O Molt Honorable Jordi Pujol participa no ciclo Conversas con... A súa disertación déitase humorada e sen rumbo definido nun repaso eslaiado dos cambios tecnolóxicos, sociais e políticos do mundo (pre/proto)globalizado. No fío das súas palabras anóanse dúas achegas memorábeis.
A primeira é unha frase feliz: «A alegría é un activo económico fundamental.»
A segunda foi a súa sentida homenaxe a don Valentín Paz Andrade, a quen Pujol recoñece toda a súa grandeza no feito de ter sido «un home fiel ao seu país» nun tempo en que as lealdades a Galiza cotizaban ben pouco.
Rememorou o ex-President que, cando se organizaron os primeiros diálogos da oposición democrática con Adolfo Suárez para tramar a Transición, na mesa sentábase o PNV para dar voz a Euscadi e Convergència para dar conta de Cataluña. Galiza tiña unha cadeira pero non había unha opción galeguista organizada que a ocupase.
Ese baleiro encheuno a fidelidade de don Valentín Paz Andrade á espera dunha representación política de Galiza que, como ben sabemos, tardou moitos anos en chegar. Non é mala cousa que alguén de fóra veña lembrarnos a débeda que temos con don Valentín por ter coidado, en soidade, daquela abandonada cadeira de Galiza.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
Ben, a vida ten algo máis que angustias, non?
Afortunadamente vanse carretando tamén alegría e boas noticias, poucas pero suficientes para ir tirando.
Enviar um comentário