23/06/2009

Xornalistas en tempos revoltos

A revolta verde está revolucionando tanto Irán como o mundo da comunicación. Xa ten ocorrido noutros momentos, é en situacións extremas onde as redes e as ferramentas de información social revelan con maior impacto todo o seu potencial e contribúen a proactivar multitudes (máis) intelixentes, informadas e dispostas a actuar contra os abusos de poder. Ao redor das infotecnoloxías sociais multiplícanse ilusións e desconfianzas xa que son tan susceptíbeis de manipulación e utilización oportunista como eficaces na propagación de verdades silenciadas e un catalizador viral da mobilización política, social ou cultural.

Na súa edición de hoxe Público imprenta unha contundente sentenza de Simone De Beauvoir que serve para balizar, con pesimismo, os entusiasmos: «O poder non tolera máis que as informacións que lle son útiles». Na veciña «Merienda de medios», Juan Carlos Escudier reproduce estoutra reflexión, aparecida en El País, de Enric González sobre quen determina a relevancia dunha información: «O problema, agora, consiste en que o "valor informativo" decídeno outros.» Outros que, na actualidade, son plebeos consumidores de información que aspira a empoderarse e empoderar a outros con información libre e non os todopoderosos patricios do cuarto, primeiro ou segundo poder. No ollo do turbillón, como sempre, xornalistas cada vez máis orfos de certezas e receitas.

Por causa da presentación de De A para X e da estrea da instalación que sobre esta obra armaron Isabel Coixet e Benedetta Tagliabue, John Berger concedeulle unha entrevista a Marta Cervera na que, entre outras cousas, reflexiona, á sombra dos cambios que opera o mundo da información, dos xornalistas: «Sempre haberá bos xornalistas, xente que se preocupe de ver e mirar máis aló do estereotipo. Xente que tente ser fácil de ler pero que non caia na simplificación, algo difícil pero posíbel. O bo xornalista é o que non só informa senón o que te conecta coa historia máis aló do inmediato dun suceso, o que o pon todo en perspectiva.»


As palabras de Berger parcelan un nicho de prestixio para a actividade xornalística do que non poden ocuparse as multitudes en marcha cos seus móbiles e cámaras dixitais. Supoño que a conexión coa historia, a apertura da perspectiva e escribir fácil de ler sen caer na simplificación son, e seguirán sendo, os territorios nativos do xornalismo de calidade.

Sem comentários: