19/06/2009

O prisioneiro Ferrer

Tristes ausencias: Hortesia Bussi, Ralf Darendorf, Vicente Ferrer... A viúva dunha historia da dignidade, unha intelixencia atenta aos conflitos do cambio, un humanista solidario... O obituario cárgase hoxe con grandes perdas para a humanidade.

De inmediato, e paradoxalmente, a súa apenada desaparición vainos facer moito máis visíbeis e recoñecíbeis para ese «gran público» que eloxiou criticamente Dominique Wolton. Ofreceránsenos biopics informativos, compactados e simplificados en grandes trazos e titulares. Nada que obxectar.


Hai, porén, unha estampa da vida de Ferrer que me gustaría que non se esvaecese nas memorias mediáticas: a súa militancia no POUM e o seu paso polo campo de concentración que se instalou, temporeiramente, nunha fábrica de curtidos betanceira. Vicente de la Fuente García, que foi alcalde de Betanzos entre 1979 e 1983, recuperou esa liña biográfica de quen será chorado como un «filántropo xigantesco» e «un santo en vida» e que foi tamén un combatente republicano e un represaliado do franquismo.

Na súa boa memoria lean «Un recluso en Betanzos, llamado Vicente Ferrer» para saber máis daquelas derrotas e das solidariedades primeiras que marcaron a súa vida.

1 comentário:

Paseante disse...

Fico moi agradecido por este post, que me permite aclarar a referencia ao campo de concentración de Betanzos que lin onte en EL PAIS. Canta historia do noso país fica aínda oculta!