Nós, cidadáns do mundo, declaramos a nosa interdependencia como individuos e membros de comunidades e nacións distintas. Comprometémonos a ser cidadáns dunha única cidade-mundo, cívica, civil e civilizada. Sen prexuízo dos bens e intereses da nosa identidade nacional e rexional, recoñecemos a nosa responsabilidade para cos bens comúns e as liberdades da humanidade no seu conxunto.Ironías do almanaque, o pasado 25 de xuño Benjamin Barber ocupaba a «Contra» de La Vanguardia e os xornais do día facíanse eco de dúas iniciativas lexislativas situadas nas antípodas do seu pensamento. Dunha tirada o Parlamento do Estado chapodaba a xustiza universal e aprobaba unha tímida Lei de Asilo.
Hai xa un bo tempo Noam Chomsky escribiu:
O principio de xustiza universal ten que ser o principio que regule as relacións entre os seres humanos no novo século que comezamos. De feito, a única posibilidade real e efectiva de xulgar os horrendos crimes contra a humanidade e evitar a impunidade dos máis grandes criminais da historia, é acudir ao principio de persecución universal dos delitos.Cando nos encamiñamos cara á fin da primeira década do século XXI, neste curruncho da humanidade alguén decidiu iniciar a marcha no sentido contrario. En Disparando aos reloxos reflexiono sobre o malfadado convite á impunidade que representa o rebaixamento das competencias dos xuíces do Estado para perseguir as violacións dos dereitos humanos.
As pexas da nosa política de asilo xa foron anotadas con intelixencia por Javier de Lucas, presidente do Comité Español de Axuda aos Refuxiados. A nova Lei de Asilo e Protección Subsidiaria é bastantemente menos avanzada que as existentes noutros países da nosa contorna, Francia sen ir máis lonxe. Máis que unha porta aberta consagra unha porta entornada.
Os monstros que xestionan a máquina do horror e o terror bailarán de ledicia: grazas ás nosas leis as vítimas non só estarán máis desprotexidas fronte aos seus desmandos senón que ademais terán menos facilidades de escapatoria. Todo apunta a que se achegan malos tempos para a política da liberdade nos países economicamente máis desfavorecidos.
Sem comentários:
Enviar um comentário