(1) O epitafio de Feijóo sobre a corrupción, o enchufismo, o caciquismo e outras tantas deficiencias clientelares que enchen volumes enteiros da historia do Partido Popular e das nosas institucións no pasado, no presente e (podemos adiantar sen medo a errar) no futuro.Resumo: Cinco aplausos en materias económicas. Catro ovación para acompañar a sabida posición amigábel e cordial da Galicia Bilingüe/Trilingüe. Catro aplausos de corte rexeneracionista/revanchista (caciquismo, publicidade e CRTVG, legalidade eólico). Tres aplausos en materia social. Outros: 4 aplaudidas.
(2) A primeira mención contra a imposición e o maximalismo lingüístico.
(3) A segunda mención agora co redobre do bilingüismo amigábel e o retorno da cordialidade ás aulas.
(4) A proposta de redución do IRPF para as rendas medias e baixas.
(5) O anuncio de rematar as obras contidas no Plan Galicia antes da fin da lexislatura.
(6) A vindicación do investimento estatal en Galiza daquelas infraestruturas orzamentadas pero non executadas en exercicios anteriores.
(7) A proclama agrarista gabando a Galiza campesiña que ten «que adaptarse ao clima, ao mercado, e ás regulacións» o que fai «que estea máis que xustificada unha especial atención dos poderes públicos a este sector».
(8) A revisión inquisitorial do concurso eólico para validar a súa (i)legalidade.
(9) O anuncio de medidas concertadas cos axentes sociais para superar as inercias e ineficiencias das políticas de promoción do emprego do goberno bipartito.
(10) A Lei de Apoio ás Familias Galegas.
(11) Os máximos de demora de 45 días para probas diagnósticas e 60 días para intervención cirúrxica.
(12) E a seguir, sen tregua, a creación de unidades sanitarias de atención integral á muller.
(13) A promesa de non gastar un só euro en publicidade da Dependencia.
(14) O respecto á legalidade constitucional na redacción reformada do novo Estatuto de Galiza.
(15) O desenvolvemento dos aspectos máis substanciais do Pacto local.
(16) A intención de pactar cos grupos desta Cámara o nomeamento do próximo Director Xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia.
(17) O agradecemento a moitos ilustres galeguistas polo seu traballo para lograr a identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular e os dereitos políticos do noso pobo.
(18) A amabilidade lingüística, o respecto polo que fala cada quen, a crítica dos radicalismos estériles, e a necesidade de incidir na actitude exemplar dos falantes para que ninguén se sinta marxinado ou excluído.
(19) O anuncio da derrogación do decreto do galego no ensino.
(20) Grande ovación de peche.
Autonomismo. Xa se dixo, segundo Feijóo os catro puntos cardinais para nos guiar na procura dos horizontes de futuro de Galiza son: Deus, Democracia, Autonomía e Confianza nas nosas propias posibilidades. Feijóo é un crente autonomista e constitucionalista: «Nós cremos na Autonomía política, dentro dunha España que garante constitucionalmente a solidariedade entre as persoas» que está amparada por unha cláusula de garantía un tanto distorcida («A pertenza de Galicia á democracia española é unha garantía da súa autonomía).
Autonomía e autogoberno confúndense aparentemente na discursiva de Feijóo; con todo, queda claro que o autonomismo é a cultura política e o autogoberno o recipiente maior para o exercicio desa cultura. O autonomismo ten o mesmo principio activo que a Santa Trindade e é o que permite, «en perfecta síntese», gozar «con naturalidade» dunha tripla identidade galega-española-europea.
A Autonomía é un parteluz político («A sociedade galega iniciou unha nova situación política o 6 de abril de 1981, data da entrada en vigor do presente Estatuto de Autonomía») e xeracional (Feijóo reivindicouse como alguén «que naceu politicamente coa autonomía»).
O autogoberno non é un fin, é un simple medio rexido polo principio de eficacia para lograr «unha mellor xestión dos asuntos públicos, unha atención máis próxima aos cidadáns, unha defensa mais firme dos nosos intereses, unha participación máis intensa na política de Estado e, en definitiva, un benestar maior dos galegos». Este carácter instrumental acompáñase do solemne propósito de non alimentar a espiral reivindicativa: «a necesidade de cambiar ese discurso que mide o grao de compromiso autonomista só co baremo da reclamación, e non coa da boa xestión das competencias que xa se teñen.»
Non explica Feijóo como se pode facer unha «defensa máis firme dos nosos intereses» renunciando á reivindicación, pero sabendo das súas calidades personais ben se deduce que o conseguirá grazas a súa capacidade de sedución. O que aí lle queda a Manuel Chaves.
Tampouco é de estrañar que Feijóo non dedicase nin un minuto a falar da transferencia de novas competencias. A doutrina Feijóo repousa non tanto no principio de eficacia como no principio de suficiencia/sobreabundancia competencial e nunha eficiencia imposíbel: no que se refire ao autogoberno, non se pode facer máis (benestar/progreso/etc) con menos competencias e recursos financeiros pero Feijóo parece ignoralo.
Eficacia. Principio directriz da proposta de goberno de Feijóo. Compromiso de eficacia: «Os 16.000 grandes dependentes cobrarán as axudas da Lei de Dependencia antes de rematar o ano [2009].» Problema insalvábel para ser eficaces: estar dramaticamente desinformado.
O Libro Branco sobre a Dependencia estimaba que en Galiza existían 16.000 grandes dependentes. Esa previsión está totalmente superada. A día de hoxe, en Galiza, están recoñecidos como grandes dependentes 28.100 persoas. Previsión, practicamente duplicada, en función da que Feijóo fixa o seu indicador de eficacia. Deses 28.100 grandes dependentes, uns 13.500 son xa perceptores das axudas. Con achegar nos próximos nove meses axudas a 2.500 grandes dependentes, Feijóo cumprirá eficazmente o seu compromiso. Mágoa que non se decatase de que hai outros 12.100 que fican fóra da súa magnánima eficacia.
Goberno. A boa gobernanza ten formato de pentagrama, cinco liñas definitorias para ordenar todas as melodías da acción de goberno. Citamos a Feijóo:
Un goberno que procurase a unión dos esforzos de todos os galegos en torno a unha idea conxunta e compartida do país.Emenda á totalidade da imaxe negativa dos gobernos de coalición que con tanta eficacia se dedicou a propagar o Partido Popular coa axuda inestimábel de La Voz de Galicia e dos erros das dúas forzas gobernantes. Malia ter satanizado como poucos os gobernos de coalición, a grande innovación programática de Feijóo foi ofrecerse como presidente dun goberno «en coalición permanente cos cidadáns». Feliz paradoxo.
Un goberno que impulsase un programa de acción que superase os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas.
Un goberno que tivese como obxectivo o mantemento da cohesión social.
Un goberno que traballe por recuperar, tanto no público como no privado, o senso auténtico do Dereito e do respecto ás leis.
Un goberno forte, austero, cohesionado e dialogante, unido en torno a un único liderado.
Tempos. Poucos compromisos de Núñez Feijóo estiveron acompañados de prazos temporais. No discurso fixou prazos de entrega antes de 100 días, de 180 días e de 4 anos. Compromisos para os cen primeiros días de grazas e gloria: o axuste orzamentario, a elaboración do programa estratéxico que concretará o Acordo de Competitividade e reforma do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e suponse que a derrogación do decreto do galego e a revisión da legalidade do concurso eólico. Antes dun semestre: aprobará as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral; e un novo plan de Residuos Sólido Urbanos. Antes da fin da lexislatura: a execución das obras previstas no Plan Galicia.
Feijóo non é moi habelencioso no manexo do cronograma. Nun momento do seu Parlamento bota contas da duración da nosa Autonomía: entre o 6 de abril de 1981, día de entrada en vigor do Estatuto, e o 14 de abril de 2009, e sáenlle «Vintenove anos de profundas transformacións e de avances». Todos os demais galegos cronometramos unicamente 28 anos e oito días. Será cousa do redondeo?
Pendentes
Benestar; Crise; Cultura; Demolición; Estatuto; Lingua; Ortopedia; Plans; Reformismo; Rexeneracionismo.
Sem comentários:
Enviar um comentário