18/06/2009

A outra conquista do pan

A euforia do gol de Villa foi encorada por unha atordante orquestra de buguinas. As do tráfico entalado por unha multitude tractora. Na tarde solleira, turistas e paseantes ociosos abraiaríanse bastante menos se no canto dunha marcha de tractores se tratase dunha columna de carros de combate. Por máis que se fale de que en Galiza o urbano se ruraliza para humanizarse e o rural se urbaniza para modernizarse, aqueles paquidermos mecánicos pertencen para a maioría dos urbanitas a un mundo alleo, distante cando non (pretendidamente) descoñecido.

No corazón da capital de servizos, onte os donos da circulación e da opinión pública eran os gandeiros. Abraio nas terrazas pero tamén aplausos espontáneos ao seu paso, comentarios favorábeis á xustiza das reivindicacións e sobre a desesperada conxuntura que sofren os nosos produtores de leite, tamén resignada paciencia de condutores e traficantes de pasaxeiros.


Desde a cabina da súa máquina, unha vella amiga da Curiscada dá explicacións a quen quere escoitala e achega algúns datos extremosos: «Hai gandeiros aos que se lle pagan a 13 céntimos o litro de leite, o que non chega para pagar a metade dos custes de produción». Alguén fixo apresuradamente as contas para comunicarnos que, mentres, «Cristiano Ronaldo cobra case 25 euros ao minuto, «incluídos os que pasa durmindo». As comparanzas son odiosas pero é o que nos queda. A Curiscada está satisfeita polo apoio masivo á mobilización que compensa moitas loitas dadas en solitario illamento: «Somos moitos, pero faltan bastantes, máis que nada os que lles pagan ben.»

Minutos antes, na feira do libro vello e de ocasión que conta os seus últimos días en Santiago, atopei unha vella edición de A conquista do pan de Kropotkin. Os John Deere e compañía, ao carón das casetas do libreiros, estaban bruando na rúa para facer saber aos transeuntes de que se trataba precisamente diso, da conquista do pan e da defensa do leite. O príncipe anarquista aplaudiríaos solidariamente. É cousa que saiban que somos outros moitos os que estamos con eles.



Fonte: Vídeo de Vieiros e Isabel G. Couso que reproduce Público.

Sem comentários: