24/04/2009

Cegos no labirinto

Novo rexistro histórico da contabilidade negra. Segundo a EPA, no primeiro trimestre do ano, a taxa de desemprego subiu até o 17,36% e o número de desempregados sobardou os catro millóns. Galiza suma case 163.000 parados, a taxa de desemprego colocouse xa no 12,2%. Coa estatística no xornal acudín ao Servizo Galego de Colocación para inscribirme como demandante de emprego, as cámaras da TVG estaban alí para poñerlle imaxes aos datos da EPA coa mesma afouteza coa que Dorothea Lange retratou a Gran Depresión.

A V2 e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, anímanos dicindo que os datos son malos e mesmo peores que os esperados pero que, a partir de abril, as cousas van mellorar.
Tras as palabras de V2, e co certeiras que adoitan ser as previsións económicas do goberno, as marcas da nosa esperanza caeron as súas cotas máis baixas. Hai un días, en The Guardian, o vello Eric Hobsbawm escribiu un artigo que titulou «Se o socialismo fracasou e o capitalismo está agora en bancarrota: que vén despois?». Nel deita unha análise crúa e pouco optimista:
Somos libres de volver á economía mixta. A vella caixa de ferramentas do laborismo está dispoñíbel de novo –calquera cousa até a nacionalización– así que vaiamos e usemos as ferramentas unha vez máis, que o laborismo nunca debería telas gardado. Pero iso supón que sabemos que facer con elas. Non o sabemos. Por unha banda, non sabemos como superar a crise actual. Ningún goberno do mundo, bancos centrais ou institucións financeiras internacionais sábeo: son todos como un cego que trata de saír dun labirinto tocando as paredes con distintos paus coa esperanza de atopar a saída.
E onte mesmo en La Vanguardia, Enric Juliana destripaba as ilusións de V2. Ao seu entender, a saída de Solbes do executivo traducirase nun aumento acelerado de gasto público e, consecuentemente, nunha escalada do déficit que podería chegar ao límite do consentido polo Tratado de Maastricht –o 60% do PIB–, o que posibilitará a mobilización duns 200.000 millóns de euros para medidas de urxencia ou rescate económico.

Esta inxección de capital público, xunto con outras medidas en marcha nas que se investiron xa 11.000 millones de euros, deberían provocar, segundo as previsións do Goberno, unha melloría dos indicadores económicos e o entalamento da crecida do desemprego. Sospeita Juliana que se isto ocorre non sexa máis que o típico rebote do gato morto do que falan en Wall Street: unha melloría artificial que dá paso a un afundimento económico aínda máis acusado.

Así pintan as cousas no labirinto da economía, movémonos entre paus de cego e rebotes de gatos mortos, agonizantes ou en pésimo estado de saúde. Menos mal que o Goberno 10 de Núñez Feijóo dixo
que remataba coa crise nun abrir e pechar de ollos. Agardamos o seu plan de choque. Cegamente.

Sem comentários: