02/06/2009

Acordar da crise

O «Convivio» de Letras libres do mes de maio, A derradeira cea do capitalismo, axunta seis lecturas moi proveitosas sobre a crise económica que nos abanea de xeito inmisericordioso. Aquí cómpre lembrar a sabia cita coa que Jorge Suárez-Velez inicia a súa achega: «Din que unha crise non termina até que se aprende dela.» Unha convivencia de ideas de interese para saber da crise, as súas explicacións e o deseño de alternativas. Lecturas para acordar da crise e iniciar novos soños.

Clásicos. Na idea de contribuír á creación dun mundo económico máis decente, o Nobel de Economía de 1998, Amartya Sen, fai revisión desacomplexada dalgúns clásicos (Smith. Keyness, Cecil Pigou...) e desanobela algunhas reflexións ao redor de tres preguntas chave: 1) Necesitamos de verdade un «novo capitalismo»?; 2) Que nos di a crise actual sobre as institucións económicas e as prioridades debemos atender?; e 3) Como saír da crise co menor dano posíbel?

Evasivas. Ramón Cota Meza, comentador político de El Universal, destrama as evasivas que os publicistas neoliberais tecen ao redor da responsabilidade da crise e que Amartya Sen resumiu con precisión: «Algúns defensores do capitalismo salvaxe que se resisten a cambiar están convencidos de que o capitalismo está a ser culpado en exceso por problemas económicos a curto prazo, problemas que atribúen ao mal goberno (por exemplo por parte da administración Bush) e ao mal comportamento dalgúns individuos.» Cota non acredita nas brétemas esculpatorias e conclúe que «a crise foi provocada por mecanismos de mercado, máis que por interferencia política» e anima a asumir a que considera unha decisión inevitábel: «nacionalizar os grandes bancos, sanealos e vendelos».

Retranca. Hans Magnus Enzensberger compón un irónico alfabeto da crise que é un feliz antídoto fronte á verborrea estupefaciente do mundo financeiro. E, entre outras, ofrece un enxeñosa definición para a alternativa sinalada por Cota Meza. «Nacionalización: ideal dos partidos comunistas que os grandes bancos anhelan con fervor».

Razóns. O analista económico da CNN, Jorge Suárez-Velez, debuxa a crise como unha tormenta perfecta na que confluíron cinco malfadadas circunstancias: 1) que a economía mundial viñese dun período de crecemento económico enganoso pola súa delongada duración. 2) A gradual perda de blindaxe da fronteira entre a banca de depósito e a banca de investimento, o que favoreceu que os bancos comerciais se sumasen a unha carreira de máis risco. 3) A incorporación de China á economía mundial que xerou incontábeis mitos e expectativas fantásticas. 4) A capacidade de resistencia que o mercado inmobiliario demostrara con anterioridade cando o estoupido da burbulla das puntocom no cambio do século. 5) A arrogante certeza desenvolvida polas autoridades e Wall Street de que se contaba con ferramentas infalíbeis para manexar o risco.

Distopía. Seguindo as pegadas de John Gray, David Rieff salienta a migración do pensamento utópico desde a esquerda á dereita. No pasado, os relatos de progreso ocupaban o centro do socialismo; tras a revolución neoconservadora de Ronald Reagan foi a dereita a que se convenceu da utopía (mellor dicir distopía) dun capitalismo desregulado, onde o Estado permitía con gran (neo)liberalidade que os mercados financeiros establecesen as súas propias normas de xogo. Rieff sacódelle o po ao «credo Kudlow», denominado así por Larry Kudlow, o influente presentador da CNBC, que comezaba o seu programa coa seguinte ladaíña: «Cremos que o capitalismo de libre mercado é o mellor camiño cara á prosperidade.» Rieff remata apuntando que nos centros neurálxicos del neoliberalismo engorda unha crise cultural desatada polo colapso financeiro e que da súa man «o socialismo está de regreso», ao tempo que tamén retorna «o fascismo como desgraciadamente pode comprobar quen invista máis de cinco minutos en Fox News».

Previsións. O talentoso Geoff Mulgan, presidente da Young Foundation, interrógase tamén sobre o que virá, ou podería vir, tras o capitalismo. A sonada frase de Marx –«Todo o que é sólido esvaécese no ar»– cobra unha renovada actualidade tras o crash e a creba dos padróns do neoliberalismo. Para a súa idea, no futuro «o capitalismo non dominará a sociedade e a cultura no mesmo grao en que o fai hoxe» e suxire que «o capitalismo pode converterse nun servente e non nun amo» e que a nova orde económica estara modelada decisivamente pola tripla presión da ecoloxía, a globalización e a demografía. Recomenda a urxente lectura dos traballos da economista venezolana Carlota Pérez sobre os padróns a longo prazo do cambio tecnolóxico e estima que a crise está abrindo un grande espazo político que, de xeito inmediato, «se encherá de ira, medo e confusión» e que a longo prazo poida que «se preencha cunha nova visión do capitalismo e as súas relacións coa sociedade e a ecoloxía, unha visión que será máis clara no referido a canto queremos medrar e canto non».

1 comentário:

Nygard disse...

Obrigado polo post. Lin o de Sen e o de Mulgan. Gostei máis do primeiro pero os dous son ben interesantes.

Ante iso, cabería pensar que demo pasa na Europa.