Se Leonardo Sciascia fose galego, tería feito un delicioso libro sobre laicismo, librepensamento e xustiza tomando como materia histórica o proceso penal de 1880 contra Curros Enríquez. En 2001, Benito Montero Prieto ocupouse da composición documental e de desenvurullar o tramado xudicial que fixo que Curros tivese que dar conta nos tribunais dos seus versos.
Entendeu Manuel Mella Montenegro, xuíz de instancia de Ourense, que os versos de Aires da miña terra contiñan aldraxes e burlas a Deus e ao Papa e eran constitutivos dun delito contra a liberdade de cultos segundo o artigo 240 do Código Penal daquela vixente.
A sentenza de Mella Montenegro, do 4 de agosto de 1880, condenou a Manuel Curros Enríquez á pena de 2 anos, 4 meses e un día de prisión correccional e 250 pesetas de multa con arresto substitutorio de 1 día por cada 5 pesetas non pagadas, coas accesorias de suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante a condena, así como a inutilización dos libros ocupados. Rudo castigo a unhas letras libres.
A Audiencia da Coruña atendeu a apelación de Curros o 11 de marzo de 1881 e revogou a sentenza do xulgado ourensán, absolvendo a Curros do delito que se lle imputaba, ao tempo que declaraba que esta causa non prexudicaba o seu bo nome e reputación e ordenaba devolver ao editor os exemplares secuestrados do libro Aires da miña terra e cancelar a fianza prestada polo procesado.
Hoxe Manuel Rivas ocupouse de actualizar o caso contra Curros á luz do nomeamento de Rouco Valera como presidente da Conferencia Episcopal e Dolores Vilavedra vindicou ao poeta e xornalista de Celanova como o noso inconformista rabudo máis universal. A ocasión era acaída, Sciascia tampouco a deixaría pasar en balde o douscentos aniversario da súa morte para evidenciar que Curros Enríquez segue vivo, moi vivo.
07/03/2008
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Douscentos?
No bonito libro sobre Curros escrito por Celso Emilio que agora teño entre as mans, cóntase as liortas que houbo na Coruña previo ao definitivo soterramento do poeta, case un mes despois do pasamento.
Descoñecía eu esa historia.
Off topic: Desexo que vostede mañá a estas horas esté canso pero feliz, sería boa cousa para todos nos.
Enviar um comentário