Auctoritas. Imperio da lei como coartada da cultura autoritaria, peza recorrente no kit de valores neoconservador. Formateo da cidadanía como aval de consensos obrigados e o respecto ás normas, singularmente para o acatamento dos máis novos «da auctoritas dos pais na casa, dos mestres no colexio, dos profesores no instituto e dos axentes de tráfico nas estradas...» Só lle restou engadir: e en todos os demais ámbitos e en caso de calquera dúbida, respecto á auctoritas do Presidente da Xunta.
Citas. Unha do mestre Álvaro Cunqueiro para ilustrar a indeterminación xeográfica da confianza electoral recibida «de aquí e de acolá». Para certificar a súa franqueza e honestidade, a de Vaclav Havel («supoño que non propuxeron para este cargo para que vos minta»). A máis erudita, extensa e en castelán correspondeuse cunha de Antonio Couceiro Freijomil tirada de La bandera de Galicia, que usou para combater a tentación de patrimonializar partidariamente Galiza («Galicia no pertenece a ningún partido ni grupo. Ella debe ser un fin, nunca un medio...»). Dúas máis, unha aquelada de Vicente Risco para cartografiar o «territorio identificador» de Galiza –pobo, territorio, lingua, cultura e historia bimilenaria– e outra de Ramón Piñeiro para focalizar «a dimensión temporal de Galiza». E, para dar cabo, unha («todo está por vir e non chega»), sen mencionar a autoría de Salvador García-Bodaño, coa que caracterizou os «tempos difíciles» (seica se refería á ditadura franquista).
Confianza. Pediu confianza para un programa e para a súa persoa. Gabouse de contar cun cuantioso depósito de confianza: as papeletas de 789.427 cidadáns. Nesa confianza cífrase a súa marxe de manobra e gobernabilidade. Aínda que as boas maneiras e a retórica presidencialista obriguen a postularse como a cabeza dun goberno para todos os galegos e deixar claro que o seu compromiso é «co pobo galego», cando se concreta é «nos centos de miles» que votaron Partido Popular. Confianza nas palabras de Feijóo é unha metonimia política, xa saben a parte polo todo.
Democracia. As notas democráticas de Feijóo son: 1) a vixencia da democracia como «goberno do pobo e para o pobo»; 2) a súa redución a unha fórmula contratual cuadrienal entre gobernados e gobernantes («a democracia non é outra cousa que un contrato entre a cidadanía e o gobernante, que se asina nas urnas e que se cumpre despois na acción cotiá de goberno»); 3) a «garantía da autonomía» de Galiza; e 4) o bo desexo de que «Galicia siga brillando no firmamento das democracias». E, agora, unha longa cita:
A democracia non é un mero conxunto de técnicas, de mecanismos, de estruturas; que a democracia esixe nos seus fundamentos unha ética; que a democracia prospera cando o discurso público sobre os seus fins se desenvolve sen hipocrisías, sen manipulacións e sen concesións; que a democracia persegue fins que aspiran tamén a mellora do individuo segundo as súas preferencias expresadas, discutidas, contrastadas, redefinidas. E, así, para rematar, engadirei que a democracia, lonxe de ser un réxime político caracterizado pola impotencia, repregado sobre si mesmo e privado de engado, é, polo contrario, un réxime político capaz de renovarse e adaptarse, esixente cos seus cidadáns e cos seus gobernantes.
Mágoa que non sexa de Núñez Feijóo senón de Gianfranco Pasquino.
Deus. Asomouse Deus no discurso da man do Deus Fratesque Gallaecia, unha das máis exitosas invencións literarias de Benito Vicetto que o fabulou como lema dos revoltados irmandiños. Precioso pero falso como acreditan os estudos de Carlos Barros. Deus e os irmáns de Galiza: dose de providencialismo divino que Feijóo amalgamou con democracia, autonomía e confianza nas propias posibilidades. Para enfrontarnos a crise o máis certeiro será encomendarse ao autogoberno, mellor confiar na providencia laica e democrática e nas capacidades de seu xa que Deus está moi ocupado con tantas outras cousas.
Dimensións. O Discurso de investidura nas súas magnitudes básicas: 100 minutos de exposición. 505 parágrafos. 47 páxinas. 13.603 palabras. 72.806 carácteres.
Esquecementos. Sen dúbida, o máis monumental foi o da Cidade da Cultura; silencio táctico para gañar tempo e para non incomodar nun día tan sinalado ao todopoderoso dono da Corporación Voz. O esquecemento máis histórico: non mencionar a delongadísima experiencia de gobernación do Partido Popular no noso país. O esquecemento máis terapéutico: a oferta de amnesia selectiva: esquecerse das razóns do fracaso da reforma do Estatuto na pasada lexislatura xa que un debate sobre as causas «só contribuiría a dificultar» o novo intento reformador. Fagamos coma se todos non soubésemos que quen fixo valer o seu veto foi o Partido Popular.
Familia. A palabra tótem do neoconservadurismo non podía faltar. Feijóo fala de cidadanía cando activa o rexistro político e de familia cando toca o social. En poucas palabras, os dereitos políticos exércense como cidadáns; os dereitos sociais correspóndenlle ás familias. Con toda solemnidade, Feijóo entende que «as políticas sociais deben estar dirixidas a apoiar integralmente á todas as familias».
Esa centralidade da familia nas políticas de benestar exprésase con reiteración tamén cando enumera os axentes referenciais das políticas económicas: «as familias e as empresas galegas», xa que a crise financeira «está poñendo en moi graves dificultades ás familias, aos emprendedores, ás Pemes e ao noso sector empresarial e produtivo en xeral.» Os destinatarios das políticas de alivio fiscal, facilidade de crédito ou protección fronte ao endebedamento son as familias.
Cómpre non enganarse, esta centralidade da familia non é consecuencia dunha anacrónica consideración dos stakeholders das políticas de benestar; moi ao contrario, é unha formulación de vangarda que recoñece na familia o no de solidariedade de proximidade, a peza fundamental que permite xustificar a transferencia de recursos públicos da solidariedade dos estraños –o Estado– cara os xestores da solidariedade do propios –familias, grupos de autoapoio...–.
Galeguismo. Cando se postulou como candidato á presidencia do Partido Popular de Galicia, en 2005, Feijóo ofreceuse como director dun proxecto «galeguista», «reformista» e «centrista». Das tres marcas de identidade do seu proxecto partidario no discurso só mencionou unha, o reformismo. O centrismo hai tempo que foi arrumbado no curruncho das denominacións de orixe inservíbeis e no parrafeo de investidura o galeguismo unicamente apareceu vencellado ao agradecemento do labor dos galeguistas que loitaron pola «identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular, xunto cos dereitos políticos do noso pobo».
Noutrora, o deputado e aspirante presidencial non tiña reparo en proclamar que «o galeguismo é o nacionalismo non excluínte» nin que o seu era un «galeguismo reformista». No que cualificou como o momento máis importante da súa vida Núñez Feijóo esqueceuse de tan esperanzadoras definicións e etiquetas.
Galicia. Nas palabras de Feijóo Galicia faise suxeito como «o noso país, «un gran país» ou na súa condición de «sociedade moderna». É un «espazo único, como unha grande cidade única» que ha ser obxecto dun desenvolvemento harmónico e racional para garantir a súa sostenibilidade. Galicia é unha herdanza –«Galicia é o que é grazas ao traballo e ao esforzo dos nosos maiores»–, somos ademais un «país eminentemente marítimo» e debemos ser unha «unidade de destino turístico».
No seu momento de maior intensidade lírica, Galiza é «esta esquina de Occidente», «hoxe unha terra fértil para a liberdade» e nalgunha pasaxe administrativista somos «Comunidade Autónoma» pero, en ningún momento do seu parlamento, chegamos a ser nomeados como «nacionalidade histórica». Nas palabras de Feijóo non se nos recoñece nin tan sequera como o que a súa sacrosanta Constitución e o vixente Estatuto di que que somos.
Impresionismo. Parece case obrigado que un discurso de investidura se entregue ás materias graves, rotundas, profundas e mestas da gobernabilidade futura do país. Non houbo tal, Feijóo recorreu á descrición impresionista, mesmo epidérmica, dos problemas centrais da nosa economía e autogoberno. Opción pola lixeireza e a indefinición que se corresponde, en gran medida, co seu descoñecemento efectivo da situación real en termos orzamentarios e de concreción dos programas de acción do anterior executivo.
Sen caer na frivolidade, Feijóo coqueteou abondo coa superficialidade e extensos parrafeos do seu discurso presentáronse como o temario dunha oposición a gobernante, máis como cuestións obrigadas que terá que preparar en fondura e das que se vai ter que examinarse e non tanto como formulación primeira de ideas de avance e solución dos problemas identificados.
Partido. Prometeu un «goberno sen siglas» e case consigue proscribilas no discurso de investidura. Unha mención ao partido ao que pertence como forza reformista, outra para salientar o compromiso que «vén de longo» do PPdeG coa sanidade pública e dúas iniciais para dar conta do Partido Popular como subscritor dun contrato electoral cos cidadáns nos pasados comicios do 1-M e para agradecer, en nome do Grupo Parlamentario Popular, a confianza electoral recolleitada. Tan limitado «orgullo de partido» é, sen dúbida, cousa de ser atendida por un especialista.
Pasado. Notábel o esforzo de Núñez Feijóo para librarse das hipotecas gobernamentais do pasado. Contundente corte do cordón umbilical que o une co fraguismo –«Nós non vimos restaurar ningún pasado»–; a acción política pretérita unicamente lle serve para identificar o compromiso coa sanidade pública e co desenvolvemento e consolidación do Estatuto de Autonomía. A suposta ausencia de vontade restauradora viuse liquidada de vez cando minutos máis tarde sinalou como marco da súa política de infraestruturas o «Plan Galicia», unha das máis acabadas e fraudulentas obras virtuais da era Fraga.
Presidentes. Un deputado candidato a presidente (Feijóo), tres referencias nominais –Fernández Albor, González Laxe e Fraga Iribarne– e unha mención de respecto para Pérez Touriño «pola súa entrega e o seu traballo»; recoñecemento serodio a un presidente a quen durante a pasada lexislatura se fartaron de chamar «o deputado Emilio Pérez Touriño».
Próximas entregas
Se hai saúde, tempo e a paciencia non se creba, tocaralle, entre outros artefactos, a: Aplausos; Autonomismo; Benestar; Crise; Cultura; Demolición; Estatuto; Goberno; Lingua; Ortopedia; Plans; Reformismo; Rexeneracionismo e Tempos.
Sem comentários:
Enviar um comentário