literaria libertaria.

Hai dous anos Global Rhythm Press publicou Orwell periodista, onde axunta un centenar artigos e reseñas que escribiu para The Observer de quen foi analista político e literario e corresponsal posbélico en París, Colonia e Stuttgart. Ás súas costas ficaba xa unha envexábel labor xornalística, primeiro como crítico literario no New English Weekly (1932-1940) e como reporteiro social nas terras de Lancashire e Yorkshire; despois como produtor das emisións da BBC para Singapur e A India; e a partir de 1941 como xornalista cultural en Tribune, a revista da esquerda laborista onde publicaba unha sonada columna sob o título «Ao meu xeito». Entre 1942 e 1947 escribiu para The Observer e mantivo unha colaboración non sempre harmónica co Manchester Evening News até o seu pasamento en 1950.


Con semellante historial, a relación de Orwell co xornalismo dá para delirantes especulacións pero tamén para felices reflexións e, sobre todo, achega horas de boa lectura como as que ofreceu nas páxinas de The Observer. Nelas demostra, unha vez máis, ser un agudo analista político e un excelente lector e crítico literario. Orwell tiña ideas ben claras sobre cales eran os sinais de calidade de calquera traballo xornalístico (como reflectiu en A politica e a lingua inglesa), pero tamén de cales eran as limitacións da crítica literaria do seu tempo:


Con frecuencia teño a sospeita de que, aínda nos seus mellores momentos, a crítica literaria é fraudulenta, pois en ausencia dalgunha regra aceptada –calquera referencia externa que poida dar significado á afirmación de que tal ou cal libro é “bo” ou “malo”– todo xuízo literario consiste en inventar unha serie de normas para xustificar unha preferencia instintiva. Cando un libro nos provoca unha reacción, se é que nola provoca, xeralmente dicimos “este libro gústame” ou “non me gusta”, e despois séguelle a interpretación racional. Pero “este libro gústame” si é, ao meu xuízo, unha reacción literaria; a non literaria sería “este libro está do meu lado, e polo tanto, débolle atopar méritos”. Por suposto, cando un libro se eloxia por motivos políticos, pódese ser sincero emocionalmente, no sentido de que un, en verdade, o aproba profundamente, pero tamén ocorre con frecuencia que a solidariedade de partido esixe que se minta. Calquera que faga crítica literaria para publicacións políticas sábeo ben. Xeralmente, se un escribe para un xornal co que se está de acordo, peca por comisión, e se se escribe para a oposición, por omisión.
Hai unha recorrente tentación respecto á obra de Orwell: contrapoñer a excelencia do seu labor ensaístico e xornalístico coa suposta menor calidade literaria das súas novelas. O seu colega Cyril Connolly foi o primero en salientar o pretendido gap. A el débese tamén unha celebre sentenza: «literatura é o que pode lerse dúas veces e xornalismo soamente unha». A lectura dos artigos e reseñas de The Observer esnaquiza a rotunda divisoria de Connolly. As achegas xornalísticas de Orwell ben pode lerse dúas, tres, catro... ou cantas veces se queira, como a excelente literatura que son.

23/10/2008

Caro Amigo escribe

Caro Amigo escribe sobre invisíbeis emocións de seres anónimos que se apagan nun non-lugar desmemorizado e atemporal. Nun arrabalde avellentado e envellecido, nunha casa ausente con paredes que coutan todas as súas lembranzas, Home Vello entrégase cada día a unha ollada instalada na rutina e nunha espera pautada por automutilacións, dores de baixa intensidade e pouco sangue que se acompañan coa escoita xorda das voces do televisor.

A fiestra (in)discreta enmarca a unha penélope en fase terminal, Muller Vella, que tece un pano de negrura no balcón. Ao veciño de soidades fronteirizas Muller Vella vaille armando (sen sabelo) outro horizonte, recuperándolle a Home Vello un tempo para si. Da desmemoria retorna unha canción wolof que saúda cada pór do sol e Home Vello revive. Mentres Muller Vella malla un tramado de pano que a desaparece, un envurullo que consome a súa solporizada vida e alumbra, con axuda da cesarea dun final Home Vello, o primeiro fío do destino solitario dunha outra Muller Vella chamada a tecer a todas as horas.

Caro amigo escribe e fai así máis luminosa a cerna do xornal co que remato un día que foi sinalado tamén polo recoñecemento grande das letras doutro admirado imaxinador de emocións. Súmome aos parabéns.

22/10/2008

Xustiza e historia

Tzvetan Todorov, na presentación editorial de O medo aos barbaros, deixounos unha sentenza memorábel: "A verdade da xustiza redúcese a dúas palabras: culpábel ou inocente, e a da Historia esixe tomos e tomos para expresarse e pode acadar xuízos moito máis cribados». Consecuentemente, Todorov maniféstase «en contra da tentación do xuízo e a favor da paixón polo coñecemento».

Gústame moito o estilo de Todorov, ese intelixente serpenteado entre dicotomías que aparentemente son moi próximas e que en realidade están ben arredadas: Xustiza/Historia, Política/Cultura.


Velaí outra mostra: «O concepto de diálogo entre culturas ás veces é tenso, ou simplemente parece unha esperanza piadosa, porque lle pedimos o imposible: solucionar conflitos políticos avivecidos. O diálogo, por máis benevolente que poida ser, non pode resolver cuestións relacionadas coa liberdade de movemento da xente, ou con compartir o territorio ou os recursos naturais. Política e cultura non funcionan no mesmo nivel: a primeira goberna a acción, a segunda inflúe nas mentalidades; a primeira ocúpase das emerxencias, á segunda pode levarlle xeracións producir algún resultado.» Intelixencia que non se deixa atrapar polas apariencias de afinidade.

17/10/2008

3 en 1

Dezasete de outubro, na «Contra» de La Vanguardia, Frank Schirrmacher, copropietario e director do Frankfurter Allgemeine Zeitung (FAZ), enuncia o misterio da Santa Trindade do seu xornal: «O Frankfurter Allgemeine Zeitung é liberal moderado en política, socialdemócrata en economía e de esquerdas en cultura: 3 diarios en 1.» Non teño elementos para xulgar se a idea trinitaria é o que logo se imprime no papel, pero a súa declaración de principios vale para reflexionar sobre canto teñen de unitarios e monolíticos os xornais que se colgan nos nosos quioscos.

Don Josep Fontana, coa franqueza que lle é característica, dicía (hai moitos anos no finado El Sol) que as cousas estaban pesimamente mal e que había unicamente dous tipos de xornais: os que se venden ao poder e os que se alugan aos poderosos, dando a entender que a adscrición ideolóxica, política e cultural dos medios é puramente accidental. Non lle faltaba razón ao subliñar que hai poucos xornais de valores e moitos de favores; mais, con todo, a diversidade xornalista é actualmente un pouco máis ricaz, pero non moito máis complexa. Predominan os medios monolíticos seguidos dos pobremente binarios; é dicir, bipartidistas; e escasean os xornais de coalición de ideas con vocación pluralista.

Os estrategas mediáticos insisten en que canto máis se pluralicen peores serán os resultados. A maior pluralidade dise que diminúen as fidelidades lectoras e que se multiplican os agraviados na mesma proporción que os desagradecidos. Lévanse así xornais dunha única tinta política, ideolóxica e cultural como envoltorio dunha comunidade lectora incondicional. Branco ou negro, sen grises, segundo as sensibilidades, hai marxe para un moderado orballo de opinións disidentes como proba de virtuosa/virtual pluralidade. Así case que todos os medios en papel se fan coa mesma pasta que os periódicos de partido do século XIX e ofrecen redaccións que fan profesión de fe doutrinaria e que se arman cun acoirazado centralismo democrático nas tomas de posición informativas.

As culpas son para o clima de guerra fría mediática que nos herdou o postaznarismo e para as rudezas dun mercado publicitario declinante. Hai poucas posibilidade en que mude o modelo ultradominante: ofrecer o mesmo en política que en economía ou que en cultura, o 1 en 3, fronte aos 3 diarios en 1 mesmo xornal que nos propón do dono do FAZ. O único modelo realmente desafiante e chamado a ter un nicho lector crecente pasa por ofrecer 0 en 3, a fórmula sensacionalista da prensa amarela e da prensa lixo. A actual orde das cousas mediática explica porque a inmensa maioría dos nosos xornais son firmes candidatos a ser queimados antes de ser lidos.

15/10/2008

Economía matinal

George Orwell sostiña con certa crueza que un dos maiores méritos de Freud era que grazas aos seus estudos a xente deixou de comentar os seus soños á hora do pequeno almorzo. Fútbol, doenzas, anuncios pre-depresivos, remedios caseiros, comentarios meteorolóxicos, rexoubes de sociedades grandes e cativas, persoaxes televisivos e concursais, corazóns partíos e amores de papel cuché, entre outras moitas cuestións ocuparon o baleiro conversacional deixado polos soños.

Agora e grazas ao crash do 2008 non hai torrada ou primeiro café do día quen nos vaia acompañado dun arrepiante ou engaiolante dato económico-financeiro, do animal spirit, dos rescates dos menos en teórico beneficio dos máis, das apoloxías do keynesianismo de guerra, das críticas de Paul Krugman, das súas previsións («Imos sufrir unha recesión, talvez prolongada, pero quizais non un colapso») e dos seus aplausos, dos agoiros de Joseph Stiglitz, das bolsas tornadas, ao mesmo tempo, en montañas rusas e en ruletas rusas...

Comezamos o día con economía tomando cereais Kelloggs, pero o malo é que aínda así chegamos ao xantar hipoglucémicos e convencidos, como estaba John Dewey, de que «a política é a sombra que proxectan na sociedade os grandes negocios» e de que as cousas non van mellorar nos próximos doce meses de hipoteca. Porca economía...

10/10/2008

Previsións & predicións

O FMI estima que España estará en recesión durante 2009 e, segundo o xefe de análise Jorg Decressin, en 2010 principiará «un pequeno avance, e será gradual». Despois do diovivo que leva caendo, desde o comezo da crise-que-non-existía para os máis espertos expertos analistas económicos, calquera se fía. Recobra así todo o seu sarcástico valor a sentenza do presidente Barlett que repite a Leo McGarry, xefe do gabinete do Presidente, no primeiro episodio de A ala oeste da Casabranca: «Os economistas viñeron ao mundo para que os astrólogos non quedasen en mal lugar».

09/10/2008

Azaña reloaded

No día en que os xornais dan conta da abxuración parlamentaria do franquismo por parte do PPdeG, leo/escoito, grazas á xentileza memorialística do Ministerio de Cultura, «Paz, piedad y perdón», o discurso que Manuel Azaña pronunciou en Barcelona o 18 de xullo do segundo ano da guerra en defensa da República.

Eran as 19.35 da tarde e supoño que era un día de calores mediterráneos pero iso non abrandou a firmeza nin a enerxía do verbo do presidente da Segunda República. Rotundo pero reflexivo: «O que importa é ter razón e, despois de ter razón, importa case tanto saber defendela, porque sería triste cousa que tendo razóns parecese como se a tivesemos perdido a forza de palabra entolemiadas e de feitos reprobábeis. É certo que ao cabo a verdade e a xustiza se abren paso, máis para que o abran, é indispensábel que a verdade se depure e se purifique no íntimo da conciencia e se acicale baixo a lima dun xuízo independente, e que saía á luz co apoio e o seguro dunha responsabilidade.»

Pasei un bo rato coa súa oratoria pousona, de repenique vagoroso e firme como martelo que bate o ferro. Unha melancólica forma de rematar o día e lembrar ao avó Domingos, O Ardeiro, correlixionario de Santiago Casares Quiroga e azañista entusiasta que nunca soubo do discurso de don Manuel por estar no cárcere da Coruña purgando ás súas fidelidades republicanas.

08/10/2008

A voz de ROP

Remato un día de moitas palabras, lendo –escoitando– a ROP (en «As Nosas Voces» do CCG). Agasállanos cunha visión magnífica e engaiolante das relacións de Galiza e Europa grazas ao feliz afastamento ao que foi convidado polo Centro Galego de Bos Aires en 1957.

A súa poderosa oratoria está inzada de fermosísimas inspiracións, a maioría firmes candidatas a figurar no libro de honra da nosa mellor publicidade nacional. Unha de moitas: «A primeira obra de arte de Galiza é a paisaxe». E reflexións de gran fondura existencial sobre o bo morrer que, de certo, serían do agrado de Ramón Sampedro: «En Galiza sábese morrer, en Galiza mórrese con beleza [...]. Mórrese como morre o pobo, como morren os grandes piñeiros cando caen, como morren as ondas na arnela da Lanzada.» Pero tamén outras de matinación histórica que dan para moito pensar: «O que é a arela de Galiza: desexar moitas cousas; romperse no empeño, pero deixar sempre completo o espírito, máis alto cada vez».

Non teño tan claro como don Ramón que ese desexo maximalista sexa moi propio do noso país; a experiencia si que confirma que nos esnaquizamos con renovada frecuencia nos nosos empeños, e son bastante menos optimista que o señor de Trasalba sobre a forteza do espírito colectivo e sobre a súa continuada tendencia alcista.