Desde a Torre Vixía, Xosé Luís Barreiro Rivas saúda o arrinque da «era Núñez Feijóo» e deséxalle a mellor das fortunas ao tempo que fai recordatorio das súas «promesas de austeridade, renovación, integración, rigor e eficacia». Efectivamente, estes son algúns dos termos de referencia da avaliación inicial á que lle toca someterse ao líder do Partido Popular de Galicia como presidente da Xunta. Barreiro Rivas fala do comezo da «era Núñez Feijóo» e son moitos os que temen que dure tanto como a «era Fraga». Diagnosticou Núñez Feijóo: «equivocáronse [PSdeG e BNG] crendo que ían ter Goberno para longo» e coa mesma vacinouse verbalmente contra a autocompracencia. Saberse cun contrato temporeiro de catro anos non é mala forma de comezar. Hoxe, como pouco, principia a semana fantástica de Alberto Núñez Feijóo.
As ideas de goberno
Na primeira tirada, na súa intervención de investidura, verificarase até onde alcanza o rigor, a renovación e a integración do seu programa de goberno. Unha parte da parroquia (ultra)conservadora, cos hooligans de Galicia Bilingüe á cabeza, escoitará axexante ás súas palabras para ter confirmación dun programa (contra)reformista forte ou comprobar se Núñez Feijóo pertence a esa categoría de políticos que, segundo Jardiel Poncela, son como os cinemas de barrio, que primeiro fan que entres e despois cambian o programa. Todos os demais agardamos que, superados os furores da campaña, ofreza, cando menos, as liñas fundamentadoras da súa estratexia para o avance do noso autogoberno e o combate da crise económica.
En campaña Núñez Feijóo gastou o seu tempo, como lle correspondía na súa condición de candidato retador, en dicir o que el non faría e en presentar o seu programa de demolición das políticas do goberno bipartito. As ideas de goberno, a contrario do que dicía John Steinbeck, non son como coellos, non basta con ter dúas, aprender a manexalas e ter, en pouco tempo, paridas unha ducia. O martes veremos se Feijóo se decanta pola retórica da solemnidade ou da eficacia; terá que elixir entre a presentación de boas intencións ou a exposición das medidas de choque que adoptará o seu executivo. Haberá das dúas colleitas, pero veremos onde pon énfase e como gradúa a súa (obrigada) oferta de consenso e colaboración aos partidos da oposición.
O equipo
Confíase en que, nesta semana, ademais se vaian sabendo os nomes do novo executivo que, outra volta, serán contrastados coas proclamas de renovación e integración. En materia de recursos humanos prometeu tamén caras novas con capacitación política e solvencia tecnocrática. Aínda que os confidenciais acollen quinielas, algunhas delas con nomes pavorosos e arrepiantes, a conformación da aliñación de Feijóo xestiónase coa maior das discrecións, entre outras cousas, debido á innovadora metodoloxía aplicada polo presidente do Partido Popular: Feijóo non ofrece cargos, indaga o grao de disponibilidade e condicións dos interlocutores para incorporarse a un gabinete xenérico e sen repartición definitiva de papeis. Malia as cualidades inicialmente ofertadas, do caderno de Alberto todo apunta que sairá un «tecnogoberno» feito a imaxe e semellanza do seu presidente: o novo executivo terá un Presidente e haberá «outros 10», a inmensa maioría de rebaixado peso político e inmaculados certificados de penais fraguianos.
Novo diálogo coa cidadanía?
Unha empresa de eventos traballa no acto público de toma de posesión do quinto presidente do autogoberno galego. Hai quen afía críticas á espreita de saber a canto ascende o custe da sesión sabatina. Feijóo está obrigado polas súas palabras a pregarse a un acto austero e sobrio, contido en gastos e grandioso en formas e palabras. Con todo, o máis importante é saber até que punto aproveitará a ocasión para formalizar solemnemente un novo estilo de relacións coa cidadanía. Na noite electoral ofreceuse como presidente de todos e todas as galegas, veremos como se visualiza nas bancadas e que sociedade civil é convidada ao bautismo presidencial. Saberemos, con toda certeza, se o auditorio é o dunha Galiza plural ou simplemente do Partido Popular de Galicia.
13/04/2009
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário