07/08/2008

Billas e tubos de pasta

Segundo a información de Público, Galiza é, xunto con Andalucía, Cataluña e Cantabria, unha das comunidades ás que os gobernos de Rodríguez Zapatero transferiron maior número de competencias. Na extrema oposta das marcas, Euscadi e Navarra que, desde 2004, non coñeceron ningún traspaso competencial.

Nunha escea de O derradeiro emperador, un feroz inquisidor dá conta a Puyi da existencia de dous tipos de persoas: as que son como billas e aquelas que son como tubos da pasta dentífrica. Para arrincarlle unha confesión, aos primeiros dille que basta cun único golpe para que deiten de seguido toda e canta información se desexe. Os interrogados que son como tubos de pasta requiren, moi ao contrario, dunha presión continua para que revelen a información celosamente gardada.

A comparanza vale para esclarecer o comportamento diferencial dos procesos de transferencias. Hai procesos-billa en Cataluña e Andalucía, procesos-tubo de pasta de dentes como o de Galiza, onde os avances progresan sobardando a lentitude dunar que impón o MAP, e procesos nos non hai vontade ningunha nin de abrir o tubo nin de darlle unha volta a billa como é o caso de Euscadi.

No limbo das xustas transferencias súmanse trinta e sete competencias exclusivas que levan trinta anos agardando pola súa graciosa cesión ao goberno de Vitoria. Estando así as cousas, é doado concluír que a blocaxe institucional do desenvolvemento do Estatuto de Gernika é unha peza máis na estratexia de asedio e isolamento imposta ao Goberno Vasco desde o lanzamento do Plan Ibarretxe en 2003.


Mentres, Rodríguez Zapatero non se cansa de rexeitar toda iniciativa de Ibarretxe, lembrándolle que, primeiramente, ten que aceptar as «regras do xogo democráticas». Á vista dos números rexistrados, a xeometría das regras de xogos é ben variábel e ten unha cambiante e diferente apertura e caudal segundo os xogadores sexan uns ou outros.

En realidade só hai unha regra que vale se non es un incondicional seguidor monclovita: apertar o tubo até que salte o tapón e deite todo o que en xustiza corresponde. Xa o dicía Saint-Exúpery, «na vida non hai solucións, senón forzas en marcha. É preciso crealas e as solucións veñen.» É a presión e non a submisión, son as forzas en marcha as que converten, finalmente, os tubos de pasta en billas.

06/08/2008

Prensa amiga, inimiga e veraz

Unha cínica pero lúcida sentenza do pasado século establecía que a Prensa estaba para apoiar aos amigos, afundir aos inimigos e dicir a verdade en todo os demais casos. O actual código de circulación da información e da opinión segue a respectar escrupulosamente estas normas de conduta.

Houbo un tempo en que un dos deportes máis habituais dos cidadáns escépticos consistía en ler en paralelo El Mundo e El País para reconstruír dúas visións de calquera feito nas que era practicamente imposíbel atopar puntos de coincidencia.

O irresistíbel ascenso mediático de Losantos na COPE moveu o marco informativo alén do delirio pero non contribuíu a maiores coincidencias entre os dous grandes medios, aínda que si permitiu ao ABC afianzarse como unha opción informativa conservadora máis equilibrada ou menos desquiciada.

Libertad Digital
tivo un efecto deshinhibidor que a dereita situada máis alá da dereita aproveitou para verificar que en democracia a mala baba non ten cancelas e que a xustiza é vesga, razón pola que só se perseguen determinadas narracións apoloxéticas da violencia ou determinadas difamacións da intelixencia.

Pola súa parte, como o seu contrapunto informativo, El Plural, dirixido por Enric Sopena, naceu para certificar que non hai nada máis parecido a un bobo de dereitas que un bobo progresista e que, se nos despistamos, de tanto combater ao monstro remataremos por ser como o mesmo monstro.

Non por ampliar o relatorio de medios atoparemos moitos exemplos que se arreden da sabida máxima de apoios incondicionais aos amigos, bombardeo en alfombra para os inimigos e ponderadas verdades para todos os demais se queda oco.

A aparición da Sexta e de Público, trabadas con madeira de Zapatero segundo os seus detratores, mudou parcialmente o estado das cousas das relación do Poder coa Prensa, ampliando a autonomía presidencial respecto do complexo comunicacional-cultural ideado por Polanco-Cebrián e multiplicando, consecuentemente, as incomodidades mercantís de PRISA.


Distensión mediática


Á prensa séntanlle ben os períodos de distensión política. Ao minguar a polarización amigos-inimigos queda maior espazo para dicir a verdade de todos os demais, xa que, fóra deses excepcionais momentos, o trastorno bipolar rexe o xogo político do Estado e abafa calquera posición de matiz. O XVI Congreso do Partido Popular representou un significativo avance para cancelar as políticas de crispación e para alentar tamén un clima de distensión mediática e confrontación ideolóxica máis morna.

Hai pouco máis dun ano, cando o pasamento de Jesús de Polanco, Jorge Semprún resumiu con intelixencia medida a súa grande obra: «Conseguiu crear un grupo de prensa potente, independente e autónomo, que soubo manterse fronte, ao lado, en contra, pero nunca dominado por ningún grupo político.» Semprún puido dicir máis: construíu un grupo e comunicación que, á parte de estar fronte, ao lado e en contra, tamén tivo debaixo a algún que outro goberno e que tivo detrás a outros máis. Hoxe ten que contentarse con situarse ao lado, pero non por riba de Zapatero.


O novo rumbo que Mariano Rajoy tenta dar ao Partido Popular axuda a desactivar o clima de guerra fría mediática e é, parcial e serodiamente, unha resposta en positivo á demanda que o finado Polanco fixera no seu día sobre a necesidade de poder contar cun partido «de dereitas e laico», que PRISA apoiaría «porque é o que fai falta [en España]». En apenas un ano, o Partido Popular pasou do boicot a antesala do abrazos e, se Rajoy é quen de dar cumprimento a súa política de liquidación da herdanza aznarista, estarían logradas as condicións para recuperar o favor e ser tratado como amigo ou case-amigo por PRISA.

Na mesma dirección, hai cada vez máis indicios de que PRISA anda a procura dunha maior centralidade política, á busca dunha equidistancia virtuosa respecto de Ferraz e Génova, o que contibuiría a modificar substancialmente a nosa cartografía mediática.

Os rastreadores non se cansan de medir milimetricamente os distanciamentos tan críticos como elásticos de El País respecto de Ferraz e A Moncloa. Cada crítica provoca a inmediata contraofensiva de Público para evidenciar as incongruencias ou falla de memoria de PRISA, aínda que iso o leve, non poucas veces, a visitar a hemeroteca de El Mundo.
Na actualidade, PRISA non quere ser un medio incondicional do Presidente e do seu Partido, réinalle con ser leal e moderadamente crítico.

O último cuadrimestre será decisivo para ver como sedimentará o seu cambio de posicionamento. Non é previsíbel que se produza un envocarmento drástico no seu sistema de preferencias, de modo que seguirá habendo amigos, inimigos e indiferentes, pero amigos e inimigos serán, cada vez máis, obxecto de críticas cómplices: serán loados polos acertos, aguilloados polos seus desacertos e aconsellados cando non saiban se subir ou baixar. Teño para min que, se prevalece a intelixencia, será sobre a base da crítica cómplice sobre a que se afiancen as novas relacións da voz máis poderosa do cuarto poder co Partido Popular e o PSOE.

05/08/2008

Macbeth na Moncloa

A crise económica, si; pero non só a crise económica. O Goberno do Estado e o seu partido enfróntanse tamén a unha crise de credibilidade e a estratexia, que inauguraron tras as eleccións do 9-M, rende resultados negativos que tamén explican o empate técnico entre o PSOE e o Partido Popular que rexistra ameazantemente a última enquisa do CIS.

Non é unha lei de bronce infalíbel pero os cidadáns adoitan a xulgar os gobernos polo que estes lle poñen no prato. E o gabinete de Rodríguez Zapatero non poderá superar doadamente esa avaliación por parte duns cidadáns educados (economicamente) para seguirlle a pista ao euribor, ás taxas do paro e ao ipc como indicadores supremos de bonanza económica.

O verán anuncia un outono quente e un inverno económico de longa duración. A crise económica, antes negada, ocupa agora o centro da axenda de preocupación cidadáns e neste punto mesmo coinciden a axenda mediática e a da clase política.
O cambio de ciclo económico chama tamén por unha radical mudanza dalgunhas das políticas animadas polo PSOE tras o 9-M, aínda que no horizonte non hai propósito de emenda ningún.

Fin do talante, recuperación do background do felipismo

ZP 1.0 deseñouse combinando ingredientes pouco usados na botica política do felipismo: unha abondosa camada de sensibilidade pluralista, mesturada con diálogo como cemento das políticas de alianzas; reforzábase a credibilidade con doses de autocrítica para facer máis atractivos os compromisos e os seus resultados limitados; e patrocinouse unha axenda atenta aos valores e ás preocupación sociais emerxentes. Etiquetouse todo coa marca de Talante e o seu principio activo era, simplemente, non facer o mesmo que o Partido Popular.

ZP 2.0 ármase agora con outro tipo de compoñentes, unha boa parte deles testados, con desigual fortuna, durante a era felipista. A planta do partido é a planta do Estado. O Estado é unitario e o goberno é a súa expresión, o PSOE debe ser un actor político unitario supeditado ao presidente Zapatero. Un partido total que ocupa discursivamente todo o espazo progresista e apenas deixa marxe para ningunha esquerda practicábel. En breve, impulsarase un rápido tránsito do ao buenismo progresista ao estatalismo responsábel –un clásico do felipismo–, o retorno a un principismo estatalista como fundamento de toda realpolitik.


Sen rodillo parlamentario e sen sinais manifestas de corrupcións maiores pero coas tentadoras prepotencias en alza, o PSOE tira de presidencialismo, de empate coa monarquía e de representación da estabilidade institucional como bazas adicionais para deixar atrás as proclamas do socialismo inxenuo de ZP 1.0. ZP 2.0 é un produto máis maduro que leva camiño de parecerse moito ao Terceiro Felipe, o do ensimismamento gobernativo.

E a crise será a coartada (resignada ou perfecta, pouco importa) para aminorar os contidos sociais que aínda restan do proxecto ZP 1.0 e, a pouco que apuren as circunstancias, nada importará, outra volta, se o gato é branco ou é negro mentres cace ratos. Moito terá que empregarse a factoría de Caldera para que a política de valores non derive cara a unha desvalorización da política.


Deixar sen argumentos ao PP


Na actualidade, a maior parte dos esforzos comunicacionais e politicos do PSOE diríxense desmantelar de vez os enmarcados políticos do Partido Popular na pasada lexislatura. Trabállase contra a vella axenda discursiva dos conservadores: «España se rompe», «Complicidade e brandura policial fronte ao terrorismo», «Goberno refén dos nacionalistas», «Non pintamos nada en Europa» e «A crise xa está aquí».

De aí a transubstanciación da España plural na proclamación dun Goberno de España receoso á hora de modificar a xeopolítica tradicional do socialistas: nin bilateralismo, nin novos avances nos autogobernos, e peche autonómico sobre o basal de consenso callado en Andalucía e Valencia co Partido Popular.

Para evitar síndromes de Estocolmo con altos custes electorais pasouse dunha política de alianzas aberta aos nacionalistas e á esquerda a unha estratexia de soidade parlamentaria co que se conta poder desfacerse da idea de ser un partido con ataduras, principal escollo para lograr unha futura maioría absoluta. No fondo, hai tamén unha decidida aposta por un sistema político de 2 forzas substanciais (PSOE-PP) e un resto marxinal de forzas nacionalistas: isto é, aspírase á simplificación extrema do modelo que Felipe González e Manuel Fraga construíron nos anos oitenta e prorrogaron até mediado dos noventa. Bipartidismo sen turnismo que se podía garantir grazas á crise de liderato e de proxecto do Partido Popular, e que a remontada de Mariano Rajoy pon agora dramaticamente en cuestión.

A política do diálogo deu paso á asunción entusiasta das políticas policiais para enfrontar o problema da violencia en Euscadi. A renovada fe policial retroaliméntase coa exitosa cazata da cúpula etarra e o esborrallamento político da esquerda abertzale. Bambi exerce agora como un desapiadado Pokemon policial para facer valer o imperio da lei. O saldo élle grandiosamente beneficioso e se vai ben non hai nada que cambiar segundo reza o credo conformista de Ferraz.


Para facerse valer en Europa, ouvear como se estivésemos en terra de lobos: devaluar un pouco máis a Europa Social e apostar pola estabilidade, o control e a seguridade fronte ás liberdades. Se, finalmente, Obama gaña haberá que gastar esforzos e simpatías para restablecer o vencello transatlántico. Con McCain, pois o mesmo: hai que facerse querer novamente polo amigo americano. Sarkozy sinala o camiño que Zapatero está desexando seguir.


A estratexia do camaleón


Agás no tocante á crise, todos os enmarcados fortes do Partido Popular foron maiormente desactivados. Daquela porque recupera crédito cidadán o Partido Popular e o perde o PSOE? En gran medida por que neste proceso o PSOE, nunha sorte de camaleonismo estratéxico, non recorreu a políticas públicas alternativas e optou simplemente por apropiarse das políticas de firmeza do Partido Popular. O principio activo de ZP 2.0 é facer o mesmo que o PP pero con formas diferentes. Como o camaleón, adóptanse as cores da contorna pero non as formas. Dúas reservas: non anunciar políticas de carestía e axuste duro fronte á crise [de momento] e intensificar unha política de valores de baixo custe; é dicir, políticas de valores con cargo aos cidadáns e non as arcas do Estado. Poden facer o mesmo pero mellor que o Partido Popular, é a única lección en limpo que se pode tirar dos 100 primeiros días de glorias gobernamentais do novo executivo.

E esa estratexia de apropiación e substitución xunto co retorno aos consensos dos dous grandes son as vías privilexiadas para manterse na cima da columna do Poder. Unha política de consensos que serve para afianzar a imaxe do Partido Popular como un partido máis de complemento que de oposición e para adocenar o cambio de orientación estratéxica do propio PSOE.


Non son consensos obrigados polas debilidades do PSOE, son consensos libremente promovidos e dirixidos a debilitar a capacidade opositora do Partido Popular, facendo, con menor crispación e rexeitamento social, as políticas autonómicas, xudiciais e de loita antiterrorista esixidas polos conservadores. A estas alturas, Mariano Rajoy xa estará reparando na difícil convivencia consensual que lle ofrece Zapatero.


A gaiola de Macbeth


Alberto Manguel
no seu Diario de lecturas anotou: «Don Quixote sabe que os seus actos terán consecuencias aínda que estas permanezan invisíbeis para el. O dilema de Macbeth é que quere actos sen consecuencias: a única imposibilidade real.»
O PSOE atoarse no mesmo dilema que Macbeth, forzou un radical cambio no seu posicionamento crendo que non ía ter consecuencia negativa ningunha.

A estratexia de clonación amábel das políticas conservadoras baleira de confianza as propostas do PSOE; o seu soberbio isolacionismo e o seu camaleonismo político non son a solución e por iso devalúase gravemente a credibilidade do proxecto ZP 2.0. O presidente que proclamaba que non ía fallarnos, comeza a fallar e moito. A enquisa do CIS unicamente advirte de que se camiña cara un fallo xeral do sistema operativo de ZP 2.0. Zapatero como Macbeth pode dicir: «Non teño espora que aguilloe os costados do meu plan, senón só a ambición do salto que, ao lanzarse, sobe demasiado e cae do outro...» O maior perigo é, efectivamente, caerse polo outro lado.

01/08/2008

Detonacións

Hai unha sonada escena de Coa morte nos talóns na que Eve Kendall [Eva Marie Saint] dispara contra Roger Thornil [Gary Grant]. Na toma, á dereita e en segundo plano, un cativo tapa os ouvidos segundos antes de que se produza a detonación. O rapaz, canso de que se repetise a escena para coller a mellor toma, sabía de sobra o que ía acontencer. A lembranza cinematográfica vénseme aos ollos como reflexo da entrevista dos dous presidentes. Antes de que Pérez Touriño fixese público o seu histórico e glorioso balance da xuntanza, moitos xa se terán tapado os ouvidos, cansos de asistir a tan repetida a escena. A crónica da reunión bipresidencial que nos ofrece Pablo X. de Sandoval dá conta de todas as detonacións triunfalistas, limiar de xordeiras preventivas.

Primeira detonación: «Garantía plena». «Compromiso definitivo». Antes as garantías eran parciais e o compromiso provisorio?

Segunda detonación. Do horizonte [nunca alcanzábel por definición] de 2012 ao que AVE «poderá tocarse» en 2012. É tan tocábel agora como hai seis meses; é dicir, é igual de intocábel.

Terceira detonación. Licitar non é executar. Que se licite en 2009 é un requerimento que fai posíbel pero non garante o prazo de remate das obras da conexión coa Meseta.


Cuarta detonación. Amnesia total sobre os prazos do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e sobre a conexión Ourense-Vigo. Que razón hai para rebaixar o consenso acadado por PSdeG, BNG e PP no Parlamento de Galicia? Mantense este anuncio?


Quinta detonación. A Comisión de seguemento das obras do AVE son eu [Touriño] e Magdalena Álvarez e testemuña disparatada do diktak teléfonico de ZP («Zapatero se lo ha ordenado delante de mí»). Cunha periodicidade trimestral, tócalle unha ou dúas xuntanzas antes das eleccións galegas?


Sexta detonación. Enfatizar, até o delirio, o interese de Rodriguez Zapatero pola Alta Velocidade a Galiza. «Interese excepcional» en coñecer os pormenores e anuncio de visita a finais de agosto para «supervisar persoalmente a marcha do AVE». Que cambiou desde a última visitá ourensá?


Antes de que se iniciase a ráfaga triunfal moitos xa terán tapado os ouvidos. Bendita xordeira.

30/07/2008

Na senda dos elefantes

David Alandete asina unha información en El País sobre a política fiscal do senador e candidato demócrata sob o título «Obama propón un alivio fiscal para a clase media». Alivio fiscal é unha marca-idea rexistrada polos republicanos, un dos «enmarcados» máis exitosos do cerebro de Bush, Karl Rove.

En Non penses nun elefante, Lakoff debulla interpretativamente ese enmarcado: «Cando á palabra fiscal se engade alivio, o resultado é unha metáfora: os impostos son unha desgraza, a persoa que os suprime é un heroe, e quenqueira que intente fréalo é un mal tipo.» Lakoff comprobou abraiado que a iniciativa de Bush-Rove resultou tan esmagadora que, finalmente, até os demócratas remataron por aceptar como propio o marco conservador. Hai así un enmarque interpretativo, hexemónico, que se multiplica e contamina todos os demais discursos sexan dos opositores ou dos mediadores sociais.

A noticia que nos achega David Alandete non fai logo referencia ningunha, en palabras de Obama, ao alivio fiscal, pero o enunciado do problema que se adianta no titular resposta paulovianamente ao marco conservador republicano. Sabedor deses perigos, Lakoff non deixa de insistir en que «os xornalistas teñen a obrigación especial de estudar o enmarcado e de aprender a ver a través de marcos motivados politicamente, mesmo cando eses marcos chegaron a ser aceptados como algo cotiá e como un lugar común.»

Hai lugar para o abraio? Son moitos cren que a obrigación especial dos xornalistas non é, en ningún caso, estudar os enmarcados senón simplemente reproducilos notarialmente. Por iso a recomendación de Lakoff repousa pracidamente no fondo das papeleiras da maioría das redaccións xornalísticas. Hai tempo que en moitos xornais se deixou de pensar no elefante para pasar a pensar como un elefante.
A senda dos elefantes é ancha e non é doado frear a marcha dos paquidermos.

18/07/2008

Mandela 90

Madiba cumpriu 90. E deles pasou 27 sendo o preso número 46664. Intelixencia luminosa e vontade inquebrantábel. «Todo parece imposíbel até que se fai» –deixounos dito. El aí segue, intentando facer imposíbeis como converter a pobreza en pasado; outros mentrestanto empéñanse en darlle un longo futuro.

17/07/2008

A roda do poder

Existen numerosos iesebenes sobre o Poder político e os seus usos e relacións, un amplísimo abano de páxinas que cobren desde as ciencias sociais e as memorias ao xornalismo ou á matinación ensaística; tamén na literatura de ficción é doado compilar un feixe de excelentes obras que debullan de xeito preciso como facerse co poder político, como mantelo e tamén como se pode derramar e perder de vez; ou onde se realizan precisas diseccións sobre a súa natureza, compoñentes, dinámicas e impactos.

Entre outras, a factoría literaria mexicana tennos achegado numerosos títulos que diagnostican as tramas do Poder ao que deu vida a Revolución de 1905 e o seu usufruto polo PRI. O xornalista, novelista e historiador Héctor Aguilar Camín entregounos, polo de agora, unha tríade de pezas imprescindíbeis nas que inspecciona as relación do Poder político co Poder do Petróleo (Morrir en el golfo); co Poder Mediático (La guerra de Galio) e do Poder Político coas súas propias vísceras (La conspiración de la fortuna).


Na exitosa e cinematográfica Morrir en el golfo, Anabela Guillaumin, esposa de Francisco Rojano Gutiérrez, un desafiante e emerxente dirixente priísta, ofrece unha fórmula para facerse oco na Columna do Poder: «Non fales de fracaso. Ti sabes como é a política. Vai e vén, é unha roda da fortuna [...]. Que é o fracaso político? É un pretexto para os pusilánimes. Un verdadeiro político non fracasa nunca, está sempre na xogada. É unha rolda da fortuna e o que importa é non soltarse. Ás veces estás arriba, ás veces abaixo. Pero iso non é o importante. O importante é seguir pegado a roda, manterse aferrado á roda. Non soltarse, carallo. Non soltarse.»


Mariano Rajoy, que tivo en Manuel Fraga a un dos máis insignes mestres na arte de supervivencia política en condicións electorais extremas, é un seguidor incombustíbel desta fórmula. Tras o fracaso do 9-M, aferrouse a roda e segue na xogada á espera de novas oportunidades. Esperanza Aguirre subestimou a súa impoñente capacidade de adherencia a máis mínima fibra de poder. Grande erro. Rajoy agarda agora a que o devalar da credibilidade de Zapatero e a agudeza da crise económica o coloquen novamente na crista da onda. Poucos, coma el, saben que a política vai e vén.

03/07/2008

Palabra sen dono

Na súa comparecencia forzosa para render contas da súa política fronte á crise económica, Rodríguez Zapatero deixou pasar unha inmellorábel ocasión para ser recoñecido como «o dono das palabras». Ese dominio verbal absoluto que permite atribuirlle ás palabras un significado cambiante, tuneado de acordo coas preferencias e caprichos, era un dos comportamentos políticos e mediáticos que máis engaiolaban ao finado Manuel Vázquez Montalbán.

Humpty-Dumpty


O texto fundacional desta estratexia comunicacional, como lle gustaba recordar a Montalbán, é o diálogo entre Alicia e Humpty-Dumpty recollido en Alicia a través do espello:
—Cando uso unha palabra –insistiu Humpty-Dumpty cun ton de voz máis ben desdeñoso– quere dicir o que eu quero que diga..., nin máis nin menos.

—A cuestión –insistiu Alicia– é se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.

—A cuestión –sentenciou de vez Humpty-Dumpty– é saber quen é o que manda..., iso é todo.
Agocharse das palabras

Onte ZP non se atreveu a exercer como Humpty-Dumpty para apropiarse da palabra «crise» e atribuirlle o significado que mellor lle petase nesta ocasión. Como xa fixo nun cínico adianto dominical en El País, negou a maior e proscribiu do seu vocabulario a palabra maldita. Se non a nomeas non existe. A mediados de xaneiro deste ano Rodríguez Zapatero sentenciou que falar de crise é «unha falacia, puro catastrofismo» e a súa actuación de onte escenificou, con menor credibilidade e capacidade de convicción, esa mesma mensaxe.

A psiquiatra Lydie Salvayre documentou entre os poboadores novos das banlieues parisienses o que é unha manifestación extrema de impotencia cognitiva: «O que máis me conmove dos mozos é que non teñen palabras, é terríbel; non saben poñer palabras ao seu desamparo.»


Para desconsolo do Presidente Zapatero a xente do común é perfectamente capaz de dar cunha palabra que identifica a situación económica que comeza a padecer. A palabra é crise.


Nin palabras, nin ideas


O que unha inmensa maioría dos cidadáns percibe, denomina e comeza a vivir como unha aguda crise das súas economías familiares converteuse onte grazas á impotencia cognitiva do Presidente Zapatero nun «axuste severo», nunha «tendencia á baixa», en «serias dificultades», nun «deterioro» ou «empeoramento», en «tempos difíciles e complicados»...


A comparecencia presidencial foi moito máis que un triunfo esmagador do eufemismo. George Lakoff, un dos actuais pensadores de maior crédito no PSOE, escribiu: «Cando pensas que o único que te falta son palabras, o que realmente te faltan son ideas.» A cruel lección é que Rodríguez Zapatero non foi quen de pronunciar a palabra crise porque carece de ideas para enfrontar a crise. Humpty-Dumpty seguro que sería moito máis audaz, falaría de crise que sería definida como «unha molestia livián, transitoria e necesaria para acadar maiores cotas de prosperidade, benestar e riqueza». Nin máis, nin menos.

30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.

26/06/2008

Simplicissimus


Wu Ming preséntanos as catro regras basicas do País Simple (e simplificado). Primeira Regra: Eliminar a dúbida. O País Simple é un país a priori. Segunda Regra: Reducir o mundo á verdade necesaria. X é sempre igual a X. O País Simple admite unha única identidade. Terceira Regra: Eliminar as minorías. No País Simple a democracia vai da man da maioría. Cuarta Regra: Eliminar a información. O País Simple só admite a tautoloxía.

Unha das consecuencias do proxecto ZP 2.0 quere ser a simplificación de España, o tránsito da España Plural á España Simple e a mudanza da esquerda plural na esquerda simple; ambas as súas simplificación son requerimentos necesarios para resolver a máis complexa alquimia política: pasar de ser maioría minoritaria a ser maioría absoluta.

Corremos o perigo de simplificar, pero as catro regras semella que están a tornarse nos piares comunicacionais do goberno do PSOE. [1] Non dubidaban cando afirmaban (hai tres meses) que non había crise nin agora cando se sostén que a cousa pinta fea e ben fea ou simplemente e cinicamente que é opinábel. [2] Teiman en reducir todas as alternativas á verdade necesaria: Eles gañaron as eleccións e o premio é gobernar, os demais non as gañaron (ou as perderon) e non poden condicionar a gobernalidade de ningunha maneira. Toda crítica é enterrada na lodeira da demagoxía. [3] O gasto en tensión bipartidista realizado na campaña electoral prosegue á procura da máxima simplificación e do descarte de forzas participantes nas decisións: hai unha maioría [minoritaria] e sobra cunha única minoría [a poder ser moi minorizada], as outras minorías [nacionalistas] non poden ser tomadas en conta. [4] Hai que adelgazar a información até deixala liofilizada cunha machacona repetición da mesma idea expresada en formas diferentes; eis é o cuarto esforzo supremo destes primeiros meses da nova andaina gobernamental. A idea é simple: eles son a forza do cambio, todo o demais é involución.

En medio de tanta simplicidade comeza abrirse paso unha evidencia: só cambiarán de estratexia se son forzados ao cambio. Sobra unilateralismo e falta concertación de políticas. A catálise innovadora do goberno de ZP e do PSOE está esgotada e as eleccións do 9-M non abriron un novo ciclo de reformismo forte, ao contrario, cancelaron o talante, o diálogo e a construción dunha maioría plural para a trasformación democrática do Estado e o avance político e social dos dereitos dos cidadáns. Camiño dos cen días non é que o programa sexa pobre, simplemente non hai balance. O único cambio é o triunfo dun transformismo baldeiro que conduce a ningures.

25/06/2008

O emperador

O emperador do mestre K. cumpre tres décadas. Escribiuno, catro anos despois do derrocamento do Rei de Reis, debullando testemuños para reconstruír un ecosistema político aleitado coas materias primas de toda autocracia: a discrecionalidade máis absoluta e a submisión máis extrema. «Engaiolábame a estrutura do poder autoritario e o seu funcionamento, e atopei no réxime de Haile Selassie e na forma en que funcionaba o seu pazo e a súa corte un exemplo fascinante de poder autoritario –confesoulle a Ricardo Cayuela Gally– fascinábame tanto ese tema porque en Polonia viviamos baixo un réxime autoritario e esas analogías de funcionamento parecíanme chocantes e clarificadoras a un tempo».

Biografía do poder absoluto


Guiado por Teferra Gebrewold, un antigo responsábel do Ministerio de Comunicacións durante o reinado do Negus, Kapuscinsky procedeu como un coleccionista desexoso de recuperar «cadros condenados á aniquilación para facer con eles a exposición da antiga arte de reinar»; nun «país en que se coñecían só os métodos máis crueis da loita polo poder».

Esa vontade restauradora da memoria deseña a trama fundamental da súa narración. Na súa cerna, o retrato de Haile Selassie reflectido nas voces dalgúns dos seus colaboradores máis directos: «Un personaxe simpático, un político perspicaz, un pai tráxico, un avaro patolóxico; condenaba á morte a inocentes e indultaba a culpábeis por simples caprichos do poder, sen máis: labirintos da política de pazo, ambigüidades, escuridade que ninguén é capaz de esculcar.»

Kapuscinski ofreceunos unha biografía do poder que desvelaba a natureza dual do Elixido de Deus: «Naqueles anos existían dúas imaxes de Haile Selassie. A primeira –coñecida pola opinión pública internacional– presentaba ao Emperador como un monarca talvez un tanto exótico pero valente, ao que caracterizaban unha enerxía inesgotábel, unha mente esperta e unha profunda sensibilidade; como o home que plantara cara a Mussolini, recuperando o imperio e o trono, e que se fixou o ambicioso obxectivo de sacar ao seu país do subdesenvolvemento e xogar un papel importante no mundo. A segunda imaxe –que ía formando gradualmente a parte crítica e, ao principio, pouco numerosa da opinión pública etíope– presentaba ao Monarca como un soberano capaz de facer calquera cousa con tal de manter o seu poder e, ante todo, como un gran demagogo e un paternalista teatral, que cos seus xestos e palabras enmascaraba a venalidade, a cerrazón e o servilismo da elite gobernante, por el creada e mimada.» Para recoñecer finalmente que «como adoita ocorrer na vida, ambas dúas as imaxes eran auténticas».

Contra a cancelación da conciencia histórica


Trinta anos despois, «Etiopía, o país da miseria máis espantosa e da ignorancia máis atroz» presenta unha fasquía callada de continuidades e rupturas: os derrocadores do León Triunfante de Xudá foron a súa vez derrocados, pero non houbo Restauración do pasado pero tampouco avances fundamentais que mellorasen un escasísimos logros da experiencia do socialismo (ir)real no Corno de África. Os «discursos cesáreos sobre o desenvolvemento» soan tan ocos como hai tres décadas; a miseria máis espantosa segue a gobernar a vida de millóns de persoas e a señardade polo Emperador non pasa do estampado das camisolas nas que compite con Bob Marley.

Resisten moitísimo mellor o paso do tempo as páxinas de Kapuscinski e axúdannos a emendar a súa diagnose sobre a obsolescencia prematura da prosa xornalística e a necesidade «ensaificación» para superar o seu esgotamento inmediato: «A capacidade de retentiva do home é cada vez máis escasa. Hoxe asistimos á desaparición da conciencia histórica. A historia substitúese polo collage. As xeracións en proceso de maduración a penas saben o que ocorreu hai vinte anos. Este é un fenómeno enteiramente novo. Esa ruptura co pasado suxire a pregunta de como escribir con este transfondo para que ao día seguinte non se converta en papel de refugallo. [...]. Como evitar que a propia escritura se volva obsoleta tan rapidamente?» En O emperador atopamos un excelente manual de estilo para superar a desmemoria e a escrita con data de caducidade inmediata.

19/06/2008

Decisións infames

Malos tempos para a lírica comunitaria europea. Pouco crédito fica das promesas maximalistas para a construción da Europa Social. Encánanse iniciativas que nos abanean entre o abraio e o noxo. Ampliación das xornadas laborais ás 65 horas; fiscalización rexistral dos blogs e a xa bautizada como a Directiva da Vergoña que vén consagrar unha infame vulneración dos dereitos dos inmigrantes.

Europa enrócase cunha norma que permite aos Estados membros reter aos inmigrantes á espera de expulsión, incluídos os menores, en centros de internamento até un máximo de 18 meses e que, tamén, prohibe volver á UE durante cinco anos a calquera inmigrante que sexa expulsado dun Estado membro. Como ben evidenciaron Delors e Rocard non deixa de resultar preocupante que «o primeiro proceso de codecisión sobre inmigración sexa un proxecto ligado á represión, antes de que as condicións de acollemento e de integración dos estranxeiros non comunitarios». A proposta chega cando aínda está quente o estrepitoso fracaso do Cumio da FAO sobre a fame no mundo, un dos catalizadores fundamentais das ondas migratorias desde o Sur Global.

Os eurodeputados do Partido Socialista (agás excepcións: Borrel, Obiols e Grau) aplaudiron da Directiva, bendicida tamén polo Goberno de España, aínda que esta é unha emenda á totalidade dos valores e dos novos dereitos cos que se adornan electoralmente. Triste de asombrar que se entenda que hai que apoiar a Directiva por ser «un avance na creación dunha política de inmigración común». É unha mala política común e tamén unha brutal recuada no respecto aos dereitos fundamentais das persoas inmigrantes ademais de ser unha vítoria dos peores postulados da máis resesa dereita. Semellante xiro copernicano respecto das políticas inmigratorias rebaixa a credibilidade do proxecto Zapatero 2.0 e a confiabilidade na súa política de valores.

Avaliando as enquisas sobre a mantenza de valores racistas e sexistas realizadas por WorldPublicOpinion.org, Peter Singer deixou unha achega sobre a asunción falsaria de certos novos valores: «Isto pode significar que as enquisas [...] indican non unha igualdade xeneralizada senón unha hipocrisía xeneralizada. No entanto, a hipocrisía é o tributo que rende o vicio á virtude, e o feito de que os racistas e os sexistas deban pagar este tributo é sinal de que algo se avanzou moralmente. As palabras teñen consecuencias, e é probable que o que unha xeración diga pero non crea verdadeiramente, a próxima si o crea e mesmo actúe en consecuencia. A aceptación pública das ideas é en si mesma un tipo de progreso, pero o que realmente importa é que xera presión que se pode utilizar para obter avances concretos.»

A Directiva da Vergoña evidencia, malfadadamente, un cambio de rumbo: nesta Europa sen proxecto social xa non hai lugar nin para a igualdade xeneralizada nin para a hipocrisía xeneralizada. Acabaremos tendo señardade daquela Europa de dobre rexistro moral xa que a que agora se nos anuncia é simplemente infame.

18/06/2008

De redes e nacións


A oito mans, David de Ugarte, Pere Quintana, Enrique Gómez e Arnau Fuentes, traballan na redacción de De las naciones a las redes, un ensaio sobre o declive das nacións como formato de construción identitaria e a emerxencia de novas identidades nacidas da redes virtuais. Tendencia que se expresa con crecente forza sendo cada vez máis as persoas que desenvolven a súa vida económica e social sobre a base de novas comunidades on line.

A tese nuclear da obra é que a globalización e o desenvolvemento das TIC favorecen a o tránsito «dunha sociedade de economía e comunicación descentralizada –o mundo das nacións– a un mundo de redes distribuídas», fenómeno que ten como consecuencia que cada vez sexa menos doado para as persoas identificarse en termos de nación. Auguran os autores que «por iso aparecen novas identidades e novos valores que a longo prazo acabarán superando e subsumindo á visión nacional e estatalista do mundo».


A lectura que nos propoñen desta megatendencia é tan brillante e suxestiva que ben pode agochar outra tendencia non menos relevante: as nacións que non se arquitrabaron na existencia dun Estado, as nacións dos pobos sen historia (que diría Hegel) atoparon na rede un recurso para a expresión, normalización e constución do seu autogoberno (virtual) e identidade.

O imaxinario actual de moitas nacións, no dealbar do século XXI, estase a construír na Rede e tamén en rede. O espazo político-cartográfico de Galiza é un, pero existe unha Galiza extensa da que xa nos falou Castelao que sobarda as fronteiras autonómicas do noso autogoberno actual e que amplía horizontes nos territorios da Gallaecia e dos galegos na diaspora e a emigración. Así calla vagorosamente unha Galiza Global que ten por referencia un espazo social, económico, cidadán, territorial e cultural que sobarda os lindes do mapa de Fontán.

Esa Galiza, tan planetaria como difusa, anoda ligazóns a través da Rede e faino, en moitos casos, con claves identitarias e de normalización lingüística e cultural máis sólidas, sustentábeis e solventes que a Galiza off line. Tan reais como os neonomades dos que nos falan Ugarte et alii son os neocidadáns dixitais que se identifican e se autodeterminan como nación na Rede. Os librepensantes de Luzes de Galicia deixaron escrito que Galiza ben pode desaparecer. Na Galaxia Gutenberg e na Galaxia McLuhan esa ameza era / é moito máis preocupante que no mundo global da Rede. Ou cando menos así aparenta.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

05/06/2008

O no do aforcado


En A gaiola aberta, Roger Bartra identifica os tres lastres que pexan as tentativas modernizadoras da dereita en México: o integrismo católico; o enxalzamento dunha identidade nacional deformada; e os vencellos cos sectores máis tradicionais da economía. Diagnose tamén aplicábel a outras dereitas máis próximas xa que como subliña Bartra «hai moitos que cren que a definición mesma de dereita baséase neste nó de tradicións, e que se se desata estragarase a posibilidade de definir este espazo político na idea de que «unha “dereita moderna”, libre destas ataduras, sería un absurdo».

Integrismo católico, uniformismo españolizante e inmobilismo especulativo nos mercados son os tres cabos que forman tamén o nó de aforcado que encora ao Partido Popular. O seguidismo do programa COPE, a sacralización do unitarismo estatal e Pizarro como homo oeconomicus son a fórmula fracasada o 9-M. Mariano pode gañar o Congreso pero resulta moito máis dubidoso que a dereita sociolóxica se alivie significativamente deses tres compoñentes ultraconservadores nos que macera desde o 2000. O cisma entre o PP-liña Rajoy e unha parte do seu zócolo socioelectoral é o prezo por purgarse do «faescismo». Economía de risco: perder agora para gañar máis tarde. Aí mídese a viabilidade política do marianismo.

04/06/2008

Soidades zapatistas


Laura Castellanos, xornalista, e Ricardo Trabulsi, fotógrafo, armaron Corte de caja con dúas macroentrevistas ao subcomandante Marcos e con retratos en Cidade de México e Chiapas. Unha síntese adiantouse en Gatopardo, agora sae a segunda edición do libro tras esgotar os primeiros 2.000 exemplares. Sublíñase a perda de vigor dos vencellos do zapatismo cos intelectuais e coa esquerda en México e no mundo. O seu isolacionismo mediático faise sentir de xeito ancorante. Unha intervención contrainsurxente gaña credibilidade e entolda o futuro. Marcos exprésao claramente: «Estamos como en 1993, pero ao revés. Daquela estabamos preparando o alzamento, sen medios, sen xente, sen atención, non existiamos logo, pero agora é ao revés. É o goberno o que está preparando o ataque.» Illado, á defensiva, xa hai quen cualifica a Marcos como un «mito en crise».Tanta soidade constrasta coa simpatía política e a solidariedade doutrora. Entre tanto abandono o éxito editorial é o único que bota pouco de luz sobre a situación desesperanzada do EZLN e non estraña que o Subcomandante faga un eloxio da indefinición estratéxica: «O EZLN está nunha indefinición, estamos afeitos a iso e é así como nos saen mellor as cousas». Agardar e ver, zafar como se poida.

03/06/2008

Taxonomías

Diferenza entre un político e un líder? A resposta é de López Burniol: «Sinxelamente, que un líder percibe con claridade a situación en que se atopa o seu país, conforma un proxecto de futuro, expono sen rodeos e a xente séguelle porque ten credibilidade e, en consecuencia, identifícase con el. En cambio, un político esgota o seu quefacer na conquista e a preservación do poder, utilizando métodos de mercadotecnia.» O proxecto Globe investigou os atributos dun liderato eficaz nas diferentes culturas e atoparon patróns de conduta que definen o líder en todos os países: 1) liderado carismático ou baseado en valores (inclúe condutas relacionadas coa inspiración, a visión e o autosacrificio); 2) liderado orientado ao equipo (inclúe condutas como colaboración, integración e diplomacia); 3) liderado auto-protector (define ao líder centrado en si e consciente do status); 4) liderado participativo (define a un líder democrático con tendencia a delegar); 5) liderado humano (define ao líder modesto e orientado cara aos demais) e 6) liderado autónomo (define ao líder individualista e independente). Que elemento impide que o líder torne en caudillo? A madureza da cultura organizativa que o arrodea. Que fai que se converta nun «político»? A natureza desa mesma cultura organizativa.

31/05/2008

Obituario trastempado

Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.

Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.

Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.

30/05/2008

Distopía: o e-Leviathan

Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.

Mike Davis reflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»

Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.

Brevidades

En Servabo. Memoria de final de século, Luigi Pintor ofrécenos poucas e afinadas letras para reconstruír unha biografía callada de firmes compromisos e décadas de mesta historia. Considerado por Berlinguer como a pluma «máis brillante e aguda» de Italia, Pintor traballou, entre 1945 e 1965, en L’Unita e foi fundador, en 1969, de Il Manifesto do que será director en diferentes etapas.

Un post de Brétemas sobre a lectura en pantallas e as sabidas recomendacións de acoutar os textos a esas mínimas e máxicas duascentas palabras faime lembrar a testemuña minimalista de Pintor: «Durante anos apliquei á escritura as técnicas meticulosas que se usan nun teclado. Recortaba e limaba os meus escritos publicados no xornal: interminábeis resumos de discursos alleos e tímidas probaturas personais, descubrindo que de tres liñas sempre hai unha que sobra e chegando á conclusión de que dúas páxinas (como aínda sosteño) son suficientes para esgotar calquera argumento. Agora penso que practiquei unha profesión e un tipo de existencia moi diferente do que me propuxera. Dúas páxinas acumuladas cada día no curso dos anos, como os novelescos peixiños de ouro colombianos, forman unha pila dunha altura semellante a 12.000 follas de calendario, un longo fragmento de vida.»

28/05/2008

Burke ou Lecter?

A canibalización do líder é a estratexia dominante no debate do Partido Popular. É fundamental paparlle apoios ao único candidato proclamado para ocupar a súa presidencia. Roer até deixar só os ósos limpos de Mariano. O retruque do obamaniano «Si, podemos» por un esmagador «Con Mariano non hai maneira» alenta as achegas deconstrutivas de Aguirre, Elorriaga e outros correlexionarios de afiados dentes e fames atrasadas.

Cada trabada mingua o futuro político de Rajoy que en mala hora se propuxo deixar de ser un «continuísta sen complexos» do aznarismo para recuperar o PP como proxecto de centro-reformista. Liquidar o catastrofismo como materia do labor opositor e a anatemización do diálogo cos nacionalistas como marco de imposíbeis alianzas estratéxicas representa un programa de reformismo (demasiado) forte que é agremente cualificado como liquidacionismo polos canibalizadores.

Ao PP, entregado aos apetitos desbocados de Hannibal Lecter, iríalle mellor se atendese á recomendación de Edmund Burke: «Ningún grupo pode actuar con eficacia se falta o concerto; ningún grupo pode actuar en concerto se falta a confianza; ningún grupo pode actuar con confianza se non se atopa ligado por opinións comúns, afectos comúns, intereses comúns.» Xa, pero ese fígado sanguento de Mariano resulta tan apetitoso... Ñam, ñam.