Para ir entrando en materia releo a carta que Maquiavelo manda, desde o seu exilio en San Casciano in Val di Pesa, ao seu colega Francesco Vettori en decembro de 1513 e que ben podería ter titulado Cousas que facer en Florencia cando estás (politicamente) morto (ou case). Aquí a deito a súa fermosa escrita:
Nas miñas terras estoume, e desde as miñas últimas desventuras non permanecín, xuntándoos todos, nin vinte días en Florencia. Érgome co sol e vou ao bosque meu que están tallando, onde paso dúas horas, inspeccionando os traballos do día anterior e conversando cos leñadores, que sempre teñen algún preito entre eles ou cos seus veciños.
E deixando o bosque, diríxome a unha fonte, e de alí ao sitio onde dispoño as miñas trampas para cazar paxaros, cun libro debaixo do brazo: Dante, Petrarca, ou un dos poetas menores, como Tibulo ou Ovidio. Leo dos seus amores e paixóns que, ao recordarme as miñas, entretéñenme saborosamente neste pensamento. Tomo logo o camiño da hospedaxe, onde falo cos pasaxeiros e pídolles noticias dos seus lugares, co que oio diversas cousas e noto os varios gustos e humores dos homes. Chega nisto a hora do xantar, no que consumo coa miña familia os alimentos que pode dar esta pobre terra e o meu minguado patrimonio. Logo de comer, volvo á hospedaxe, onde co pousadero están, polo común, un carniceiro, un muiñeiro e dous panadeiros. Con eles me encanallo xogando ás cartas ou ás damas, do que nacen mil disputas e infinitas ofensas e palabras inxuriosas, e moi miúdo combátese por un centavo, e hai veces que desde San Casciano nos oen berrar. E nesta piollada hei de mergullarme para que non acabe de amofarse o cerebro, e para desafogar esta malignidade da miña sorte.
Á noitiña, volvo a casa e entro no meu estudo, no limiar desposúome daquel traxe da xornada, cheo de barro e manchas, para vestirme roupas de corte real e pontificia; e así ataviado honorabelmente, entro nas cortes antigas dos homes da antigüidade. Recibido por eles agarimosamente, nútrome daquel alimento que é privativamente meu, e para o cal nacín. Nesta compañía, non me avergoño de falar con eles, interrogándoos sobre os móbiles das súas accións, e eles, con toda humanidade, respóndenme. E por catro horas non sinto o menor fastío; esquezo todos os meus coidados, non temo a pobreza nin me espanta a morte: a tal punto todo eu síntome transportado a eles. E guiándome polo que di Dante, sobre que non pode haber ciencia se non retemos o que aprendemos, puxen por escrito o que da súa conversación apreciei como o máis esencial, e compuxen un opúsculo De Principatibus, no que aprofundo até onde podo os problemas deste tema: que é a soberanía, cantas especies hai, e como se adquire, se conserva e se perde.
2 comentários:
Ho un libro sotto, o Dante o Petrarca, o un di quiesti poeti minori, come Tibullo, Ovidio, e simili; leggo quelle loro amorose passioni e quelli loro amori, ricordomi de'mia; godomi un pezzo in questo pensiero.
Digo eu: cómo é posible que Maquiavelo considere poeta menor a Tíbulo, o poeta namorado de Delia? ou o Ovidio do Ars Amandi?
Comprendo que lle doa especialmente a mingua a que somete ao poeta de Delia. Supoño que na alta estima de Dante e Petrarca pesa e non pouco que son toscanos e clasicos modernos como o propio Nicolás.
Enviar um comentário