Só unha sociedade civil articulada e con liderados de seu está en condicións de contrarrestar a personalización da política e exercer como reserva cívica dunha auténtica participación democrática; mal que nos pesa, non é este o caso da nosa sociedade civil, callada de portavocías liliputianas e dramaticamente subordinadas ás esixencias das institucións e os actores da sociedade política. Na actualidade tampouco é que goberno e partidos galegos ofrezan poderosos lideres ou figuras carismáticas con indiscutíbel arrastre popular polo que Galiza abanea entre unha sociedade civil anónima e unha clase política de cativo (re)coñecemento cidadán.
En Political leadership. Towards a general analysis (1987), Jean Blondel confeccionou unha tipoloxía de liderados consonte ao seu impacto e capacidade de cambio. Na súa taxonomía hai nove tipos ideais: xestor (impacto cativo e cambios mínimos), reaxustador (impacto pequeno e mudanzas moderadas) e innovador (impacto cativo e transformacións fondas); hai tamén confortadores (impactos moderados e cambios mínimos); redefinidores (mudanzas e impactos moderados), e reformistas (impactos moderados con mudanzas de longo alcance). Na cima dos maiores impactos o politólogo francés sitúa os salvadores que teñen capacidades transformadoras cativas, os paternalistas ou populistas impulsores de mudanzas moderadas e os que denomina ideólogos que sosteñen cambios radicais e duradeiros. O seu repaso vale para avaliar tamén os liderados que agora se promocionan.
En Galiza, o novo ciclo político vai acompañado máis por remudas que por continuidades nos liderados. Continuidade exitosa no Partido Popular de Galicia que celebrou un congreso á búlgara para reforzar a Núñez Feijóo na súa condición de dobre presidente, do PPdeG e da Xunta de Galicia. Feijóo atribúese un liderado reformista, alentador de cambios moderados con impactos moderados, no partido, e unha acción gobernamental, concibida como un cambio conservador, suxeita ás restricións que a crise económica impón ás políticas públicas. Todo o que o engrandeza alén dos xestores ou dos reaxustadores será a beneficio de inventario do PPdeG.
Tras a derrota do 1-M, BNG e PSdeG víronse obrigados a prescindir de liderados longamente traballados para abrir procesos de relevo con solucións nas que manda a provisionalidade. A Asemblea Extraordinaria do BNG enterrou os tempos do liderado carismático de Beiras ou da autoridade reforzada de Quintana para consagrar unha dirección colexiada e un portavoz nacional como primus inter paris. O PSdeG non escolleu liderado, simplemente abonouse ao único candidato practicábel, Pachi Vázquez, a quen ninguén, agás o seu círculo político máis próximo, lle atribúe maior futuro que protagonizar a travesía do socialismo galego polo deserto até que José Blanco estea en condicións de prover un liderado de maior alcance e ambicións.
Se o líder é a mensaxe, a mensaxe dos partidos da oposición é desalentadora. PSdeG acomódase a un liderado de reaxuste e o BNG estrea, de feito, un tempo de rexencia para procurar un novo líder. A solución é máis empobrecedora no que toca aos nacionalistas ao privarse de elixir un voceiro situado no grupo parlamentario, desatendendo unha lección que ao PSdeG lle levou unha década aprender: o Parlamento é o principal sementeiro de liderados e fóra da cámara a promoción de liderados realmente competitivos é unha operación de altos custes e poucas posibilidades de éxito. Así as cousas; será ben difícil que os cidadáns respondan ilusionadamente aos diálogos que o BNG e o PSdeG lles ofrecen, malfadadamente o dobre presidente será tamén o líder de audiencia.
Tempos Novos # 145
Sem comentários:
Enviar um comentário