En 1948, Steinbeck publicou A Russian Journal [Viaje a Rusia, Unisón Ediciones, 2005]. Antes o autor de As uvas da ira tivo que empregarse a fondo cos responsábeis do consulado soviético en Nova York. O visado de Steinbeck chegara nun prazo razoábel de tempo, o de Capa facíase preguizosamente de rogar. O cónsul resistíase a que un estranxeiro fixese a reportaxe gráfica habendo tan bos fotógrafos na URSS. A razón, en realidade, era outra que axiña se desvelou: o medo a potencia demostrativa da imaxe, o poder revelador dunha cámara de fotos. Un Steinbeck sorprendido deixou anotado na súa reportaxe:
Había certa reticencia en deixar entrar que entrase un fotógrafo na Unión Soviética, e ningunha en deixarme entrar a min, e pareceunos estraño, porque a censura pode controlar unha película, pero non pode controlar a mente dun observador.A revolta verde iraniana ratifica, outra volta, que os medios máis clásicos son os máis doados de coutar pola censura. Segundo o Instituto Internacional de Prensa, desde o domingo pasado someteron a cerco aos corresponsais internacionais, impedindo o acceso de xornalistas e reporteiros gráficos ás zonas onde se concentraban os opositores, e as autoridades impuxeron igualmente o seu control sobre as conexións de telefonía fixa e radio.
As ferramentas das redes sociais, twitter, twipic e youtube, abastecidos por teléfonos móbiles, as sms e os blogs compoñen o arsenal co que a disidencia se opón á mordaza ao tempo que materializa a socialización do cuarto poder. Son incómodos artefactos da liberdade de expresión tanto ou máis que a cámara de Robert Capa.
Aos inventores do correo electrónico e do teléfono móbil, Tomlinson e Cooper, dánlles o Premio Principe de Asturias de Investigación Científica, seguro que nunca aspiraron a tal cousa, certo tamén que endexamais pensaron que as súas ocorrencias ían converterse en tarecos libertarios nas mans de multitudes insurreccionadas contra toda forma de control autoritario e a mentira.
Sem comentários:
Enviar um comentário