14/03/2008

O compás ideolóxico do votante medio

O actual código de circulación electoral semella prohibir calquera xiro á esquerda. Moitos dos analistas do 9-M subliñan que o electorado esvarou de modo xeneralizado cara a posicións máis moderadas e votou opcións situadas á dereita das súas preferencias políticas. Entre antigos electores de IU ou ERC, o voto útil ao PSOE verifica o seu desprazamento pragmático cara a postulados ideoloxicamente máis mornos, algo que acontece tamén nos segmentos máis radicais da esquerda volátil acantoados noutrora na abstención. Votantes propios do PSOE tamén exerceron o seu voto aceptando esa deriva dereitizante xa que o programa de Zapatero 2.0 está moito máis centrado que o de Zapatero 1.0.

Pola súa parte, a estratexia do Partido Popular renunciou hai tempo ao centrismo reformista que abandeirou en 1996-1999 e procurou a fidelización dunha base electoral que, ao longo de catro anos, macerou regresivamente nun caldo ultraconservador. Presentouse e obtivo os seus votos argumentándose como unha dereita alén da dereita.

O desprazamento electoral de votantes de EA ao PNV ou do PNV cara ao PSE, ou de ERC cara a CiU obedeceu tamén a un estímulo político de moderación. A única excepción serían os electores de Unión Progreso y Democracia, apegados a transversalidade do novo españolismo, que proviñan do PP, xa que os que votaron ao PSOE en 2004 tamén xiraron nas súas preferencias cara á dereita.

O termómetro do CIS

Os CIS gasta abondosos esforzos demoscópicos para fixar a temperatura ideolóxica do votante estándar do Estado español determinando o seu autoposicionamento nunha regra do 0 ao 10, onde 0 é a posición de máxima esquerda e o 10 a da dereita máis extrema.


Desde 1996 a 2008 é posíbel identificar seis fases.

[1] 1996-2000: Xiro acusado á dereita. Prodúcese unha crecente dereitización do votante medio pasando dun 4,79 ao 5,1 en xaneiro de 2000. Durante o goberno, en minoría parlamentaria, do Partido Popular, a autolocalización ideolóxica do votante estándar virou do centro-esquerda ao centro-dereita sobardando a divisoria do 5.

[2] 2000-2003: Moderación centrista. Sinálase un retorno ao valores medios de principios de 1996 –4,79–, un aggiornamento moderado como consecuencia da instalación do PP nunha cómoda maioría.

[3] Xiro moderado á dereita. De xaneiro de 2003 a finais do verán de 2004 documéntase unha etapa de moderada dereitización que leva ao votante estándar a achegarse aos valores promediais do período 2001-2003 ao redor de 4,9.

[4] Outono 2003–marzo 2004: xiro acusado á esquerda. O votante medio xira decididamente cara ás posicións de centro-esquerda. Son os tempos que van desde o Nunca Máis ás mobilización contra a guerra de Iraq e as mentiras do 11-M. O votante autositúase no verán de 2004 nun 4,60, desde 1996 o votante medio nunca foi máis de centro-esquerda que neste momento.

[5] Marzo 2004–verán 2006: Reequilibrio cara ao centro-dereita. Desde a toma de posesión de Rodríguez como presidente vaise producir unha moderada dereitización que nunca acadará os valores dos periodos anteriores, cifrándose sempre por debaixo do 4,8 con oscilacións cara ao centro-esquerda que nunca caen por debaixo do 4,65.

[6] Outono 2006–xaneiro 2008: xiro á dereita. Desde o outono de 2006 apúntase unha tendencia xeral á dereitización pasando dun rexistro de 4,65 en outubro de 2006 a un de 4,80 en xaneiro de 2008, unha tendencia que cabalga co fracaso do proceso de paz en Euscadi e que se activa intensamente a partir da voadura da T-4 en decembro de 2006.

Haberá que agardar a que o CIS nos entregue os datos do último trimestre para saber se o triunfo do PSOE se produciu co compás ideolóxico do votante medio mirando cara á dereita (cara ao centro-dereita) ou virando cara á esquerda (cara ao centro-esquerda).

5 comentários:

cneirac disse...

O que me asombra desa gráfica é que nin sequera no cumio da era Aznar (ano 2000) a sociedade española fora quen de atinxir o punto medio da escala (que é o 5,5 e non o 5).

O que me ensombra desa gráfica e que nin cunha sociedade claramente virada á esquerda as forzas políticas sexan quen de materializar esa realidade nunha maioría abrumadora de progreso.

Colazo disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Colazo disse...

Pois eu aposto máis pola abstención como causa da perda de máis do 25% de votos do PNV, EA e Aralar.
Como se ZP lles dera a autoderminación...
Eu non me considero un radical e si un votante do BNG, formación máis "moderada" que EA, Aralar(incluso co PNV como nacionalista), e que nunca, nunca, nunca, votaría ao PSOE ou partido estatal en xeral.

En Cataluña o PSC gañou case 100000 votos por máis de 300000 que perdeu ERC, ICV-EUiA 50000.

A miña conclusión nestas eleccións é, se ZP é presidente do goberno español dicindo que é de esquerdas, o PSdG está aproximándose ao PPdG, dicindo tamén que son de esquerdas, que fai Quintana dicindo iso de que o Bloque non é de esquerdas nen de dereitas.

Á xente que lle expliquen que iso da dereita non vai da man do ensino e da sanidade pública, e a ver despois se están máis pretos do 1 ou do 10. Tamén poderían facela pregunta ao revés, que iso de puntuarse un á baixa ten a súa connotación negativa "académica"

Ian disse...

Colazo non lle retruco as súas observacións sobre a viraxe cara á abstención porque creo que leva razón, os que votaban PNV, EA e Aralar e foron votar fixerono creo que a súa dereita... os que se abstiveron fixérono elixiron aínda máis á dereita, porque a abstención era obxectivamente un favor á maioria do PP ou do PSOE

Colazo disse...

Isto, no meu caso é falar máis ben por intuicións, porque por poder, de eses 300000 que non volveron votar a ERC puideron votar todos ao PSC, e ser 200000 os que votaran ao PSC e agora que se abstiveran.
ERC capitalizara moito voto anti-PP, pero os nacionalistas cataláns xa tiveran 18 deputados só con CIU.
A miña opinión, no anterior comentario, non deixa de ser o que eu creo como máis probábel e que facendo unha sondaxe, enquisas telefónicas... se podería ver se estou máis ou menos acertado.


Non creo que ao PNV se lle foran moitos votantes ao PSE, sempre tiven a impresión de que a diferenza de Cataluña, (xeralizando)os López votan ao PSOE, PP e os Ibarretxe ao PNV, EA, Aralar...
Esta era unha boa oportunidade para os vascos para darlle o lombo a ETA se Aralar tivese os votos da esquerda abertzale sen condena-la violencia, pero a realidade é que aumentou a abstención e que eses 9000 votos que perdeu Aralar se puideron solidarizar con Batasuna.

Outro dos meus pareceres, no tema esquerda/dereita, é que se reduce a PSOE/PP, coma no fútbol Barça e Madrid. Hai madridistas van ser madridistas con Anelka ou con Zidane. E hai un nº de "chaqueteiros" que votan na dirección en que sopre o vento.
Nas eleccións xerais, hai votantes nacionalistas que pasan de votar, ao considerar as autonómicas máis súas, as súas eleccións. O PSOE e o PP mobilizan máis o seu posíbel electorado, porque venden posibilidades reais de gobernar e os nacionalistas que ao mellor pactan, que van defendelos nosos intereses... e esquécense que tamén teñen que facer oposición. Esta palabra non debería ser patrimonio exclusivo do PP, exercela e visualizala como unha crítica necesaria ao goberno. Os nacionalistas teñen que buscar como mobilizar ao seu posíbel electorado sempre, porque efectivamente como ben dixeches "a abstención era obxectivamente un favor á maioría do PP ou do PSOE".
O PSOE que gañe onde non hai nacionalistas e para facelo ao mellor ten que darlle un ministerio, para que os españois viran que non comen a ninguén e incluso quedar coas gañas de poder votalos. O mapa do Estado ten pouco vermello i elles perigoso.http://www.generales2008.mir.es/99CG/DCG99000RC.htm

Desculpe por estenderme tanto