
Inducido por Rivas retomo a lectura de Los nombres secretos de Walter Benjamin de Gershom Scholem. Moito do que sabemos da vida do dono do maletín debémosllo a Scholem con quen trenzou unha duradoira amizade. O libro reúne tres pezas, a primeira –«Walter Benjamin»– é unha conferencia panorámica e de proximidade sobre a personalidade do autor de Infancia en Berlín ao redor de 1900; as outras dúas –«Walter Benjamin y su ángel» e a que lle dá título ao volume– xiran ao redor de Agesilaus Santander, o famoso anxo benxaminiano ao que fixo referencia primeira nun breve escrito elaborado en Ibiza no ano 1933; un tempo singularmente duro en que, segundo Scholem, Benjamin estaba nunha situación que «era a dun refuxiado que en todo sentido levaban unha vida á beira da desesperación» e na que lle viría á cabeza unha e outra vez a descrición que da súa vida fixo a Scholem uns meses antes: unha vida feita de «vitorias no pequeno» e «derrotas no grande».
Hoxe despedínomos, os caixóns quedan baldeiros nesta estación de paso e no ánimo manda a melancolía. Vou indo que Walter me agarda no relanzo para lembrarme unhas palabras súas: «Ser feliz significa poder percibirse a si mesmo sen temor».
Sem comentários:
Enviar um comentário